Opinión

Camaradas, corpo a terra! Que veñen os nosos

Que difícil é conseguir que un home comprenda algo cando o seu soldo depende de que non o comprenda! (Upton Sinclair)

Que difícil é conseguir que un home comprenda algo cando o seu soldo depende de que non o comprenda! (Upton Sinclair)

Non sei se paga a pena alimentar con máis ruído o debate sobre a unidade popular e as confluencias electorais. O nivel de decibelios a priori desaconséllao, como desaconsella tamén facelo desde sofás de sky middle class. Ultimamente, un ve con preocupación como a esquerda se entrega máis ao “sentimento” (cando non directamente á preguiza) que á “razón”1.

Podo entender, mesmo entra dentro do esperábel, que a xente moza poda caer na división e no partidismo (poña un -ismo na súa revolución hormonal). Cústame máis entender como quen viviu a mutación do franquismo na Transición caia nestas caralladas... a non ser que sexa parte integral do ADN de boa parte da esquerda ben pensante, que garda no sagrario a súa pureza inmaculada sen capacidade algunha de incidencia na realidade social, como na Belle époque inmobiliaria.

"Todo aquel que antepón neste instante as siglas e os partidos á unidade popular non me representa".

A conclusión do pesimismo da razón ollando ao redor non pode ser máis dura: vánnola meter dobrada outra vez (mais desta vez cunha brutalidade moito maior porque comezan as transformacións climáticas e o capitalismo entrou nunha nova fase onde o darwinismo social militarizado é a norma2). Algunhas razóns para semellante afirmación?

1.- Non nos representan. Polo menos a min non. Todo aquel que antepón neste instante as siglas e os partidos á unidade popular non me representa. Conviría lembrarlle tamén aos partidos, que levan desde a xornada da noite electoral das municipais cebando a imprensa do réxime (por estes lares La Coz3), que o silencio pode ser música. O ruído dificilmente e as clases populares o que lles chega é iso: confusión, ruído e máis loita de egos que de clases. Os modelos organizativos da socialdemocracia keynesiana da posguerra (no mellor dos casos ) axústanse cada vez peor á realidade dos nosos días.

2.- A navalla de Ockham. Con todo, o problema non está no campo contrario senón na casa. Está (ou debería) fóra de toda cuestión que a burguesía e o poder NUNCA van facilitar mudanza algunha (e cando se concede algunha facilidade é motivada polas contradicións irresolúbeis do capital). O que está en causa, xa que logo, é quen abandeira na esquerda que non haxa unidade coa intransixencia das súas posicións?

3.- O tiro pola culata. Xa veremos, pois, se o disparo non sae por onde non debe. O pior é que nos dará a todos na cara, especialmente aos que estamos nunha situación socio-económica de exclusión. Conviría lembrar aos camaradas que as decisións, ora na oposición ora no goberno, contribúen para mellorar ou empeorar as condicións de vida dos que se di representar (aí tedes ao PSOE votando a prol do TTIP no parlamento europeo por meternos co extremo centro e non pór exemplos máis “próximos”).

"Conviría lembrar aos camaradas que as decisións, ora na oposición ora no goberno, contribúen para mellorar ou empeorar as condicións de vida dos que se di representar"

4.- Avanzar preguntando. O ruído e o carrusel electoral desarmaron a unha esquerda europea sen unha filosofía política. Ou coa filosofía política do utilitarismo a golpe de inquérito.

5.- Ruptura democrática. Aí está o discurso da “austeridade” ou de como o capital drena recursos do mundo do traballo (e da biosfera) a niveis descoñecidos e sen oposición, esmagando calquera resistencia (por morna e razoábel que esta sexa)4.

6.- Vivan as cadenas! Aínda aceptando a fórmula de que a unidade sexa electoral e teledirixida desde as cúpulas (para variar –Il Gattopardo é de todos–), mas sabendo que só se constrúe unidade popular desde a base, pode haber calquera hipótese de ruptura apoiándose para gobernar en partidos que son caiadas do réxime en canto se fecha a porta a acordos coas forzas que partillan un mesmo espazo de ruptura? A non ser que...

7.- Que hai de novo, vello? Tan imporante como ser consciente da forza do campo contrario e ter mesura e conta da medida das forzas propias. A iso axuda ter unha diagnose axeitada da realidade e un programa que sexa algo máis que unha ferramenta de mercadotecnia electoral. Isto vale para todos na Galiza. Para Podemos, que mesmo sufriu dimisións de cargos electos importantes por escurantismo e conta cunhas bases fracas, mais pretende ser «o centro do taboleiro»5. Lonxe quedan os días do 15-M do que se declaraba herdeiro a xulgar por un preocupante hipercentralismo; unha rixidez xerárquica e xacobina nas antípodas da horizontalidade; unha hiperlideranza que non augura nada bo a medio-longo prazo e que condiciona xa as decisións das bases até nas decisións aparentemente máis irrelevantes (NATO si/non, lembrades? Eurolandia si/non, soñades?).

8.- QUOSQUE TANDEM ABUTERE, CATILINA, PATIENTIA NOSTRA? Detractores e seguidores lembrarán a transcendencia dos debates entre Fraga e Beiras no parlamento. Até os de Felipe González e Aznar. Hoxe nada sabemos do parlamento galego (só se nos mergullamos moito) e menos aínda do que fai Podemos no parlamento europeo. Hai moitas leis-mordazas invisíbeis e moita falta ignorancia, en canto o poder conseguiu que a acción institucional da esquerda non se visualice en absoluto (comeza a facelo nalguns concellos onde triunfou a unidade popular e se tomaron medidas audaces). A maiores, o traballo social e a incidencia de certas forzas de “rutura” temos que recoñecer que non está á altura do urxente e preciso. Anos encerellados na nouvelle gauche para rematar indo por atallos xa de vello coñecidos. Leas internas que acochan loitas para ocupar a «centralidade do poleiro» inter e intra pares.

"As candidaturas de unidade popular, ao menos en Galiza onde a sociedade civil é fraca e precaria, constituíron un xermolo imprescindíbel para construír un movemento político plural desde a base".

9.- Escollemos aos máis honrados e tratámolos como os máis grandes ladróns. Ese aforismo feito praxe nas CUP, esa esquerda non materialista e libertaria tan precisa, obriga por estatutos a que Quin Arrufat ou David Fernández non repitan como deputados (aínda que poucos dubidarán de que o fixeron bastante ben aínda nos tempos de brutal cerco mediático en que viven as cámaras de representantes convertidas en cámaras de gas para o pensamento disidente –a pesar de consumiren a maior parte das forzas e esforzos de moitas organizacións na esquerda).

10.- Uns polos outros e a casa sen varrer. As candidaturas de unidade popular, ao menos en Galiza onde a sociedade civil é fraca e precaria –máis conforme a situación económica e as condicións de vida de moitas e moitos de nós fan cada día máis difícil participar en política–, constituíron un xermolo imprescindíbel para construír un movemento político plural desde a base. No canto desa ferramenta que atinxiría unha masa crítica notábel para dotar de contido e incidencia social a ese proxecto (que supere a doenza infantil da esquerda galega), optouse pola vía habitual: declaracións de novos e vellos doutores da Santa Laica Madre Igrexa. Erran os que fan mímese de Madrid sen mans para a obra nin os pés na terra en que viven. Erran deixando de lado á esquerda galega, que conta cos maiores contixentes organizados do país (nomeadamente o BNG). Erra o BNG chegando tarde, mal e arrastro a todos os lados (difilmente imos avanzar así para o horizonte estratéxico da emancipación social e nacional). Erra Anova predicando pola mañá unha cousa e facendo pola tarde outra (ratificacións de comunicados de imprensa incluídos –é o bo de ter estado nalgunha casa, coñécense as conspicuas plumas e o ascensor horizontal).

11.-
Mollaba o pan en aceite, deixaba os santos a escuras. Españolistas/Nacionalistas. Paco Rodríguez/Beiras. Garzón/Pablo Iglesias. Podemos/IU. Anova/BNG. Afortunadamente Celso Emilio seguiu escribindo logo de viaxar ao país dos ananos. E na medida en que as bases da esquerda (organizadas partidariamente ou non) tomen as rendas sentaranse os piares dunha esquerda con capacidade (e non só retórica) transformadora.

"Na medida en que as bases da esquerda (organizadas partidariamente ou non) tomen as rendas sentaranse os piares dunha esquerda con capacidade (e non só retórica) transformadora".

12.- Quo vadis, militancia? Sen base activa e mobilizada (non só en período electoral ou por modas), sen capacidade de presión social... só fica a vía de "Juan Palomo". Por outras palabras, pouco importa chegar ao Goberno de Madrid (cando o poder non está aí para comezar) se a rúa non propicia, con mobilizacións e unha dirección clara, a audacia do goberno. Pouco nos serve ter grupo propio no Congreso da Meseta se o bloque pro-austeridade pasa o rodillo e se segue recentralizando o Estado e afondando na conversión deste nun protectorado da Catastroika, En Grecia, a mobilización decaeu conforme a terapia de choque aumentou e a desorientación de Syriza xa sabemos en que deu: baixada de pantalóns e estirar o brazo para que os samesugas engorden un pouco máis (a vaselina tamén corre por conta nosa).

13.- Mínimo común múltiplo/ máximo común divisor. A falta de análise, debate e reflexión seria (e sosegada) o fedor a derrota é cada vez máis insoportábel. Desorientación e impostura disfrazadas de novidade (e herdadas das dinámicas dos tempos das vacas gordas e dos micro68 xeracionais); pinchacarneiros retóricos filosoficamente inconsistentes, socialmente irrelavantes e estratexicamente ocos. Fronte a iso, un programa que se centre no aquí e no agora: no agro e na soberanía alimentar, na autodeterminación, no benestar (a conquista do pan), na necesidade de transcender un capitalismo que destrúe coa súa lóxica a biosfera, etc. Cada mes perdido máis avanzará o darwinismo social militarizado do doutor FrankeSchaeuble e o IBEX-35.

14.- Pongamos que hablo de Madrid. Ofrecer a única fórmula "Podemos-otracosamariposa" é unha tomadura de pelo como o era nas europeas que IU ofrecera a Podemos ir na "Izquierda Plural" (o cal evidentemente non aceptou). Por estes lares as “Asembleas Abertas” e a “AGE ampliábel” tamén teñen a súa miga. Seguiremos inventando a pólvora? Até o PP mudou o seu logo incorporando un círculo. Camaradas, todo é posíbel menos a cuadratura do círculo... e a este paso a transformación social.

****************************

Do anterior, ese pesimismo da razón dita que é irresponsábel e torticeiro ir por libre obviando as poderosas leccións das municipais.

É irresponsábel e torticeiro ver como sectores de Anova e do BNG fan o posíbel para evitar unha converxencia do esquerda galega en nome da leira (lembren os camaradas que a propiedade é un roubo). Para os que coñecemos o "mundillo" é doado ver como moitos desde entrañábeis camaradas que pexan a unidade se corresponden cos que están na nómina (ou na anónima) desas organizacións. Outros contan cunha ampla folla de servizos rebentando procesos de unidade e repartindo carnés de limpeza de sangue.

"Ofrecer a única fórmula "Podemos-otracosamariposa" é unha tomadura de pelo como o era nas europeas que IU ofrecera a Podemos ir na "Izquierda Plural"

É irresponsábel e torticeiro propor desde Podemos ir en solitario e primar o continente (a marca) ao contido (a ruptura), cando obtivo un resultado nin remotamente próximo ao de moitas candidaturas de unidade popular indo en solitario. De por parte, as apelacións ao «mal menor» foron descritas por Gramsci (tan do gusto dos camaradas) como o atallo máis curto para o «mal maior»: a vitoria do bloque proausteridade no inmediato e a hipótese dunha vitoria ad kalendas graecas sen programa, definición e non sen complexos (esquerda, dereita ou centro comercial?). Ver como se aplaude coas orellas a postura de Tsipras como a única posíbel (There Is Not Alternative, muchachos) é tan dramático como o coro eterno dos entrañábeis camaradas de Compostela... Si, eses que se refundan permanentemente a si mesmos demostrando que a materia nin se crea nin se destrúe (tampouco transforma neste caso).

Catro anos máis de sufrimento en caída libre (cos fondos da Seguridade Social criando arañeiras; máis dun billón de euros en débeda pública e buracos financeiros que nin enxergamos os que nos interesamos polo asunto; a Galiza extenuada, convertida nun ermo e o rural esmorecendo definitivamente; a mocidade collendo macizamente as malas cando nos prometeran que Nunca Máis!; e unha Eurolandia que deixa claro que foi e é unha estafa ao servizo das elites e que para esta viaxe non cumpría tanta albarda) supoño que son tolerábeis (consciente ou inconscientemente) para xubilados, profesores de universidade, etc. Para outros asegúrovos que non, que estamos no límite das nosas forzas (e tamén das decepcións e da capacidade de confiar en alternativas). Por iso, cómpre intelixencia e audacia na esquerda e menos discurso de autoconsumo, menos slogan e mercadotecnia e menos serie americana de HBO.

******************

 

Domènech, Buster e Raventós nun artigo sobre Grecia (do que deberían tomar nota varios "dirixentes") expuñan o seguinte6:

Están, primero, los habituales papagayos moralizantes y consignistas: esos estupendos abajo-firmantes que, sin haber estudiado ni haber siquiera pretendido nunca entender nada en concreto del caso, ya tenían de antemano decidido, por ejemplo, y muchas veces contra todo argumento económico racional, que nada que no fuera romper con el euro y volver al dracma ya (¡en una economía abrumadoramente importadora!) era reformismo utópico y que Tsipras era un "traidor" que sólo esperaba el momento adecuado para venderse a la Troika. Éstos están exultantes: la del martes fue su gran noche. Y Tsipras, un nuevo Pétain.

Otra rama de la viciada psicología moral de la izquierda derrotada de las últimas décadas es la de quienes se acogen preferentemente a la vieja consigna otrora leedera en muy visibles carteles colocados al lado del sillín de conductor de todos los tranvías y autobuses del mundo: "No molesten al conductor"; haga lo que haga el pretendido conductor –llámese Castro, Chávez, Lula, Correa, Evo o Tsipras—, bien hecho está, que el papel de los abajo-firmantes se reduce sobre a todo a no molestar y aun a aplaudir al conductor. Los más cultivados entre los abajo-firmantes de esta estirpe psicológico-moral digamos que "obediente" parecen interpretar el papel de Tsipras en la capitulación de esta semana por analogía histórica con el celebérrimo acuerdo de capitulación militar incondicional ante el Estado Mayor guillermino firmado el 3 de marzo de 1918 por Trotsky en Brest-Litovsk. Sí, también ésta resultó una capitulación humillante para el nuevo gobierno revolucionario, y desde luego fue muy criticada como inaceptable por muchos abajo-firmantes obnubilados de la época; pero, a la postre, habría terminado sirviendo para mantener y aun afianzar en el poder al partido bolchevique. Tsipras habría cuando menos evitado el Grexit en que estaba empeñado Schäuble, como tan bien ha sabido contar el propio Varoufakis estos últimos días.

"Cando a "austeridade" volva gañar en setembro será todo un espectáculo ver aos de "non molestar ao condutor" e mais aos de "eu xa o dixen" colgándose medalla".

Sea de todo ello lo que fuere, lo único cierto hasta ahora es que el comportamiento de Tsipras esta pasada semana ha hecho una vez más buena la vieja y sabia leyenda saintjustiniana de que, para un político radical, la audacia a medias es cavar la propia tumba. Y puestos a buscar analogías históricas, por nuestra parte sugeriríamos más bien otra. Tsipras no se parece en nada al Pétain de 1939: no hubo desde luego premeditación en la voluntad de derrota. Ni tampoco al Trotsky de 1918: le ha faltado precisamente su audacia. Si acaso, puede recordar vagamente al papel de aquel célebre estratego, Foción, que rindió definitivamente la libertad republicana de Atenas ante Antípatro y el poderío imperial macedonio en el 318 antes de nuestra era. Y –¿quién sabe?— acaso el de Varoufakis guarde ahora cierto vago parecido también con el papel jugado por el gran Demóstenes en aquel trágico final sin gloria y con mucha pena de la república democrática de Atenas..

Cando a "austeridade" volva gañar en setembro será todo un espectáculo ver aos de "non molestar ao condutor" e mais aos de "eu xa o dixen" colgándose medallas. Para o resto, miseria, desemprego, recortes, perda de dereitos... E a burguesía e os seus mercenarios, herdeiros do nacional-catolicismo, completarán a súa ruptura democrática en curso. Miserias da filosofía e filosofías da miseria.

Camaradas, corpo a terra! Que veñen os nosos

1Torreiro, Sara (2015): “Beiras enmenda o concepto de nación de Errejón” en Praza Pública . Dispoñíbel en http://praza.gal/politica/9897/beiras-emenda-o-concepto-de-nacion-de-errejon/

2O acaparamento de terras por parte de grandes hedge founds é apenas un exemplo. Hoxe existen máis escravos que en ningún outro momento da historia. Por citar algúnhas novas relacionadas na imprensa recente:

Ibarra, Alicia (2015): “Caddy Adzuba: Nosotras morimos para que ustedes puedan tener sus smartphones" en Público. Dispoñíbel en http://www.publico.es/internacional/caddy-adzuba-morimos-ustedes-puedan.html

Vargas M., Alejandra (2015): “No habrá paz en el mundo si hay niños esclavos” en La Nación. Dispoñíbel en http://www.nacion.com/vivir/bienestar/Nobel-Paz-Mundo-ninos-esclavos_0_1500849913.html

Villa, Lucía (2015): “El cambio climático acabará con el aceite de oliva y el vino en España” en Público. Dispoñíbel en: http://www.publico.es/actualidad/cambio-climatico-acabara-aceite-oliva.html

3Bareño, Gonzalo (2015): “Para Iglesias, Galicia no es «different»” en La Voz de Galicia. Dispoñíbel en: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2015/07/20/iglesias-galicia-different/0003_201507G20P10991.htm

4InfoGrécia (2015): “Varoufakis abre o livro: «Você até tem razão, mas vamos esmagar-vos à mesma»” en infoGrécia. Dispoñíbel en http://www.infogrecia.net/2015/07/varoufakis-abre-o-livro-voce-ate-tem-razao-mas-vamos-esmagar-vos-a-mesma/

5Lorenzo, S. (2015): “Carmen Santos: «A xestión de Podemos en Galicia non é transparente nin participativa» en La Voz de Galicia. Dispoñíbel en: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2015/07/20/xestion-podemos-galicia-non-e-transparente-nin-participativa/0003_201507G20P8993.htm

La Voz de Galicia (2015): “Teresa Rodríguez se aparta de Iglesias y apoya a la candidatura de Cañamero y Sánchez Gordilloen La Voz de Galicia. Dispoñíbel en: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/espana/2015/07/20/teresa-rodriguez-aparta-iglesias-apoya-candidatura-canamero-sanchez-gordillo/00031437411862434244996.htm

6http://www.sinpermiso.info/textos/index.php?id=8176

Comentarios