Opinión

Breve historia de ‘Galiza’

Non, o nome de Galicia non é imposición do castelán; para empezar, por unha razón ben simple: no castelán de finais da Idade Media dicíase Gallicia (sendo o dobre l palatal sonoro, de onde vén gallego).

Entre os séculos XIII e XV na documentación galega rexistramos, en efecto, a forma Galiza, pero ese z non se pronunciaba coma hoxe (/θ/, fricativo interdental xordo), senón africado sonoro, de maneira que soaría algo así como Galidsa. Desaparecido ese fonema (ao longo dos séculos XIV-XV), en portugués pasou a dicirse Galisa e en galego Galisia.

Así é que Galiza (con z = θ) non pertence ao patrimonio galego, mais tampouco ao portugués, onde este fonema non existe. En realidade é un neoloxismo orixinado nos anos 20 do século pasado por unha lectura equivocada da documentación medieval, que ía saíndo á luz desde finais do XIX e á que se asomaban os galeguistas no seu esforzo de normalización do idioma, maiormente na prosa, arduo labor no que, como é lóxico, abondaban os ensaios erróneos. Non hai máis que asomarse á literatura producida neses anos para dármonos conta da fase inicial e experimental en que se atopaba, do que resultaba un idioma impracticable.

É certo que desde finais do século XV, coincidindo coa aceleración do proceso de dependencia política de Galicia con respecto a Castela, producíronse cambios profundos no idioma. Pode ser que se debesen á presión do castelán, pero este tipo de circunstancias son comúns na maioría dos idiomas (hóuboa do francés, haina do inglés etc.), mais en todo caso o noso país e o noso idioma é resultado do acontecido ata o século XV así como de todo o que aconteceu desde entón ata hoxe. A historia non se detivo no remate da Idade Media. Gústenos ou non, o noso idioma é así, e non a fantasía do que foi ou do que podería ser se as cousas sucedesen doutra maneira.

O noso idioma é así, e non a fantasía do que foi ou do que podería ser se as cousas sucedesen doutra maneira

Desde finais do século XV ata o XX non se rexistra máis a forma gráfica Galiza, e é inadmisible que se algunha vez tivese existido se esquecese de forma tan radical, cousa que no aconteceu con ningún outro topónimo nin con ningunha outra palabra patrimonial (por exemplo, a forma Deus –con todo e ser tan castelanizadora a Igrexa– aínda a emprega Sarmiento e eu mesmo a lembro en beizos populares na frase se Deus quer).

Non podo asegurar quen introduciu ese erro historicista de Galiza. Puido ser Xoán Vicente Viqueira nun poema (Miña Galiza) publicado en A Nosa Terra en 1920, que é a data na que esa revista a vai adoptando na súa liña editorial (en 1919 aínda comentaba a “Segunda Asembleia nazonalista de Galicia”). Mais por esas datas a xeneralidade dos escritores galegos e galeguistas non a utilizaban aínda. Risco e Cuevillas, entre os primeiros, comezaron a facelo en 1921 e Castelao en 1923. Mentres tanto a revista Nós, aínda sendo Risco o seu director, optaba por Galizia e non debeu facer o cambio ata 1922.

En conclusión, Galiza non é a forma patrimonial galega, senón unha proposta artificiosa moi recente. Galicia é o nome creado polo pobo galego, rastrexable tamén ao longo da Idade Media (xunto con outras variadas formas gráficas) e consolidado en exclusiva ao longo dos últimos quiñentos anos.

Sexamos claros: Galiza só se xustifica nunha perspectiva integracionista no portugués. Mais ¡ollo!, sería unha faena propoñerlle a un portugués que o pronunciase.

Apostila: a letra ñ é tan castelá como vasca ou galega; incluso (non exactamente igual) polaca, checa ou eslovaca. Resulta da abreviación medieval dun dobre n (nn) mediante o sinxelo procedemento de superpoñer un n sobre o outro, que era a forma en que se representaba o fonema nasal velar sonoro. O dígrafo nh é unha importación occitana disposta pola Corte lisboeta na segunda metade do século XIII. O patrimonial galego é o ñ.

Comentarios