Opinión

A Romería Labrega da Chaira

Achegase o verán e con él múltiples festivais, festas e romerías no noso País. A Terra Chá non vai ser menos pois son centos as festas que se celebran, desde A Pastoriza a Rábade, de Vilalba a Muras... vilas, parroquias, lugares que festexan o patrón,  o santo, e todo aquelo que forma parte da tradición popular.

Achegase o verán e con él múltiples festivais, festas e romerías no noso País. A Terra Chá non vai ser menos pois son centos as festas que se celebran, desde A Pastoriza a Rábade, de Vilalba a Muras... vilas, parroquias, lugares que festexan o patrón,  o santo, e todo aquelo que forma parte da tradición popular.

"O festival de Pardiñas a primeira fin de semana de de agosto, e a Romería Labrega da Chaira nos Vilares na fin de semana seguinte fan de Guitiriz o centro do mundo".

Pero na inmensa Chaira, si hai un concello que destaca por iniciativas singulares en canto a celebracions festivas emblemáticas este é Guitiriz. O festival de Pardiñas a primeira fin de semana de de agosto, e a Romería Labrega da Chaira nos Vilares na fin de semana seguinte fan de Guitiriz o centro do mundo.

Xermolos creou e mantivo trinta e cinco anos o que hoxe é o festival máis antigo do País, o festival da música e da arte, absolutamente consolidado e cita ineludible de milleiros de persoas cada ano. Nin Ortigueira deu resistido ininterrumpidamente  tantos anos e só Moeche co seu festival Irmandiño en Ferrolterra resiste o liderado de Pardiñas desde o mesmo ano, dúas semanas despois, auténticos guerreiros da cultura e do compromiso.

Pero si os devanditos festivais, realizados por asociacións e con constantes contratempos e moitas veces con escasa axuda institucional, se convirten en actos de resistencia heróica, unha pequena romería,  na parroquia veciña de Pardiñas, Os Vilares, o lugar de orixe do poeta Díaz Castro, con menos sona pero con grande mérito, leva xa vintecatro anos realizándose.

"Xermolos creou e mantivo trinta e cinco anos o que hoxe é o festival máis antigo do País, o festival da música e da arte, absolutamente consolidado e cita ineludible de milleiros de persoas cada ano".

Hai casi un cuarto de século, uns mozos dos Vilares, da Asociación de Veciños, decidiron crear unha romería que lembrara aquela antiga Feira do Sete que se celebraba nas Reixas, a carón do adro da parroquia e da que só quedan as ruinas dos cobertizos abandonados. Alí, nunha finca próxima celebrouse os primeiros anos para posteriormente ser trasladada á caballeira do Cancelo, lugar no que aínda se celebra agora.

Entre os iniciadores desa romería estaba unha moza que hoxe promove o proxecto "Os Vilares, lareira de soños", Pastora Veres. Ela iniciou ese proxecto como realización dun encargo de Manuel María na inauguracion dunha exposición de fotos antigas dos Vilares no marco da romería labrega aló polo ano 94 cando lle dixo que debería plasmar a historia dos vilaregos nunha publicación que recollera tantas pequenas historias que se adiviñaban en cada imaxe.

A Romería Labrega da Chaira é un todo, romería no sentido máis ancestral, de xantares familiares, de música tradicional e de baile, de festival, pero sobre todo da lembranza doutros tempos non tal lonxanos e das labores deses tempos, as segas, as mallas, as carreiras, os xogos populares...

"Uns mozos dos Vilares, da Asociación de Veciños, decidiron crear unha romería que lembrara aquela antiga Feira do Sete" 

Concursos de sega coa gadaña, carreiras de segadoras, carreiras a pé, a cabalo, en bicicleta, concursos de adestramentos de cans, e reivindicación dunha historia que marca ás súas xentes, aos chairegos, e que convida a sentirse orgulloso de ser o que somos.

Sen dúbida un evento destas características non tería resistido tantos anos si non estivera fondamente identificado co seu entorno e hoxe é unha celebración xa inevitable cada mes de agosto nos Vilares.

Este ano, como non podía ser demoutra maneira, a Romería Labrega vai adicada ao veciño máis importante da parroquia, Xosé María Díaz Castro, e o pregón correrá a cargo do profesor Armando Requeixo, o grande estudoso do poeta estrela das letras 2014, xusto nun ano no que Os Vilares é a parroquia na que se centran as atencións do País.

"Este ano, como non podía ser demoutra maneira, a Romería Labrega vai adicada ao veciño máis importante da parroquia, Xosé María Díaz Castro"

A parroquia dos Vilares, ten demostrado o seu dinamismo, a súa vitalidade desde sempre e a Romería Labrega da Chaira é un dos exemplos, grazas a moitos dos vilaregos comprometidos e participativos que a mantiveron ao longo de tantos anos, pero hai un que debe ser xustamente mencionado e que aínda sigue como un mozo traballando nesa e tantas iniciativas que se fagan nos Vilares, Suso de Vicentiño.

Este ano, o 9 e 10 de agosto, alí, como outros anos estará, sen dúbida, Xosé María Díaz Castro, cos seus amigos, os seus veciños e todos aqueles que queiran visitar a súa parroquia, a súa romería, os seus tempos. Alí nos veremos, na XXIV ROMERÍA LABREGA DA CHAIRA.

Comentarios