Opinión

Nova traizón do PP á comarca de Pontevedra

Vénse de coñecer a través dun comunicado da empresa que o Goberno en funcións de Mariano Rajoy

Vénse de coñecer a través dun comunicado da empresa que o Goberno en funcións de Mariano Rajoy concedeulle a ENCE unha prórroga de 60 anos en Lourizán, unha decisión que –de se facer realidade- vai hipotecar o futuro da Ría de Pontevedra e o da veciñanza da comarca. Trátase dunha navallada a traizón ao saneamento da Ría, á recuperación dos seus recursos naturais e á creación de emprego derivado da súa explotación racional. E faise desde un goberno en funcións que sabe que non vai seguir a gobernar este país, o que resulta absolutamente impresentábel e eticamente reprobábel; e faino un Presidente en funcións que mesmo fachendea de ser veciño de Pontevedra e que non se atreveu a tomar a decisión antes das eleccións xerais! 

Ese xeito de actuar está perfectamente tipificado baixo un epígrafe moi claro: prevaricación!

Pero esta decisión, que desde logo non é firme e que –coma todo acto administrativo- pode ser recorrida, poida que sexa tamén ilegal; ilegal porque estase a tomar a sabendas de que é inxusta. Cando existe un expediente de caducidade sen resolver e cuestionado e recorrido desde diferentes instancias (entre elas a APDR), non se pode conceder unha prórroga da concesión. E menos se –coma é o caso- existen razóns obxectivas que evidencian que tal concesión ten caducado. E ese xeito de actuar está perfectamente tipificado baixo un epígrafe moi claro: prevaricación!

Desde logo, a loita non está perdida; nin moito menos! Á vía do recurso administrativo e da denuncia xudicial, que utilizaremos desde o noso colectivo, únese tamén a da mobilización social que, con seguridade, rematará por poñer a cada quen no seu sitio e ao complexo ENCE-ELNOSA fóra da Ría para sempre. E debera saber Mariano Rajoy e o Partido Popular que esta decisión pode ser revogada polo novo goberno que chegue á Moncloa. E debemos lembrarlle a PSOE e Podemos o seu compromiso coa veciñanza da comarca pontevedresa para impedir este novo atropelo que pode hipotecar de forma definitivo o seu futuro. Pola nosa banda, a loita continúa!

Comentarios