Opinión

Que se lle perde a Felipe González en Cataluña??

Foi, alomenos naqueles anos de debates teóricos, un tema recorrente no discurso do galeguismo e do nacionalismo de esquerdas en Galicia

Foi, alomenos naqueles anos de debates teóricos, un tema recorrente no discurso do galeguismo e do nacionalismo de esquerdas en Galicia, refírome á pertinencia do concepto de nacionalismo español. Os máis puristas non admitían este apelido de "español". Para eles, o sustantivo de "nacionalismo" cumpríalle só aos da nación sometida. Pero o que se discute agora a propósito das eleccións catalanas, creo que fai útil e relevante que se retome ese concepto de "nacionalismo español" e non só para os que cremos no dereito a decidir dos países sen estado, senón para o sentido común da igualdade e a liberdade. 

Un exemplo evidente deste "nacionalismo español", coas súas doses de irracionalidade retrógrada, é a carta aberta que desde o xacobino periódico "El País" Felipe González dirixe á cidadanía de Cataluña. Á parte de que aínda que se teña sido presidente do goberno convén non perder a humildade para facer valer as opinións propias, incluso no reino de España, no que o ministro do interior cre que debe tratar en persoa con Rato os seus presuntos problemas de seguridade, na súa calidade de exministro, a carta vén ser un alegato supersticioso da unidade de España, camuflada da perversa e inefable "razón de estado". 

 "A validez do dereito a decidir non se basa en razóns históricas e territoriais, senón na conciencia e vontade libre e democrática da cidadanía"

O argumentario de González incorpora dúas comparacións odiosas e, neste caso, falsas. Por unha parte, asimilar o proceso catalán aos movementos autoritarios e sanguinarios que deron pé ao nazismo alemán e ao fascismo italiano. O único similar a esas ideoloxías sectarias que podemos identificar no proceso catalán é a xenofobia do candidato do PP á Generalitat, o exalcalde que quería " limpar" Tarragona. Por outra parte, imputa aos independentistas o desexo e afán de converter a Cataluña nunha nova Albania. Aínda sen sermos especialistas en política catalana, podemos afirmar que non logramos asociar o perfil de ningún político independentista catalán co histórico e exótico líder albanés Enver Hoxa. Pero, sen entrar en ironías, é suficiente con sinalar que non se coñece unha masa crítica de cidadáns cataláns que en cantidade relevante, ben sexan independistas ou non, queiran saír de Europa ou abandonar o euro. 

"Qué diálogo auténtico se pode sustanciar desde a imputación de que o outro é nazi, fascista e pro-albanés?"

Máis ruín aínda é que González intente absurdamente diferenciarse do inmobilismo de Rajoy. Qué diálogo auténtico se pode sustanciar desde a imputación de que o outro é nazi, fascista e pro-albanés? Isto vólvese perverso porque nas circunstancias que activaron a urxencia independentista de Cataluña nos últimos anos é obvia a causalidade do recurso ante o Constitucional do PP contra a reforma do estatuto, pero que non deixa de ir á zaga do incumprimento de Zapatero que fallou ao seu compromiso de aceptar no parlamento español o texto estatutario que aprobasen as cortes catalanas. Lembremos que, naquel momento, o PSOE, o partido de Felipe, tiña maioría absoluta. "A validez do dereito a decidir non se basa en razóns históricas e territoriais, senón na conciencia e vontade libre e democrática da cidadanía"

O nacionalismo español fíltrase por calquera burato. É posible que a historiografía independentista de Cataluña poida ter mistificado o pasado. Ninguén está libre desas contaminaciòns, pero igual que os que defendemos o dereito a decidir, como galegos e internacionalistas, non precisamos idealizar a existencia  do reino suevo de Galicia para respaldar as nosas opinións civís, non ten sentido que no mesmo día "El País" adique grande parte do seu suplemento cultural a denostar a presunta ucronía dos historiadores catalanistas para defender o dereito a decidir. A validez do dereito a decidir non se basa en razóns históricas e territoriais, senón na conciencia e vontade libre e democrática da cidadanía. 

Por se aínda alguén ten dúbidas sobre ese negativo nacionalismo español, chega tamén cun mínimo seguimento da pintoresca campaña do PP en Cataluña. Piden que  a cidadanía non vote en coherencia coas súas convicións ideolóxicas, senon en funciòn do que está en xogo: a unidade de España. Está España ou calquera outra identidade, nacional ou non, por encima da liberdade, da igualdade e da fraternidade!!!

Comentarios