Opinión

Máis Galicia

Isto de que os galegos dispoñamos de dúas formas normativas para denominar o país (Galicia e Galiza), ambas no mesmo idioma, conforme a preferencia do usuario/utente (non como Bélxica, que ten dúas ou tres, ou Suíza, que ten catro, pero cada unha no idioma correspondente), constitúe un trazo digno de admiración, e tamén unha riqueza lingüística; e iso que xa nos fomos empobrecendo, porque na Idade Media aínda gozábamos de maior variedade: Galiza, Galisa, Galliza, Galisia, Galicia, etc.

Caben dúas explicacións para este delongado fenómeno da nosa natureza humana. Unha sería que tal polimorfismo só se manifestase na escrita, dependendo da tradición de cada escritorio, en tanto que no uso oral existise unha única forma, polo menos na respectiva área dialectal. A outra explicación, socioloxicamente máis complexa, é que se trate dunha arraigada característica da nosa peculiar idiosincrasia, manifestación superestrutural do minifundio, acentuada naqueles recuados tempos medievos, nos que é ben sabido que non había lei ningunha, nin sequera gramatical, situación acertadamente expresada na coñecida sentenza “somos galegos, non nos entendemos”.

Naqueles recuados tempos medievos, non había lei ningunha, nin sequera gramatical, situación acertadamente expresada na coñecida sentenza “somos galegos, non nos entendemos”

 

En apoio desta segunda hipótese acode o testemuño documental de Aimeric Picaud, cando na súa “Guía de Peregrinos” incluída no Códice Calixtino, informa que os nosos devanceiros do século XII eran xa “iracundos e litigantes”, o cal, de ser certo, demostraría a permanencia dun inflexible trazo nacional.

Mais como a boa práctica histórica esixe a crítica da fonte de información, pareceu oportuno despregar o método comparativo, consultando textos dos reinos medievais veciños. Púidose entón comprobar con alivio que daquela non eramos tan excepcionais, porque tamén eles tiñan idiosincrasia dabondo.

Na portuguesa Crónica de Fernão Lopes, de principios do século XV, o autor escrebe, no mesmo texto, “Portugal” e “Portogal”, segundo en cada momento lle pete. E en documentos casteláns lemos “Castilla” e “Castiella”, co mesmo arbitrario criterio.

Mais aí, ai!, remata a semellanza: a ningún portugués nin castelán actuais lles dá por reivindicar 'Portogal' ou 'Castiella' como nome enxebre do seu país. Xa  por iso os galegos somos, sen discusión, máis peculiares que ninguén. Mais non só por iso, senón tamén porque os termos 'Portogal' e 'Castiella' no seu momento deberon existir, mentres que 'Galiza', así pronunciado (co z = θ), iso non existiu nunca.

Os termos 'Portogal' e 'Castiella' no seu momento deberon existir, mentres que 'Galiza', así pronunciado (co z = θ), iso non existiu nunca

 

O problema filosófico que presenta o valor da non existencia foi tratado hai moito tempo por un coñecido arcebispo de Canterbury, santificado pola Igrexa en atención á súa agudeza.

Enumerando o santo prelado todas as virtudes contidas no nome de Deus, supremo compendio de perfeccións, argumentaba con toda razón contra os ateos (que tamén o usaban) que por moita infinita xustiza, bondade, beleza, poder ou creatividade que se lle quixese atribuír, con só faltarlle unha, a da existencia, xa non podería nin pronunciarse. E iso é o que acontece con 'Galiza': as virtudes do nome non se poden discutir: ten unha letra menos que 'Galicia', ou sexa, unha pulsación menos, notable aforro enerxético á hora de escribir. Ademais, é credencial abreviada de nacionalismo; repetíndoo como un mantra evítanse trámites moi incómodos. Pero, oh desgraza!, a 'Galiza', como ao deus dos ateos, fáltalle a calidade da existencia.

É verdade que na documentación medieval aparece a forma gráfica 'Galiza' (e moitas outras), e de ter ido a historia por outro camiño probablemente hoxe aquí falaríase portugués, porque, en efecto, Galicia puido formar parte de Portugal. De feito estaban xuntos na vella Gallaecia. Pero tamén estaban aí, na Gallaecia, Asturias-León e a primitiva Castela. E a historia foi por onde foi. Non hai Consellería do Tempo que o poida remediar. Houbo sectores das elites galegas nobiliaria e burguesa que ocasionalmente propuxeron vías alternativas, confluentes con Portugal (Fernando de Traba, Fernando de Castro ou Pedro Álvarez de Soutomaior, por exemplo), pero sempre se acabaron impoñendo as partidarias de Castela. A Galicia actual é resultado de todo o pouso histórico previo máis os elementos achegados pola evolución posterior; non polo que puido ter sido, senón polo que foi. Isto é algo que non se pode ignorar, so pena de encerrarnos nun mundo ficticio.

A dirección imposta pola historia repercutiu (como non!) na paralela evolución do idioma, e deu lugar ao que hoxe é o galego, que desde logo (malia toda a súa deturpación) non é castelán, mais tampouco portugués. Nese proceso secular o galego foi creando o seu propio patrimonio léxico e ortográfico. Nunca o noso idioma utilizou as grafías /nh/ nin /lh/, que o portugués importou no século XIII, porque o uso tradicional da escrita galega dispuña, como patrimonio autóctono, do /ll/ e do /ñ/ (abreviatura dun /nn/), letra esta que a ninguén se lle pediu prestada nin ninguén impuxo desde fóra.

Nunca o noso idioma utilizou as grafías /nh/ nin /lh/, que o portugués importou no século XIII

 

En canto ao nome do país, de entre as varias grafías xa existentes impúxose, por propia evolución, a de 'Galicia', e así se recoñecía como nosa en toda parte. Atopámola incluso en documentación medieval portuguesa, ou en textos papais do século XIV (“Sanctum Iacobum de Galissia”), ou nalgún valenciano do XVI (“Sant Jachme de Galicia”), ou na Cataluña Norte (“de partibus Galicie”), sen que en ningún caso se deba atribuír a instrucións castelanizadoras. O nome propio do país, por moito que nos custe crelo, impúxose en textos redactados noutros idiomas.

Porque no castelán baixomedieval o nome dado ao noso país non era 'Galicia', senón 'Gallicia', sendo aquí o dobre /l/ = /ll/ (de donde 'gallego'), forma que acabou sendo desprazada, no mesmo castelán, pola forma galega 'Galicia'.

A ninguén se lle pediu prestado o /ñ/ nin ninguén o impuxo desde fóra

 

Parece ser que semellante triunfo do galego non cadra cunha mentalidade vitimista que se recrea nos “imbéciles e escuros” que (pobres de nós!) “non nos entenden, non”, e para 'Galicia', o /ñ/ ou a gheada só se atopa explicación na imposición exterior. Así pois, mellor atrincheirarse nun maximalismo autocompracente e emprender a fuxida cara adiante; cara a ningunha parte. Mentres, a historia segue o seu curso e nós “imos ficando sós”.

Vén a conto unha anécdota histórica. No ano 1037 o rei galaico Bermudo III, de obra de vinte anos e cun cabalo moi veloz, librou batalla contra o navarro-castelán Fernando. Debido á fogosidade da súa xuventude e á velocidade do seu cabalo, cando se quixo dar conta deixara atrás a tropa e atopouse só no medio do inimigo. Perdeu o reino e a cabeza.

Pena que non se aprenda da historia!

Comentarios