Opinión

Unha mámoa nos Vilares

Guitiriz ten rexistradas no PXOM dúcias de mámoas en diferentes parroquias, principalmente no Buriz e en Labrada. Un importante patrimonio arqueolóxico ao que hai que sumar un novo descubrimento realizado hai poucos días no monte dos Vilares polo directivo da Asociación Sociocultural Lareira de Soños José Luís Teijido Comba.

Unha mámoa violada de aproximadamente 5000 anos A.C. que con unha limpeza na contorna pode deixar á luz novos elementos. Este monumento arqueolóxico é de tamaño medio e está ben conservado. Segundo o arqueólogo Marcial Tenreiro, que está a realizar un estudio técnico deste descubrimento para enviar ás institucións e comunidade de montes para coñecemento da súa existencia e posterior catalogación, é un elemento que non da lugar a dúbidas e que se precisa protexer mediante o seu rexistro, limpeza e sinalización.

Este monumento arqueolóxico é de tamaño medio e está ben conservado

Un descubrimento que se suma ao importante catálogo patrimonial da parroquia dos Vilares do que a Asociación Lareira de soños está a facer un esforzo por protexer, poñer en valor e divulgar.

Sumado aos frescos da igrexa, os cobertizos da feira, o calvario, o patrimonio etnográfico e paisaxístico, este monumento arqueolóxico completa unha amalgama cultural desta parroquia chairega chea de atractivo histórico e cultural. A mámoa foi batizada pola asociación como a Mámoa das Carriceiras pola súa proximidade ao rego dese nome. Toca agora que as administracións colaboren co tecido asociativo, que fai unha importante labor en condicións precarias pola nosa cultura e colaboren apoiando xusto alí onde a labor altruista e desinteresada non pode chegar. O descubrimento da mámoa dos Vilares é unha boa nova para o concello de Guitiriz e para a Terra Chá.

Comentarios