Opinión

Unión é o concepto

Atinou a xente que se xuntou este domingo en Conxo: Iniciativa Pola Unión.

Atinou a xente que se xuntou este domingo en Conxo: Iniciativa Pola Unión. Todas e todos chegamos a este momento histórico para un posible cambio cunha "mochila" importante da que nos debemos liberar con humildade sincera.

Comezo pola miña propia xeración. Ex militantes de todo, militantes de nada. Podemos chegar á idade da nosa xubilación laboral coa frustración de non ter nin "respirado" o cheiro, esperanzador por perverso que poida ser, de poder mudar o noso entorno desde a potencia transformadora dos poucos resortes de poder accesibles pola vía electoral. Refírome a esta lexión "rumorosa" da esquerda natural na que convivimos todas e todos os que cremos que a igualdade, o estado do benestar e o público son un ben común irrenunciable e que o autogoberno de Galicia é un proceso dinámico que ten que implicar máis democracia de proximidade e máis participación e liberdade. Esa mestura radical de social democracia avanzada e galeguismo republicano podería expresar en termos convencionais da vella política o programa de acción desa "unión” indispensable.

Os que non temos máis "marca" política que defender que a nosa soidade fronte á perplexidade do que non se dá cambiado en décadas temos niso, precisamente, as claves e boas razóns para contribuír a construír a ferramenta electoral desa esquerda social ou natural. 

Esa mestura radical de social democracia avanzada e galeguismo republicano podería expresar en termos convencionais da vella política o programa de acción desa "unión” indispensable

O código de humildade e sinceridade da xente organizada en "marcas" políticas que envellecen non só en anos, senón xa aos poucos meses, pódeno encontrar nas súas propias contradicións. Repasemos.

O BNG chega a este proceso unitario forzado polos seus propios fracasos, pero benvido sexa. Galicia sería hoxe menos Galicia se nos últimos 50 años non tivese existido o nacionalismo organizado. Para ben ou para mal. O que pode aportar a esta "unión" é a súa presenza capilarizada en todo país e a súa coraxe de mobilización. A sinceridade dos seus membros máis clarividentes é que o "bloque", tal e como o coñecemos, terá que refundarse si ou si. 

A Alternativa Galega de Esquerdas atesoura a audacia de ter sabido reaccionar electoralmente no peor momento da miseria política do país e optimizar a lucidez e potencia política de Beiras, pero algo teñen que facer para expiar a súa incapacidade operativa e os seus desgarros sectarios nestes tres anos de parlamento galego. 

Precisamente a presenza de Esquerda Unida en AGE, igual que o colapso político de Cataluña, poñen de relevo que o dereito a decidir non se xoga só nas periferias, senon que necesita da complicidade máis eficiente no "centro". Iso é o que lle dá valor estratéxico a integración de Podemos nesta "unión galega". Podemos-Galicia expresa elocuentemente o seu fracaso como organización partidaria nestes poucos meses de actividade. Eu son testemuña diso. Pero o mellor activo do seu traballo político é a enerxía e a xenerosidade coa que Podemos-Galicia impulsou as Mareas. Se xa algúns dos seus dirixentes, como Errejón, recoñecen que terán que evolucionar a "movemento" e superar o formato de partido, qué sentido ten esa obstinación en defender a "marca"? 

Identificar en cada momento cómo se expresa e constrúe o ben común é a tarefa da nova política. No electoral, aquí e agora, ese ben común só pode ser materializado a través da UNIÓN. Que esa " unión" catalice nas mellores doses de intelixencia emocional en renovación de equipos, programas e líderes. Noraboa amigas e amigos de Conxo.   
   
    

Comentarios