Opinión

O fume cégalle os ollos!

Insiste o Partido Popular de maneira machucona na catástrofe económica


Insiste o Partido Popular de maneira machucona na catástrofe económica que suporía que “nun momento de crise como o actual” se deixasen perder os postos de traballo dun complexo que –afirman- non debería estar onde está.

Dicirlles en primeiro lugar que entran nunha evidente contradición coas constantes alusións ao fin da crise vertidas desde a dirección do seu partido; e terían que explicar tamén qué razóns lle levan a afirmar de xeito tallante que o complexo ENCE-ELNOSA non debería estar no seu actual emprazamento. Será acaso que as fábricas molestan á vista? Non, aínda que lles custe recoñecelo, as razóns son medio ambientais, de calidade de vida e de sensatez; saben que entran en contradición coa explotación racional dos sectores marisqueiro, pesqueiro e turístico, como saben tamén que ENCE está a impedir a explotación racional e integral dos nosos montes!

Pero, máis alá destas contradicións, demostran os responsábeis do PP estar cegos ou –cando menos- ter unha visión tan curta que non lles deixa ver máis aló dos seus apéndices nasais, atordados tal vez polos cheiros do complexo.

"Saben tamén que ENCE está a impedir a explotación racional e integral dos nosos montes!"

Non se decatan de que desde hai moitos anos nin a cidade de Pontevedra nin a vila de Marín medran cara a Lourizán? Non se decatan de que esa zona ten adquirido co paso do tempo un aspecto desolador nin de que moitas das persoas que alí viven mudarían de vivenda se tivesen oportunidade? Non teñen reparado tampouco en que a chegada de ENCE e ELNOSA a Lourizán supuxo a paralización do crecemento dos sectores produtivos nin en que a creación de riqueza na comarca está seriamente danada pola presenza do complexo na Ría?

Teñen unha visión antiga da economía, da creación de emprego, unha visión baseada nunha política de destrución do medio que xa ten demostrado ser un dos maiores fracasos da política franquista; e esta visión impídelles ver que a recuperación da economía na comarca non vai vir nunca da man da fabricación de pasta de papel, cloro e sosa, e menos dunhas fábricas obsoletas que non conseguiron crear emprego e riqueza en tempos de bonanza económica. A destrución de emprego no complexo é evidente e así o confirman as denuncias sindicais, como é evidente a destrución do medio, dos recursos e o emprego nos sectores ligados ao turismo, ao mar e ao monte; e ninguén pode negar que todos estes sectores poderían ter un desenvolvemento racional quen de sacar á comarca da crise económica se –dunha vez por todas- se lle sacara o freo que supón a presenza do complexo en Lourizán.

"A destrución de emprego no complexo é evidente e así o confirman as denuncias sindicais"

E estamos a tempo de facelo; estamos aínda a tempo de recuperar a Ría, a economía e a creación de postos de traballo. Debémolo facer por responsabilidade e dignidade. E terémolo que facer toda a cidadanía contra os intereses dos dirixentes do PP, uns intereses que os levan a manter posicións que saben inxustas, irresponsábeis e fracasadas para a recuperación do ben común. Porque todo fai pensar que o fume da fábrica e –con seguridade tamén- o cheiro da súa pasta, cégalles a visión de futuro!

Comentarios