Opinión

A SGAE, cosa nostra...

Debido á relevancia que está a tomar nos últimos tempos, e máis aínda coa crise o debate sobre os dereitos de autor, e en concreto o papel da Sociedad General de Autores y Editores de España (SGAE) no cobro deses dereitos,  quero facer algunhas aclaracións.

Debido á relevancia que está a tomar nos últimos tempos, e máis aínda coa crise o debate sobre os dereitos de autor, e en concreto o papel da Sociedad General de Autores y Editores de España (SGAE) no cobro deses dereitos,  quero facer algunhas aclaracións.

"A SGAE na realidade se ten demostrado como unha entidade moi lucrativa para algúns dirixentes e asociados e mesmo leva incursa en continuas polémicas por corruptelas e debates arredor de lucro indebido mesmo entre asociados".

En primeiro lugar, no que fai referencia ao carácter asociación sen ánimo de lucro da SGAE, non podemos considerar que o simple feito de ser unha organización desta clase a libere de ser criticada nin tampouco de que estas organizacións podan realizar actividades non axustadas ao dereito. A SGAE na realidade se ten demostrado como unha entidade moi lucrativa para algúns dirixentes e asociados e mesmo leva incursa en continuas polémicas por corruptelas e debates arredor de lucro indebido mesmo entre asociados.

Cando a SGAE se ampara na legalidade para xustificar algún exceso na súa maneira de actuar debemos lembrar que a primeira actuación da que non está clara a legalidade é o cobro do canon polos cds e dvds virxes. Este cobro conculca un principio constitucional básico como é a presunción de inocencia. Así, pártese da base de que calquera persoa que compra un soporte de gravación faino para reproducir obras que son propiedade da SGAE. Se a isto sumamos a presunción tamén de que todo o que se emite a través dun aparato de televisión ou radio dun local de hostalaría está tamén tirado do repertorio da SGAE, estamos saltando o mesmo precepto e considerando a todos os cidadáns e profesionais como presuntos delincuentes.

A “voracidade” da SGAE faise evidente cando ademais de cobrar un canon inxusto, este aumenta un 30% no ano 2005, para suplir, coa complicidade do goberno de turno, a baixada de vendas da industria discográfica e a imposibilidade por parte das autoridades de controlar a piratería de masas. Así, encarécense os soportes e perséguese a aqueles que utilizan cada día máis as novas tecnoloxías a título individual. Os datos que emprega a SGAE para xustificar esta política baséanse en informes da propia industria que afirma que un 70% dos cds e dvds virxes que se venden son para “piratear”. Sen dúbida estas afirmacións benefician aos intereses desta industria e non aos usuarios nin aos artistas.

"A primeira actuación da que non está clara a legalidade é o cobro do canon polos cds e dvds virxes. Este cobro conculca un principio constitucional básico como é a presunción de inocencia".

Por outra banda, con todos estes datos e valoracións parece que a SGAE está a esquecer o principal: a difusión e defensa da arte. Unha cousa é protexer os dereitos dos artistas e outra moi diferente é limitar a promoción das súas obras. Non todos os artistas son millonarios nin teñen a posibilidade de editar o seu traballo, nin as canles de difusión están abertas a todos, por desgraza.

Curiosamente, no tema dos dereitos de autor os artistas que máis protestan son os que máis se benefician deses dereitos, e tamén son os que menos precisan que a súa arte teña máis canles de difusión distintas das que dependen directamente da industria. Son os pequenos artistas independentes, pequenos grupos de asociacións de veciños, comisións de festas, pequenos empresarios, etc, os que reciben máis presión por parte das entidades de defensa dos dereitos de autor. Os que viven da súa propia xestión e permiten que non morra a cultura popular. Sen chegar a grandes concertos multitudinarios conseguen sumar, sen embargo, milleiros de persoas nas múltiples manifestacións culturais por todo o país.

Se atendemos a criterios obxectivos de potenciación de expresións artísticas, estes últimos son os que deberan recibir unha discriminación positiva, tanto en axudas como en eliminación de obstáculos para a súa difusión, dado que a maior parte destes grupos e entidades están constituídos como asociacións sen ánimo de lucro tan dignos como a SGAE, e que habitualmente os escasos cobros que fan reverten directamente na súa manutención e subsistencia. Se afogamos economicamente ás entidades e institucións que promoven este tipo de manifestacións artísticas, estamos contribuíndo á desaparición de un grande legado cultural e social, con un incalculábel valor.

Resulta curioso ver como no pasado o Partido Popular ten criticado duramente á SGAE e hoxe, no poder, cala e mesmo axuda a afogar máis á cultura pasando do 8 ao 21 % o IVE cultural e afogando así a unha industria que da máis beneficios ao estado das axudas que recibe. Se falamos de sentenzas e solidariedade, en canto ao primeiro resulta paradóxico que sexa a Sociedad General de Autores y Editores de España a entidade que maior número de pleitos abertos ten en todo o estado, e nin moito menos todos eles rematan en fallos favorábeis para esta institución. A solidariedade ben entendida debe abranguer a todos, non é comprensíbel que unha entidade que di representar aos autores pretenda cobrar cando estes renuncian aos seus dereitos en favor de unha causa concreta.

"Son os pequenos artistas independentes, pequenos grupos de asociacións de veciños, comisións de festas, pequenos empresarios, etc, os que reciben máis presión por parte das entidades de defensa dos dereitos de autor". 

A liberdade de expresión debe garantir o dereito a disentir, pois as leis non son divinas e a democracia obriga ao cumprimento das leis, mais non a estar de acordo con elas. Debemos aspirar sempre a melloralas e a modificalas no suposto de que se considere que non son xustas, poñendo sempre por diante os intereses do conxunto dos cidadáns.

Se a propia SGAE recoñece que só en Galiza recada por distintos conceptos millóns de euros anuais, sería de sentido común poder comprobar claramente cantos destes cartos proceden de dereitos de autores galegos, xa que a recadación si que procede de todos os galegos e galegas. Así, sería xusto que se creasen entidades de xestión propias do noso país que revertan os beneficios en Galiza e nos autores galegos. Para iso, faise necesario modificar a Lei de propiedade intelectual, e adaptala á realidade plurinacional e pluricultural do estado. Efectivamente, os dereitos dos cidadáns e artistas deben convivir, os dereitos de uns e outros non deberán entrar en confronto, que é algo que hoxe en día está a ocorrer pola xestión que se practica desde a SGAE.

Os promotores deben pagar o 10% do recaudado nun concerto aínda que este xenere pérdas. Mal negocio non só para o promotor, sinón tamén para eses artistas aos que din defender. Así nos vai...

Antón Tenreiro Ferreiro foi demandado no ano 2005 pola SGAE por "faltas al honor" con 12.000 € por denunciar cobros por concertos solidarios.

Comentarios