Opinión

Máis aló do 24 de maio

No ano político en curso, o vector máis incerto é decidir que vaia a suceder con Cataluña.

 

No ano político en curso, o vector máis incerto é decidir que vaia a suceder con Cataluña. Entendo que, dado que a sentencia do TC de 2010 rompeu de feito o pacto Cataluña-España –a última versión dese pacto fora o Estatut de 2006-, a opción independentista ha de entenderse como un órdago. Trátase dunha aposta que busca abrir ou forzar un espazo de negociación para restituír un certo equilibrio de forzas ante un estado central que deixou aos cataláns ante o dilema de aceptar a consunción das súas aspiracións nacionais, ou elevar o ton da demanda. Para dicilo na versión clásica de Hirschman, foi a deslealdade do mesmo estado o que cebou o camiño da saída.
  
Ese movemento estratéxico é o que cabe atribuírlle, polo menos, ás elites cataláns. Así entendida, a proclama independentista é un chamado dramatizado  para reiniciar o diálogo. Outra cousa é a evolución do sentimento independentista que pode exceder ese deseño. Se ben cabe pensar que o Estado Maior catalán estaba pensando en alcanzar un pacto fiscal e en restituír a capacidade xurídica e política que o TC capou de raíz, unha vez iniciado o movemento a traxectoria pode resultar finalmente inmanexable. Os menestrais é o que teñen, que se entusiasman e xa non paran. Pero convén quedarse co argumento para entender onde estamos, en que punto da discusión. 

 

A pesar de que está sendo posta en cuestión toda a estrutura social, é moi posible que ao final de todo teñamos un dominio das forzas conservadoras aínda maior do que era o caso ao comezo da crise

Máis alá do vector catalán, as eleccións municipais e autonómicas deste mes son o comezo dun ciclo que alterará a estrutura do sistema de partidos. No entanto, cabe sinalar que, visto dende o que as enquisas parecen avanzar, os efectos desa transformación non van a supoñer nada parecido a esa ruptura democrática que constituiría o final avatar da que non tivo lugar cando morreu o ditador. Os que soñaban cun proceso constituínte van ter que conformarse cunha reforma constitucional ben circunscrita. De ningún modo, ou así o parece –oxalá me equivoque- cunha lexislación que exprese unha relación de forzas máis favorable aos puntos de vista progresistas. 

A pesar de que está sendo posta en cuestión toda a estrutura social, é moi posible que ao final de todo teñamos un dominio das forzas conservadoras aínda maior do que era o caso ao comezo da crise. No que respecta á cuestión da plurinacionalidade, xa o dixen, todo está por decidir, pero me inclino a supoñer que se abrirá paso unha solución pactista… para Cataluña.

E Galicia, que pasará con Galicia, cando este período conclúa? Na Transición, dada a existencia da lexitimidade do non nato Estatuto da República, un certo peso das forzas galeguistas e dada tamén a fiestra de oportunidade que a versatilidade do momento abriu, Galicia pareceu que podía seguir o ronsel de Euskadi e Cataluña. Hoxe, as circunstancias cambiaron. Galicia non soubo aproveitar as súas oportunidades no período que agora acaba. Outros si o fixeron. A pesar do incerto do momento, é posible que Cataluña alcance outro acomodo en España. Mentres Euskadi, unha vez as armas calaron, mantense  á expectativa do que suceda para iniciar o seu rumbo posible.

Pero ninguén en España conta con Galicia. Os trinta anos de hexemonía conservadora e en especial o período do Presidente Feijóo amortizaron o peso político de Galicia. Mentres iso sucedía a sustancia étnica –a identidade- debilitouse, a estrutura económica mantívose inerte ou dependente do ciclo español, a articulación política mantívose en niveis precarios e a estrutura mental acomodouse á madrileña ou perseverou en patróns provincianos. En definitiva, ninguén elaborou un proxecto de modernización auto-centrado e moito menos con posibilidades de éxito. O crecemento económico e o ascensor social lexitimaron ese proceso. Non entrarei en intentar explicar por qué pasou o que pasou, abonde con indicar que as diagnoses máis compartidas polos interpelados na cuestión, erraron de raíz no problema. Agora xa tal vez é tarde.

Os trinta anos de hexemonía conservadora e en especial o período do Presidente Feijóo amortizaron o peso político de Galicia

Non sei se se pode afirmar dun modo rotundo, pero todo parece indicar que o seu proceso de construción nacional quebrou. Sexa coma for, en Galicia o ciclo acabará –ou tornará a comezar- a partir da lectura dos datos que deixen tras de si as eleccións xerais de fins de ano e as autonómicas do ano que ven. Tal vez só caiba interpretar nese momento que o declive continúa. Dende logo, visto dende agora non se ven motivos para esperanza ningunha.

Cabe imaxinar que no 2016 o PP volva a ser a opción de goberno, aínda con menor porcentaxe de votos. A clave da súa vitoria estará, como xa todos sabemos, entre os seus teóricos opoñentes. É triste dicilo, pero é así.

Comentarios