Opinión

Mercadeo político coa concesión da nacionalidade a opositores venezolanos

A modo de introducción, diremos que os requisitos para a consecución dunha nacionalidade fíxaos ou Estado, pero dentro de certas marxes de actuación recollidos polo Dereito Internacional.  A nacionalidade española pódese ter por diversos medios, sendo o máis importante o de ter filiación de pai ou mai españois. Outro deles é mediante a chamada Carta de natureza, recollida non art. 21.1 do Código Civil. Nel estabelécese que: “A nacionalidade española adquírese por carta de natureza outorgada discrecionalmente mediante Real Decreto, cando no interesado concorran circunstancias excepcionais”. Foi aprobada lexislación complementaria para viabilizar a concesión da nacionalidade española por esta vía aos xudeus sefarditas, ás vítimas e familiares en primeiro grao do atentado do 11 de Marzo do 2004 e ós voluntarios integrantes das Brigadas Internacionais na Guerra Civil Española, non así aos saharauis, entregados ilegalmente por España a Marrocos. Por esta vía, entre outras persoas con diversos curricula, son españois, un tanto ludicamente, entre outros membros dos espectáculos, Ricky Martin e os compoñentes de Les Luthiers; asimesmo, un grupo deportistas residentes en España.

Entrando xa en materia, subliñaremos que desde decembro do 2015 a novembro do 2017 foron aprobados polo Goberno español 15 decretos de concesión da nacionalidade por Carta de natureza a un grupo de destacados venezolanos opositores, dirixentes políticos e executivos da imprensa, así como a algúns familiares destes, entre eles aos pais de Leopoldo López Mendoza e de Henrique Capriles Radonski, figuras políticas estas do máximo releve; salientaremos dentro das escasas  argumentacións dadas, algunhas delas. Así, o xefe do goberno, M. Rajoy,  cando a concesión a seis dos beneficiarios, dixo que dar a nacionalidade a D.C. Serra Carmona, presidente do xornal El Nacional, e á súa familia, significa “apoiar expresamente a imprensa venezuelana, como vén facéndoo ou meu Goberno, que ademais outorgou o permiso de residencia por circunstancias excepcionais a xornalistas, directivos e donos de medios de comunicación que o solicitaron tras ser desposuídos do seu pasaporte e acosados por un poder xudicial sometido”. Nesa secuencia de concesións de nacionalidades, en abril do 2017, con motivo da concesión da nacionalidade M.E. Otero, director do devandito xornal El Nacional, Rajoy afirmou que “esta concesión da nacionalidade é froito dunha política sistemática de protección dos dereitos humanos e solidariedade cos nosos irmáns venezolanos”. 

Desde decembro de 2015 a novembro de 2017 o Goberno español aprobou 15 decretos de concesión de nacionalidade a destacados venezolanos opositores, dirixentes políticos e executivos da imprensa

 

A tónica da resposta do Presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, estribou en denunciar a política de inxerencia nos asuntos internos de Venezuela do Goberno español, co seu Presidente Mariano Rajoy á cabeza. A intervención dun Estado “nos asuntos que son esencialmente da xurisdicción interna dos Estados”  stá prohibida no Dereito Internacional, entre outros, polo artigo 2 da Carta da Organización das Nacións Unidas, aínda que é ben certo que o seu cumprimento a nivel mundial deixa moito que desexar.

Existen bases xurídicas para a concesión destas nacionalidades? De entrada diremos que en xeral non parece existir unha vinculación social apreciábel con España dos súbditos venezolanos beneficiados coa nacionalidade. Non estamos, en todo caso, ante a efectividade dunha "xenuína conexión de existencia de intereses e sentimentos, xunto coa existencia de recíprocos dereitos e deberes", que, segundo sinalou a Corte Internacional de Xustiza da Haia, no caso Nottebhom, debe existir, con carácter previo á concesión, entre o Estado outorgante e a persoa beneficiaria dunha nacionalidade. Polo tanto, vemos difícil que o goberno español puidera entregar as devanditas nacionalidades, como é o caso, a diversos dirixentes políticos e empresarios venezolanos, alomenos polo que respeita, como veremos, aos seus efectos internacionais de protección diplomática. O asunto, valorado no seu conxunto, aponta aínda máis a unha causalidade político-económica. Non cremos que sexa suficiente alegar, nalgún caso, antecedentes familiares españois e a propiedade dalgún ben inmóbel en España.

Existen bases xurídicas para a concesión destas nacionalidades? De entrada diremos que en xeral non parece existir unha vinculación social apreciábel con España dos súbditos venezolanos beneficiados coa nacionalidade

 

Por outra banda, nun artigo publicado en El País, en febreiro do 2017, España, amparo de liberdade, Rajoy escrebe que “a concesión da nacionalidade española é un instrumento privilexiado de recoñecemento e protección”. Iñoramos en que radica esa “protección” á que se refire. Deixando dito que os venezolanos que pasen ser españois ex novo, como os naturais de países iberoamericanos, Andorra, Filipinas, Guinea Ecuatorial e Portugal, non perden a súa primeira nacionalidade. Porén, España pode ter con eles alguna actuación de asistencia diplomática ou consular.

Con todo, verbo da protección diplomática, mecanismo polo cal un Estado decide amparar, diplomaticamente ou a nivel xudicial internacional, a un dos seus nacionais cando é obxecto por outro Estado de algún prexuízo nos seus dereitos, mediante unha acción ou omisión contraria ao Dereito Internacional, procede salientarmos que no caso dunha persoa que posúa dúas nacionalidades, orixinaria e nova, tal como ocorre nos casos que nos ocupan, esta protección non pode ser dispensada por un Estado fronte ao outro nin viceversa; isto é, por España fronte a Venezuela nin por Venezuela fronte a España. Todo o máis, podería falarse paradoxalmente da protección diplomática de Venezuela, cuxa nacionalidade é a predominante, fronte a España. 

As razóns xurídicas para outorgar a nacionalidade española aos devanditos dirixentes políticos e económicos venezolanos non semellan ser suficientes, ou, no caso máis benigno, son moi discutíbeis. E, pola súa banda, as supostas circunstancias de excepcionalidade de natureza política non parecen poder sosterse; sobre todo, se examinarmos o asunto contrapondo esta acción conxunta de teor político-económico do Goberno do Partido Popular coas medidas tomadas noutros casos de solicitantes con presenza de dificultades políticas no país de orixe, acompañadas as máis das veces por serias limitacións de orde social e económica.

A concesión destas nacionalidades é discriminatoria para cos numerosísimos peticionarios venezolanos de asilo político e da nacionalidade española por residencia

 

Á vista do dito, a concesión destas nacionalidades é discriminatoria para cos numerosísimos peticionarios venezolanos de asilo político e da nacionalidade española por residencia. A este respecto, resulta contradictorio termos que advertir de que, no ano 2016, o goberno español concedera o asilo político a só un de cada mil venezolanos solicitantes fronte ao cento por cento (oito de oito) de solicitudes venezolanas de Carta de natureza de nacionalidade española presentadas até ese momento. Esta manifesta desproporción atenta seriamente contra os principios de igualdade, seguranza xurídica e de interdición da arbitrariedade dos poderes públicos previstos na Constitución española, os cales deben rexer a actuación na hora de aplicar o conxunto do ordenamento xurídico.

Fronte a quen a entende a concesión destas nacionalidades como de natureza graciábel, eu xulgo que estamos ante a práctica dunha institución que cando menos violenta a Constitución e o propio Código Civil


 

A discriminación resulta aínda máis inxusta se temos en conta que, do mesmo xeito que ocorre con outros varios milleiros de solicitantes procedentes doutros países, numerosos cidadáns venezolanos solicitantes da nacionalidade española, con anos de residencia en España, con frecuencia con antecedentes familiares e propiedades en España, e en ocasións tamén con problemas políticos co réxime venezolano, cumpridos os dous anos de residencia esixidos polo Código Civil, deben de esperar durante algúns anos máis á resolución do seu trámite de petición-concesión da nacionalidade española. Amais de ter que presentar e pagar certificados de penais e taxas diversas. Con razón, os detractores das concesións da nacionalidade española por Carta de natureza, entendida inclusive como inconstitucional por algúns académicos, denuncian as grandes desigualdades que se producen á hora dá súa concesión, entendida esta na práctica polo Goberno. Fronte a quen a entenden como de natureza graciábel, eu xulgo que estamos ante a práctica dunha institución que cando menos violenta a Constitución e o propio Código Civil. Todo segue apontando, nos supostos presentes venezolanos, a que na concesión das nacionalidades por vía executiva parece haber uns intereses políticos e económicos torticeiros. Outras circunstancias excepcionais, e non parece habelas, se as houber non se publicaron. Á hora de decidir ou non que un extranxeiro adequira a nacionalidade española por Carta, o Goberno debería xustificar as circunstancias excepcionales que concorren na tal persoa extranxeira. Deste xeito, quizais sería salvábel, en boa lei, algunha das nacionalidades concedidas. E sobre todo, teríamos uns parámetros, aínda que flexíbeis, para dar chanzos cara unhas concesións máis ponderadas.

As sancións da Unión Europea. O petróleo e o colzam... A retirada de embaixadores víase vir

 

As sancións da Unión Europea. O petróleo e o colzam... A retirada de embaixadores víase vir. A pesares da súa falla de condicións para dar leccións de democracia e das razóns de política interna que concorren (desviación da atención pública, búsqueda do desprestixio de Podemos, etc.), non obxectaremos as denuncias do goberno español sobre o estado e serias deficiencias da democracia en Venezuela. Por dicir algo, entre outras cousas que poderían porse de manifesto, entendo que as restriccións en materia de pasaporte a diversos políticos opositores e milleiros de cidadáns venezolanos, resultan  intolerábeis. Agora ben,  gostaríame que  dita preocupación democrática se fixese patente tamén en relación coa moi mellorábel democracia en España e en especial co resto doutros moitos países do mundo, nunhas situación políticas tan ou máis lamentábeis que a venezuelana. En tal sentido, pregúntome  como o goberno español  protexía un menor de idade, de Arabia Saudita condenado a morte pola súa oposición ao réxime político saudí. A resposta do goberno dun Estado español tendentemente proautoritario foi negativa; sen dúbida o petróleo e os negocios -aves- cos amigos saudíes poden máis que a ética política. De seguro, polo demas, que se o petróleo e o coltam venezolanos dependeran da xestión dun goberno amigo, as sancións europeas estabelecidas e as “concedidas” nacionalidades españolas non existirían. 


Encol das sancións da Unión Europea contra sete altos cargos políticos de Venezuela, e mesmo tamén algún toques de atención contra España pola deriva autoritaria que están tomando acó algunhas cousas, eu non as diría inxustificadas, se ollarmos o caso venezueolano illadamente. Mais se as contrapoñemos coas que non se toman con outros moitos Estados, merecentes delas aínda con maior causa, as sancións resultan ser tremendamente arbitrarias, discriminatorias, interesadas e, nesa medida inxustas. Por todo iso, nada nos estraña que pasiño a pasiño, de vagariño, a retirada de embaixadores entre España e Venezuela estaba cantada. Dita retirada non preludia bos tempos para as relacións diplomáticas entre ámbolos dous países…
 

Comentarios