Opinión

Galicia, república e a monarquía (diálogo co Prof. Bastos)

Hai un mes, o meu colega e amigo Miguel Bastos publicou en Nós un artigo encol dese problema, afastándose dos camiños trillados e dándonos “food for thought”.  Con todo, eu faría algunha matización. E se el non concorda, fará moi ben.  Non ten por que concordar; a discusión é a respiración da universidade.

Non estará de máis lembrar que os nosos devanceiros, os petrucios galeguistas, nos anos trinta xa se plantexaran a accidentalidade da forma de goberno española, con resultados ben coñecidos. Galicia non se beneficiara moito da monarquía, nin, despois, da República (que, no fondo, era centralista).

O punto clave sería o seguinte: o que dí Bastos sobre monarquía, en xeral, e república, en xeral, paréceme correcto; o que dí sobre a monarquía británica, tamén. Pero (sempre hai un pero), é aplicable á monarquía española? Ben pensado, se Isabel II segue a ser raíña do Canadá, Australia ou Nova Zelanda, por que non podería selo dunha Escocia independente? Cando foi do referendum do 2014 sobre a independencia escocesa, ela evitou todo pronunciamento parcial ou odioso para calquera dos bandos. Compárese coas indisimuladas ameazas de Felipe VI a Cataluña. Ten Escocia algo que temer de Isabel II?

Cando foi do referendum do 2014 sobre a independencia escocesa, ela evitou todo pronunciamento parcial ou odioso para calquera dos bandos.

En principio, non. Ten, o independentismo catalán, ou galego, ou murciano, se houbera, algo que temer dun rei/alto funcionario do estado centralista español? Si; como de todos os Borbóns desde 1715. Certo que a república en Francia foi agresivamente centralista; pero o centralismo do monárquico século XIX español construírase sobre o modelo fornecido por aquel republicanismo francés. Así que, se os Borbóns españois dos séculos XIX e XX amosáronse tan centralistas como a Francia republicana, foi por imitar o estado centralizado francés (aínda que mal) e sobre ese modelo construiron (básicamente, os “liberais” do XIX) a España actual.

Cando a segunda restauración de 1975, Juan Carlos non fixo nada pola diversidade territorial nin polos antigos reinos; nin no terreo simbólico, tan importante nas monarquías; nin o mínimo, que non lle custaría nada, como veranear en todas as comunidades autónomas, unha por ano. Ninguén lle impediu tampouco titularse “Rey de las Españas”, e non o fixo, a pesares de que Carlos III era “Hispaniarum et Indiarum Rex”, como poñen as moedas. 

Tamén podería lexítimamente empregar os títulos en vigor até o s.XIX: “Rey de Castilla, de León, de Aragón, de Navarra, de Granada, de Toledo, de Valencia, de Galicia, de Mallorca, de Menorca, de Sevilla, de Córdoba, de Jaén, de Algeciras, de Gibraltar, de las Islas de Canaria; Conde de Barcelona; Señor de Vizcaya y de Molina, &” (Novísima Recopilación, 1805).  No 2020, a España, iso non lle interesa nada (nin no 1920, sexamos claros).  Os Austrias non eran confederais, nin Galicia lles debe moito, pero tiñan unha “monarquía múltiple” (concepto español da época, relacionado có británico): un mesmo rei reinaba en moitos reinos, na España e fóra, pero con leis e institucións diferentes. De aquela monarquía múltiple, nada sobrevive hoxe, porque os Borbóns aplicáronse inmediatamente a acabar con ela (Decretos de Nova Planta, 1707-1716).

Se o republicanismo vése feble, fará concesións a Galicia e outros, como no 1931, ou como Podemos.

A cuestión de fondo non estaría, así, na forma de goberno, senón en España mesma, e, últimamente, en Madrid e no “Palco do Bernabeu”. Témome que Galicia (ou Zamora, ou a inmensa España baleirada) teña pouco que agardar, con monarquía ou con república.  Se o republicanismo vése feble, fará concesións a Galicia e outros, como no 1931, ou como últimamente Podemos coa operación estética das Mareas; pero concesións só tácticas ou retóricas. A república norteamericana non é uniformadora, como ben sabe Miguel Bastos, pero eso é máis por anglosaxona que por república.  Azaña era centralista.  Conxetura suxeita a discusión: Unha III República feble pode aumentar un pouco as nosas posibilidades de autogoberno... até que Madrid volte a se sentir forte.

Comentarios