Opinión

Distopía

A outra noite durmín mal por culpa dunha distopía.

Un castelo (por certo moi grande) ía sendo pouco a pouco rodeado con catapultas, bombardas e campamentos de guerreiros. Os de Dentro sospeitaron malas intencións e un bo día dixéronlle aos de Fóra: "Ei!, retiren xa toda esa trapallada e regresen en boa hora ás súas casas, ou imos nós aí a levantala". Nada. Así que fixeron unha saída e estragáronlles o chiringo.
Os de Fóra, estupefactos. Viñan afeitos a correr as terras saqueando, destruíndo, masacrando a millóns con total impunidade e non lle cabía na dura cabezota que alguén ousase dicirlles: "Basta!".

Non sabían que facer e convocáronse a Consello. Conforme o uso estamental da época, xuntábase alí tropa de tres categorías: na primeira estaba o capo; na segunda os esbirros, botando man no que podían; na terceira os bufóns, que non tiñan man, de maneira que facían o propio do seu nome. Aos integrantes deste ínfimo nivel un competente historiador denominábaos 'os estúpidos', caracterizados por faceren mal sen obteren beneficio; o máis pernicioso grupo humano, por nutrido e inconsciente.

Nada máis abrirse a sesión o bufón Let, inspirado, púxose en pé no galiñeiro e espetou: "Nós poñemos as armas! ". Un éxito; esmendrelláronse de risa os de Fóra e os de Dentro. Outros foron máis alá. Lit e Pol erguéronse a un tempo e, ambas mans nos cadrís, berráronlles aos de Dentro coa súa feble voz de pito: "Pois agora xa non xogamos convosco á pelota! ". Foi abrir a caixa de Pandora; tremendo barullo! A última da quenda era Alba: "Da nosa parte, sanción económica!". Ante o pasmo xeral (o seu único recurso era a pobreza) concretaron: "Xa non lles mandamos máis pobres de pedir!".

Xusto é recoñecer que os do 1º e 2º estamento tamén soltaban bufonadas. Ameazaron aos de Dentro: "Non vos imos pasar leña, conque a quentarvos cos chisqueiros" (todas as árbores estaban dentro da inmensa fortaleza!). Outra: "Pois andamos a organizar o botellón anual e non vos deixamos cantar!".

Daquela o capo proclamou: "Somos o mundo libre e correspóndenos a liberdade de atacar cando nos pete. Proposta de resolución: que se retiren". "Amén", subscribiron esbirros e bufóns. Todo conforme o guión.

O sorprendente foi que andaban por alí uns cos que ninguén contaba (nin sabían que existían) ‒dábanse a si mesmos o malsoante nome de Agz‒ e tomando praza no galiñeiro dos bufóns sumáronse á proposta: "Si, que se retiren. Obrigado/obrigada". Non, que se levante o asedio, se deteña os criminais que pululan por alá Fóra, se disolva a horda e reine a paz. Non. Que os de Dentro se reclúan de novo e agarden tranquiliños ata que os de Fóra se sintan en condicións de desencadear o asalto.

Argghh!!, que mal durmín! Cabreado, saín ao balcón e. valéndome da verborrea distópica dirixinlles esta mensaxe aos culpables do pesadelo: "Isto vai traer consecuencias!, ídelo pagar caro!: sométovos a embargo!".

Comentarios