sábado 31/10/20

Pinturas ao fresco únicas en Galicia

FB_IMG_1555397057625É ben coñecida a existencia dunhas importantes pinturas ao fresco na igrexa de San Vicenzo dos Vilares con máis de cinco séculos de existencia. Pero ademáis dos coñecidos frescos que representan a Lamentación sobre Cristo Morto, Santiago Matamouros e elementos paisaxísticos e xeométricos comúns a outras pinturas ao fresco en Galicia, unha delas, a Imposición da casulla a San Ildefonso, é única en Galicia.

Así o afirmou a museóloga e historiadora Sonia Engroba na conferencia sobre os frescos dos Vilares no Mestrado Avanzado de Bibliotecas, Arquivos e Museos da Facultade de Humanidades da UDC días atrás. A restauradora Uxía Aguiar afirmou que os frescos foron obra de dous autores, ademáis do Mestre de Parga ao que atribuíu no seu estudo de 1992 (Cadernos de estudos Mindonienses) o profesor Monterroso Montero a autoría, haberá que engadir agora o mesmo mestre autor da chamada Capela Sixtina galega de Santa María de Nogueira de Miño.

Estes novos datos suman aínda máis importancia aos Frescos dos Vilares, que siguen agardando unha actuación das administracións que eviten a desaparición definitiva destas xoias pictóricas descubertas en 1991 e que siguen a deteriorarse.

Cinco séculos de história que poden desaparecer en 28 anos para a vergoña da Diocese de Mondoñedo Ferrol, Xunta de Galicia, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Guitiriz cuxa pasividade é a responsábel de que estas pinturas de estilo gótico hispano-flamenco únicas en Galicia podan desaparecer definitivamente.

A uns días da celebración das festas da Pascua dos Vilares e da afamada Romaría dos Desamparados, non está de máis lembrar que hai máis de 500 anos os nosos antergos acudían a estas celebracións e ao culto coas paredes da nave antiga da igrexa (S.XII) pintadas con estes frescos. Coas pinturas, catro retábulos neoclásicos e un barroco con tallas dos séculos XVII e XVIII, un adro con muro baixo de pedra con un cruceiro, dúas pías bautismais e un sartego e un fantástico calvario fan unha composición única e destacábel.

A restauración dos frescos, ademáis de recuperar un tesouro patrimonial, sopoñería tamén unha importante inxección económica e outro atractivo turístico e cultural na Chaira, tan necesitada de investimento no rural para poñer en valor a súa riqueza paisaxística, etnográfica e a súa história.

Gosto de imaxinar nos Vilares a Casa de Díaz Castro convertida na Casa da Xente e centro de peregrinaxe cultural, coa Escola Habaneira da Conchada como centro social con numerosas actividades para a veciñanza, os cobertizos da Feira do Sete restaurados como testemuña do noso pasado recente e a igrexa lucindo fachendosa as súas pinturas para orgullo de Guitiriz e dos visitantes desta obra artística única  no país.

Agardemos pois, que pola Pascua, a Virxe dos Desamparados obre o milagro e conmova a fría conciéncia institucional. Salvemos os frescos dos Vilares, V séculos de nós.

comentarios