Opinión

Sinceridade, pragmatismo e rebeldía

Confeso que non deixa de darme certo morbo o que quedará de nós despois das próximas eleccións xerais de España


Confeso que non deixa de darme certo morbo o que quedará de nós despois das próximas eleccións xerais de España. Nese "nós" quero incluír a Galicia e a súa cidadanía como suxeito político e tamén aos que, algúns con retórica e outros con superávit de sinceridade, estamos tomando o risco de poñer sobre a mesa e explicitando  a necesidade da unión electoral da esquerda do PSOE. 

Porque o primeiro banzo da sinceridade política inmediata é afirmar que do que se trata, en definitiva, é do avance na hexemonía electoral de todas as alternativas que non son o PSOE ou o PP nas eleccións de decembro. E esa esquerda do PSOE en Galicia son as mareas municipais, Podemos, o BNG, Anova e Esquerda Unida. Perdóenme outros núcleos políticos organizados que benvidos son tamén a este proceso. Igual que a nivel xeral e de estado fan mal Pablo Iglesias e Pedro Sánchez en non afrontar, nin sequera tácitamente, qué nivel de acordo e programa de transformación e cambio poden adoptar nos pactos postelectorais e cómo se verá condicionado ese acordo polos resultados cuantitativos que acade cada un dos seus aparatos partidarios. 

As mareas municipais aportan a este proceso a audacia do seu resultado local (incluso onde non gobernan) e o exemplo da súa metodoloxía de converxencia que produciu programas anovadores e líderes emerxentes. Calquera que sexa a fórmula final de unión para as xerais debe contemplar adhesións individuais e primarias abertas, como fixeron as mareas. Teñen un valor simbólico, emocional e de pragmatismo activista.

O BNG aporta a súa forte penetración en todo o espectro dos diferentes hábitats do  país e que, por moito que os resultados nas últimas municipais fosen eclipsados polo fenómeno espectacular das mareas urbanas, avanzou en cargos electos e xuntou máis de 150.000 votos. Pero ten que ser sincero, dunha vez por todas, respecto as organizacións que en Galicia conforman seccións territoriais de partidos de ámbito estatal. Acepta ou non acepta e en qué condicións a confluencia con esas organizacións? 

"Cómo pode explicar Podemos-Galicia que non está  sendo quen de dar acubillo político a líderes emerxentes como Carme Santos e as súas compañeir@s?"

É máis importante que esa confluencia sexa unha estratexia triunfante agora e nas autonómicas de 2016 cá vitoria pírrica do grupo parlamentario

Porque o interese estratéxico de que Podemos participe nesa candidatura unida é precisamente que sexa un partido estatal. E que non o deixe de ser. É dicir, que pode sumar votos doutros territorios para conformar alternativas de cambio e que debe  respaldar  con feitos esa afirmación, frecuentada polos seus líderes,  de que o actual reino de España é un estado "multinacional". Por iso resulta especialmente decepcionante esa salmodia de que é irrenunciable que a candidatura leve, dunha forma ou doutra, o nome da súa "marca"(xa o concepto de "marca política", en si mesmo, é penoso). Non contaba eu que o partido que mellor debería expresar a "nova política" comezase as negociacións falando de "marcas" e non de programas políticos. Pero iso non deixa de sumar frustración a moitos e moitas que quixemos ver en Podemos unha alternativa aos modelos caducos  de organización partidaria. En Galicia, especialmente, o fracaso é evidente nunha organización territorial que non aparece nin ten discurso propio se non é ao lado dos seus "maiores" centrais. Cómo pode explicar Podemos-Galicia que non está  sendo quen de dar acubillo político a líderes emerxentes como Carme Santos e as súas compañeir@s? Xa non sei, respecto a Podemos - Galicia, se é peor que non soubesen transparentar os soldos de 800 € dos seus dirixentes ou que internamente algúns se escandalizasen dese nivel de austeridade. 

"Máis alá de 'marcas' e acusacións de sucursalismos, atreveríame a simplificar dicindo que o BNG e Podemos se deben sincerar"

En canto a Anova, que xa soubo sumar noutras circunstancias a Esquerda Unida,   optimizando o seu programa social e a súa concepción do estado multinacional, ben lle cumpriría vacinar proactivamente os seus desgarros históricos co BNG e a UPG. 

Moit@s coincidimos en que este é un momento histórico nunha oportunidade que, para Galicia, debe sumar alternativas político-sociais xenuínamente avanzadas e que  imprescindiblemente implementen o  noso degrau de autogoberno nacional. 

É máis importante que esa confluencia sexa unha estratexia triunfante agora e nas autonómicas de 2016 cá vitoria pírrica do grupo parlamentario. Alguén imaxina o ridículo e a frustración dun grupo galego nas cortes pero cun goberno español e unha Xunta do PP? 

Máis alá de "marcas" e acusacións de sucursalismos, atreveríame a simplificar dicindo que o BNG e Podemos se deben sincerar. Porque a esquerda natural non organizada (a esquerda social, iso que se dá en chamar "a xente") xa falamos. Sinceridade, pragmatismo e rebeldía. 

Comentarios