Opinión

A-8, o Angrois da Mariña

A casualidade quixo que cando se cumpría un ano do terrible accidente ferroviario de Angrois a historia se repetise, esta vez na Mariña e cunha autovía como protagonista. O acontecido na A-8, no tramo entre Abadín e Mondoñedo, é novamente o exemplo de como se deseñan e se contrúen por parte do Ministerio de Fomento as infraestruturas en Galiza e deixa en envidencia unha vez máis a tremenda irresponsabilidade de quen inaugura unha infraestrutura sen as medidas de seguridade necesarias.

A casualidade quixo que cando se cumpría un ano do terrible accidente ferroviario de Angrois a historia se repetise, esta vez na Mariña e cunha autovía como protagonista. O acontecido na A-8, no tramo entre Abadín e Mondoñedo, é novamente o exemplo de como se deseñan e se contrúen por parte do Ministerio de Fomento as infraestruturas en Galiza e deixa en envidencia unha vez máis a tremenda irresponsabilidade de quen inaugura unha infraestrutura sen as medidas de seguridade necesarias.

"É intolerable que unha autovía que acaba de abrirse hai escasamente 5 meses presente estes problemas de seguridade viaria".

É intolerable que unha autovía que acaba de abrirse hai escasamente 5 meses presente estes problemas de seguridade viaria. Porque non estamos falando dunha infraestrutura obsoleta aberta nos anos 60 ou 70, estamos falando dun tramo inaugurado a bombo e platillo (como sempre fixo o Ministrio de Fomento) o pasado mes de febreiro. 

Dicía a ministra de Fomento, Ana Pastor, precisamente ese día 3 de febreiro na inauguración deste tramo que "con la construcción de la Autovía A-8 del Cantábrico se pretende canalizar el importante tráfico de largo y medio recorrido que discurre por el norte peninsular, desde Galicia hasta el País Vasco, abriendo una nueva vía de comunicación segura, moderna y eficaz para las comunicaciones nacionales e internacionales, sustituyendo a la actual N-634 de San Sebastián a Santiago de Compostela. La finalización de estos tramos de autovía supone para los 8.000 vehículos que de media circulaban diariamente por la N-634, tráfico que se eleva significativamente durante el verano, una importante mejora en la comodidad, velocidad y seguridad de tránsito al evitar la antigua carretera en la ascensión desde Mondoñedo hacia el alto de A Xesta".

"Mentras Ana Pastor, Feijóo e moitos alcaldes do PP aplaudían a inauguración desa vía tan segura da que falaba a ministra, eu, ao igual que moitos cargos do BNG e os alcaldes de Mondoñedo e Riotorto manifestabamonos xunto aos veciños pedindo melloras na infraestrutura e nos accesos"

Xa había néboa aquel 3 de febreiro no alto do Fiouco e mentras Ana Pastor, Feijóo e moitos alcaldes do PP aplaudían a inauguración desa vía tan segura da que falaba a ministra, eu, ao igual que moitos cargos do BNG e os alcaldes de Mondoñedo e Riotorto manifestabamonos xunto aos veciños pedindo melloras na infraestrutura e nos accesos, nunha autovía que se abría ao tráfico 27 anos despois de que fora proxectada e anunciada, logo de teren pasado polo cargo 7 ministros do PP e do PSOE (Sáenz de Cosculluela, Josep Borrell, Rafael Arias Salgado, Francisco Álvarez-Cascos, Magdalena Álvarez, José Blanco e Ana Pastor). 

Neste caso, como no caso de Angrois, hai responsabilidades compartidas tanto do PP como do PSOE no deseño e posta en marcha desta infraestrutura sen as medidas de seguridade suficientes. O proxecto inicial, que contemplaba levar a autovía por outra vertente cunha cota máis baixa, foi reformado no ano 2009 por parte do Ministerio de Fomento, sendo ministro o señor Pepe Blanco, alegando problemas xeolóxicos do terreo e levando a A-8 polo curuto do monte, onde as neboas son continuas e persistentes. A súa substituta, a señora Ana Pastor, deu remate á obra e puxo en marcha a infraestrutura tal como estaba. Gastáronse nestes dous tramos entre Mondoñedo e Abadín 192 millóns de euros (un fantástico negocio por certo para as grandes construtoras como Ferrovial ou a OHL de Villar Mir, que foron as que se adxudicaron estes tramos) e as únicas medidas de seguridade que se puxeron foi instalar unhas luces led contra a néboa que uns días alumean e outros non e que nos días de néboa mesta, os máis deles nesta zona, nin se ven. 

Van só 5 meses desde a súa apertura e provocáronse xa numeroros accidentes e a primeira vítima mortal neste treito, nun tremendo accidente en cadea con medio cento de vehículos implicados e ducias de feridos, converténdose xa tristemente este tramo nun perigoso punto negro da circulación por estrada en Galiza. Así pois, non chega con condolencias, declaración institucionais e palabras de pésame, hai que actuar.

"Como no caso de Angrois, hai responsabilidades compartidas tanto do PP como do PSOE no deseño e posta en marcha desta infraestrutura sen as medidas de seguridade suficientes".

Por iso desde o BNG queremos que técnicos de Fomento e expertos en seguridade vial revisen este tramo para detectar posibles fallos de trazado ou eivas en canto a sinalización, que de xeito inmediato se incorporen as medidas de seguridade necesarias para evitar novos sinistros e que o señor Feijóo, que en febreiro acompañou á ministra Ana Pastor na inauguración, non se desentenda do problema e tome medidas no asunto, porque non chega con recomendar "prudencia" aos condutores, como fixo o señor Rueda, hai que adoptar as medidas necesarias para que non se produzan máis accidentes. 

E que cada un asuma as súas responsabilidades porque, xa digo, este é un exemplo máis da actuación dos ministros galegos de Fomento, do PP e do PSOE. Unha chapuza máis de Fomento en Galiza, porque que agora se anuncien por parte do Ministerio novas medidas de seguridade adicionais deixa en evidencia que as que había non eran suficientes. Coma en Angrois cando ao día seguinte do sinistro se anuncia a implantación dun novo sistema de seguridade que, de terse colocado con anterioridade, tería evitado o accidente. Deixa en evidencia, pois, a irresponsabilidade de quen deseñou a infraestrutura sen ter en conta os factores de perigo evidentes e de quen abríu esa infraestrutura nesas condicións. 

Comentarios