Opinión

Expresións “alarmantes” en sede escolar

Na miña relación cotiá con alumnos dos primeiros cursos de secundaria non é infrecuente escoitar as típicas expresións castelás “es un chivato”, “se chivó” etc. Segundo o dicionario da RAE o verbo chivar ten como penúltima acepción a seguinte: “6. prnl. coloq. Delatar algo o a alguien, o revelar con mala intención algo oculto que perjudica a otro”. A expresión “con mala intención” denota un claro compoñente negativo. Posto que escoitar este tipo de expresións é síntoma de que existe conflito entre os rapaces, un día decidín dedicarlle unha clase de titoría aos termos chivarse e chivato. 

Tras analizarmos a definición, pedinlles que me puxesen exemplos reais: “fulanito se chivó de que sacara el móvil”, “menganito se chivó de que bajara la mascarilla y de que me había levantado de mi sitio”, “zutano le pegó a ....”. Deixando á marxe a primeira das “chivatadas” (en que podería ser discutible a “mala intención”), intentei facerlles ver que debiamos ter en conta que non cumprir as normas Covid, inmersos como estabamos na denominada “terceira onda”, podía levar asociado poñer en risco a Saúde Pública. Polo que respectaba ao terceiro dos exemplos, “zutano le pegó a ....”, manifesteilles que, coma no caso anterior, non deberiamos falar de “chivarse” senón de “denunciar” ou “delatar”, isto é, revelarlle á autoridade o que podería considerarse un posible delito.

O enfrontamento era evidente e parecía irreconciliable. Un dos alumnos dixo que para el chivato era aquel que por dicir a verdade acababa sendo mal visto polos seus compañeiros.

A definición semelloume contundente e moi explícita. Manifestei que, aténdome a esta definición, o seu profesor-titor declaraba que era un “chivato” e animábaos a que seguisen sendo “chivatos”. Como docente e adulto, creo que deberiamos dedicarlle uns minutos de reflexión ao asunto: o feito de dicir a verdade (denunciar o incumprimento de normas ou denunciar un caso de agresións repetidas) pode levar asociada a coacción por parte das autoridades competentes superiores, que tentan gardar o lixo debaixo das alfombras no canto de varrelo. Un psicólogo do Teléfono contra el acoso escolar díxome dunha volta: “denunciar un posible caso de acoso en contra de la voluntad de tus superiores, hará que el acosado seas tú”.

Remato dicindo que certas expresións que se escoitan entre membros do sistema educativo sempre me impactaron e me impactarán, malia que, froito dun “aborregamento” puntual, poida ser partícipe de tales desaguisados: “son cosas de niños”, “entre ellos se arreglan”, “es una madre un poco pesada”, “se trata de agresiones puntuales”, “para qué te metes”, “no es acoso, agrede a varios”, “no hay ciberacoso ni aislamiento”, “de cuántas agresiones hablamos” ou “como Administración no podemos hacer más”.

Pero... de verdade non podemos facer máis, ou non nos interesa? Aí queda a pregunta!

Comentarios