Opinión

Por un Día da Matria transfronteirizo, mestizo e en código aberto

As cadeas humanas da “Vía Catalana” e “Gure Esku Dago” foron realmente actos históricos, multiplicadores e desbordantes.

As cadeas humanas da “Vía Catalana” e “Gure Esku Dago” foron realmente actos históricos, multiplicadores e desbordantes. Milleiros de formiguiñas abrazaron praias, uniron vilas, achegaron cidades e espallaron sorrisos polos Países Cataláns e Euskal Herria. Foi a evidencia arrolladora de que a forza da alegría, o impulso do afecto e a unión de vontades se torna no millor motor pra artellar concienciación nacional, autoestima colectiva e cohesión identitaria.

O caso galego non ten que ser alleo a estas novas manifestacións político-emocionais que se espallan polos países do Estado. Galiza non está condenada a ter Días Nacionais atomizados, atrincheirados e que non tendan ao encontro socio-afectivo nun sentido amplo do termo. Nós tamén somos un pobo dinámico con ansias colectivas de incrementar a nosa autoestima e a nosa impronta no espazo e o tempo. Pero pra pular hacia outro modelo de Día Nacional débense superar os vellos encasillamentos, as tradicionais dinámicas e os encorsetados debates que case sempre están alleos ao común das galegas. Non teño claro o formato e a ferramenta exacta pra o Día Nacional; mais teño claro que moita xente síntese chea de motivación e paixón só co feito de pensar na posibilidade dun Día da Matria en código aberto, xeneroso e ilusionante. Niste sentido está moi acertada a soberanista feminista Teresa Moure cando afirma: “Na Galiza são muitas as tribos políticas que nos constituem; muitas as lutas necessárias nestes tempos convulsos. E a história demonstra que @s galeg@s somos gente delicada com os matizes. Mas às vezes há que enterrar o machado”. E é que iste 25 de xullo o pobo galego ten outra oportunidade histórica (cicais van quedando poucas) pra faguer do Día de Todas un Orgullo Galego en condicións no que se senten as bases identitarias dun novo xeito de entender o Noso Día Grande. ¿Por qué non plantexar a posibilidade de ocupar o espazo con vontades comúns, discursos encontrados e sentimentos compartidos? Pode que vaia sendo hora de dar pasos adiante pra saír do armario das siglas e poñer en práctica a capacidade popular de todo un pobo en movemento que non se nega a dibuxar unha marea nacionalista multicolor, multipartidaria e de amplo espectro. É decir: sentir como pobo, reflexionar como nazón e actuar como tribu.

Pode que vaia sendo hora de dar pasos adiante pra saír do armario das siglas e poñer en práctica a capacidade popular de todo un pobo en movemento

A familia soberanista é un suxeito mestizo que desborda os límites xeográficos, afectivos, reflexivos e vivenciais que calquera poida establecer ou supor. Niste sentido tódolos soberanismos deberían ir tendendo hacia a configuración flexíbel e interseccional dun Día da Matria atractivo para tódalas persoas que teñen a Galiza na cabeza, no peito e nas accións cotiáns. Camiñar hacia o entrecruzamento de paixón, tratar de tecer espazos comúns de celebración colectiva con militantes ou non; afiliadas ou non; conscientes ou non.

Nós; diaspóricas e diversas; dispersas e transfronteirizas; defensoras de tódalas soberanías posíbeis no eido ecolóxico, afectivo-sexual e nacional; temos que atrevernos a imaxinar novas formas de aglutinamento emocional e encontro vivencial. A urxencia nacional en torno á vertebración dun Orgullo Galego de amplo espectro ben o merece.

Comentarios