Opinión

Resposta ao presidente de Ence

Descoñecemos en que parte de Pontevedra vive o Sr. Arregui para non percibir as que chama eufemisticamente “pequenas incidencias olorosas”, uns persistentes cheiros que calquera en Pontevedra e comarca recoñece e padece a cotío e que o presidente de ENCE, nun exercicio de cinismo, prepotencia e falta de respecto pola cidadanía, pretende desligar da empresa pasteira cando afirma que “hai que ver quen crea eses cheiros”. 

Descoñecemos en que parte de Pontevedra vive o Sr. Arregui para non percibir as que chama eufemisticamente “pequenas incidencias olorosas”, uns persistentes cheiros que calquera en Pontevedra e comarca recoñece e padece a cotío e que o presidente de ENCE, nun exercicio de cinismo, prepotencia e falta de respecto pola cidadanía, pretende desligar da empresa pasteira cando afirma que “hai que ver quen crea eses cheiros”. A mesma falta de respecto que amosa cando di estar encantado de que a APDR presente unha denuncia contra ENCE polas molestias causadas á cidadanía no pasado mes de agosto, unhas molestias das que pretende facer responsábel á suposta obsesión da APDR cara á empresa ENCE. Pois non seremos nós quen impidamos o seu desexo, Sr. Arregui; non teña ningunha dúbida de que, de existir a máis mínima posibilidade de tipificar estes feitos pola vía penal, a APDR utilizará esa vía para interpoñer denuncia contra a empresa que Vde. preside.

"E di o Sr. Arregui estar convencido de que “chegará a un acordo coa Xunta para quedar en Lourizán mais alá do 2018”; vaia novidade!"

E di o Sr. Arregui estar convencido de que “chegará a un acordo coa Xunta para quedar en Lourizán mais alá do 2018”; vaia novidade! O que resultaría realmente novo sería ver á Xunta aplicar a lexislación á fábrica de Lourizán e non esa perversa relación de conivencia que –entre outras cousas- permitiu a concesión irregular dunha AAI feita á carta que lle permite contaminar por riba do fixado na lexislación; que lle permite seguir en Lourizán sen ter solicitado, como obriga a Lei, o preceptivo e vinculante Informe de compatibilidade urbanística ao Concello de Pontevedra e que fai ouvidos xordos á sentenza do Tribunal Supremo que anula o acordo de supramunicipalidade da Xunta de Fraga e, xa que logo, a AAI de ENCE, concedida en base á aplicación dese acordo.

"Se, como di, quere ver a Ría libre de vertidos contaminantes, empece por pechar de forma definitiva a actividade industrial de ENCE".

Atrévese ademais o Sr. Arregui a dicir que na APDR non nos preocupa a contaminación da Ría e, demagoxicamente, basea a súa infundada afirmación na nosa ausencia nunha reunión celebrada entre as mariscadoras da Ría e a Xunta, unha reunión á que –sabe perfectamente- a nosa Asociación non foi invitada. Sabe dabondo que a APDR está polo saneamento e recuperación da Ría, pola eliminación de todos os vertidos, sexan fecais ou industriais, como sabe tamén que esiximos a eliminación de toda a contaminación, con independencia de quen sexa o seu responsábel; e abonda con revisar as hemerotecas para comprobar que isto é así. Pero, precisamente por iso, non podemos obviar que a contaminación que chega á Ría procedente do complexo ENCE-ELNOSA segue a ser a contaminación mais preocupante non só polo seu volume senón tamén pola importantísima carga de materia orgánica que contén. E non podemos obviar tampouco que eses vertidos teñen tamén unha importante carga contaminante de orixe bacteriano. E non somos nós quen o di; son datos recollidos na “Dilixencia de Inspección” realizada en ENCE o día 29 de novembro de 2012 polo goberno galego, datos facilitados á APDR pola Xunta de Galicia e que, por forza, teñen que ser coñecidos polo Sr. Arregui que insiste na inexistencia de tal contaminación.

Sr. Arregui: se, como di, quere ver a Ría libre de vertidos contaminantes, empece por pechar de forma definitiva a actividade industrial de ENCE. Contribuirá así de forma importantísima neste particular e, ao tempo, permitirá que a economía e a creación de emprego na comarca se recupere. Teña por seguro que a inmensa maior parte da poboación desta comarca, que loita por conseguir este obxectivo e, xa que logo, para que non se lle conceda a ENCE e a ELNOSA ningunha prórroga, vaillo agradecer.

Comentarios