Opinión

Exilio, retorno e espolio na crise-estafa

Son emigrante, fillo de emigrantes e neto de emigrantes. Unha situación que -por desgraza- é moi cotián pra amplas capas da poboación galega. 

Son emigrante, fillo de emigrantes e neto de emigrantes. Unha situación que -por desgraza- é moi cotián pra amplas capas da poboación galega. A maquinaria da doutrina do shock non cesa e mantén a raia a nosa autoestima, o noso autoconcepto e a nosa capacidade dialéctica pra poder ubicar e interrelacionar ben que está a pasar coa traxedia do exilio silenciado nesta crise-estafa. Estamos socializadas na precariedade e vulnerabilidade; interiorizamos dende ben cativas a posibilidade real e reiterada de ter que emigrar -o eterno fantasma que nos limita-. Niste sentido temos máis que asumido o drama da emigración como un feito inevitábel. Coido que sempre fumos educadas en que estamos diante unha plaga bíblica, unha maldición divina ou unha característica propia e intrínseca ao “carácter atlantista” -as veces até romantifican dende Madrid iste sentimentos atrofiados para manternos contemplativas e paralizadas-.

"Estamos socializadas na precariedade e vulnerabilidade; interiorizamos dende ben cativas a posibilidade real e reiterada de ter que emigrar -o eterno fantasma que nos limita"

O feito é que o Estado español -e a súa ramificación tecnócrata parapetada na Xunta- empéñase en despolitizar a sangría migratoria, minimizar as consecuencias socioeconómicas e invisibilizar as causas políticas desta traxedia centenaria que azouta os piares da nosa existencia. Namentres o pobo galego segue o camiño do exilio, iles seguen a darnos altas doses de estereotipos folklorizados, prexuízos que nos infantilizan e monsergas revictimizadoras que nos fan languidecer no pesebre da morte doce -nesta nova Noite de Pedra versión soft que nos paraliza sen tregua-. Queren que non analizemos sociocríticamente a situación, que non rachemos co status quo que xenera xenerosas plusvalías ao réxime español. 

Non esquezamos que se a nosa diáspora é unha das máis grandes do mundo non é pola “alma aventureira galega” ou pola necesidade de “internacionalizala galeguidade” (calcúlanse 11 millóns de almas espalladas polo mundo adiante). Queren desnortarnos e que vexamos desexábel e ventaxoso tanto exilio, pero, ¿cómo pretenden que romantifiquemos e gostemos de que o noso pobo se multiplique por catro máis aló das nosas fronteiras? ¿que se descapitaliza e teña unha morte doce e sixilosa o noso futuro? Ben saben o que fixeron e fan, por iso agochan iste drama social e nacional: véñennos con lerias e versións edulcoradas para agochala desfeita.

Vemos logo que a emigración -como proceso sociopolítico e fenómeno demográfico- é desdibuxado e simplificado, non falemos xa da negación da emigración que se da dentro dos límites administrativos do Estado -“desplazámonos internamente polo Reino”-. Redúcennos a un simple “dato inconexo" ou “estilos de vida específicos” sen trascendencia e ligazón ningunha. Unha cousificación despolitizada e consciente que fan baixo parámetros españois e individualistas para agochar unha análise crítica e seguir colonizándonos de xeito estrutural e sen tregua. En definitiva, sempre se negou que Galiza se materializa nun pobo-nazón, e como consecuencia diso, négase obviamente a realidade diferenciada de sermos unha emigración concreta e específica e, como non, a existencia dunha diáspora nacional. Todo encaixa coas teses asimilacionistas que intentan reducirnos a ser unha rexión ultraperiférica.

"Sempre se negou que Galiza se materializa nun pobo-nazón, e como consecuencia diso, négase obviamente a realidade diferenciada de sermos unha emigración concreta e específica e, como non, a existencia dunha diáspora nacional." 

Tuteladas e infantilizadas, na Galiza sempre nos obrigaron a estaren a esperas das recetas que dende Madrid daba o réxime de turno -esa é a nosa historia recente e presente-. Nos anos 60 nosas avoas tiveron que exiliarse polas políticas ruralicidas e desarrollistas que nada bo trouxeron pro agro e os setores produtivos do país. A “emigración voluntaria” desa década baixou o paro no conxunto estatal e, por tanto, a presión demográfica que tiña o Estado franquista -o Reino alixeirou peso e axilizou os andares no proceso desarrollista-. Maltratouse institucionalmente a toda unha xeración co drama do exilio e o subseguinte desamparo. Agora, os netos dos culpábeis que ocupan o poder, maltratan unha segunda volta con máis saña a mesma xeración que agora está retornada na Galiza. O fío da historia eí está, as mesmas políticas españolistas que negaron o pan outrora son as mesmas que rouban as pensións e os aforros dagora. Os ruralicidas sempre nos ofreceron a emigración como única vía factible, ¿cómo van tratar ben agora as nosas maiores emigrantes e retornadas se sempre as ignoraron e as maltrataron?

O centralismo español -franquista ou tardofranquista- críanos entre os macutos baixo da cama e a imposibilidade de sentírmonos realizadas no noso país. Sementan fatalismo porque temen a pedagoxía popular e os procesos de concienciación nacional: por iso estigmatizan o nacionalismo galego e folklorizan/despolitizacn á diáspora galega -son conscientes do  rol activo e determinante que chegou a ter-. 

"O Reino de España nega o noso direito a seren suxeitos activos na (re)construcción dos nosos relatos e narrativas nacionais"

Os voceiros do Réxime non paran de relatar e redefinir o “feito migratorio”, lembrándonos en todo momento que, como pobo, non temos autodeterminación para traballar, producir e habitar na propia Terra. É un leimotiv que é estrutural na esencia españolista e se fixo patente dende sempre por parte de tódolos poderes que emanan do réxime capitalista-patriarcal. O Reino de España nega o noso direito a seren suxeitos activos na (re)construcción dos nosos relatos e narrativas nacionais, a vontade de escribiren dende o empoderamento, a boa análise e unha concepción emancipatoria -cousifícannos sendo emigrantes e retornadas-. Por esta razón empregan a violencia simbólica, policial, económica e mediática pra estigmar e criminalizar as nosas  emigrantes aforradoras e retornadas.

Sen humanidade ningunha espallan difamacións e discursos cargados de odio nos que sentencian que as emigrantes non eran aforradoras (din que son inversoras) e, ademais, din que as nosas retornadas non eran traballadoras exiliadas (senón estafadoras, evasoras de capitais, “almas aventureiras”). Pero claro, non me extraña tanta indiferencia, inhumanidade e odio contra as nosas emigrantes retornadas: elas son as mozas que nos anos 60 foron negadas e expulsadas ao exilio. Primeiro roubáronlles os sonos, agora os aforros. Claro queda que exilio e espolio son dúas caras da mesma moeda neste rexime español, neste retorno que tanto molesta.

Máis artigos e sociopoemas en www.sociopoeticarural.blogspot.com

Comentarios