Opinión

Dereito á información, democracia e transparencia en tempos de coronavirus

Na crise sanitaria que estamos a vivir, a información adquiriu unha relevancia especial. O ministerio de Sanidade e o Sergas están a ofrecer, diariamente, os datos que amosan a incidencia do coronavirus a nivel estatal e autonómico (bótase en falta a escala local), seguindo criterios que foron modificándose conforme pasaron os días.

Porén, nalgúns concellos, como os de Castro Caldelas, Maceda e San Xoán de Río, por citarmos algúns, si se está a facilitar esa información, grazas a un contacto permanente cos centros de saúde. No noso municipio a formación municipalista Por Chantada optou polo mesmo proceder, o que orixinou un debate que nos parece de interese: é procedente publicar o número de persoas afectadas por coronavirus nunha dimensión tan reducida? Pode facelo só a prensa ou eses datos deberían estar a disposición de calquera cidadán como acontece, por exemplo, en Cantabria?

O principal argumento que se ten dado en favor de ofrecer a información é que tranquiliza a poboación e evita espallar boatos e especulacións; por iso, é importante que as administracións informen a cidadanía da forma máis fidedigna e regular posible, e máis en réximes democráticos. Cabe destacar que, a priori, a consellería de Sanidade podería ofrecer resultados desagregados por municipios, pois cada caso positivo de coronavirus debe inscribirse no sistema informático do Sergas, o IANUS, de acordo co anexo IV do protocolo.

Debemos lembrar, neste sentido, que o nivel local é un dos tres eixos que artellan o Estado. Nos concellos onde se están rendendo contas, a poboación reaccionou positivamente, mantendo a calma e a confianza no labor das súas institucións. Tamén en Chantada se constata que esta información é benvida e contribúe á calma, a evitar rumores e mesmo dá azos ao estarmos nunhas cifras moi positivas tendo en conta a nosa poboación.

No entanto, déronse principalmente tres argumentos para rexeitar a actuación de Por Chantada. En primeiro lugar, afirmouse que publicar os datos constitúe unha política partidista rexeitable nun momento coma o que estamos vivindo. Ao noso xuízo, as formacións políticas teñen precisamente un papel de servir a cidadanía; máxime en momentos tan complexos coma estes. Argumentar que a agrupación obrou pola vontade de conseguir rédito electoral equivale a afirmar o absurdo de que os xornalistas informan do coronavirus para atraer a audiencia e non por cumprir co seu labor de servizo público. Do mesmo xeito, a información autonómica e estatal non se dá partidariamente, como tampouco o fan os diversos concellos de cores políticas diversas que informan sobre o asunto.

A candidatura optou por establecer un contacto permanente co centro de saúde do municipio para poder prestar unha información actualizada sobre a incidencia do coronavirus. Ademais, debemos ter en conta que o material gráfico no que se amosa a información carece de signos identificativos do partido, de maneira que non se está servindo del para realizar propaganda electoral. Por outra banda, cabe destacar que a propia formación afirmou a súa vontade de deixar de publicar os datos en canto o comezasen a facer as autoridades competentes. Por iso, xulgamos que non hai nada de reprochable nesta actuación.

En segundo lugar, defendeuse que publicar os datos podería provocar un relaxamento no confinamento da poboación, pero non existe ningunha evidencia ao respecto. Pola contra, cabe apuntar que a información é necesaria para que o pobo, soberano, poida controlar a actuación dos poderes públicos. Como BLANES CLIMENT sinala oportunamente, “as autoridades non poden esperar que as persoas teñan unha fe cega nelas. Ninguén pode confiar no que non coñece. Sen transparencia non hai confianza posible”.

É así como, ante o silencio das autoridades e a preocupación social, xurdiu a desinformación. Á parte da estratexia comunicativa nefasta do Goberno do Estado, con filtracións de reais decretos cuxa versión final era moi distinta, debemos ter en conta os boatos que andan a circular polas redes sociais. De novo, citando o autor antedito:

“A transparencia e o acceso á información oficial é unha ferramenta importantísima á hora de combater as noticias falsas. Se os cidadáns e os medios de comunicación saben que toda a información fiable e oficial sobre a incidencia e evolución diaria do virus se pode consultar en tempo real nunha única páxina web, a cousa cambia. Moitas das noticias falsas quedan desmentidas desde o principio”.

Son moitas as autoridades locais que fan patente a importancia de contar con datos no seu ámbito de actuación. O pasado 25 de marzo, Europa Press informaba de que máis de 70 alcaldes da provincia de Sevilla reivindican esa clase de información porque, sen ela, “redúcese a eficacia das medidas que se poden aplicar desde os consistorios”. O Concello de Jerez de la Frontera pronunciouse na mesma liña nun comunicado o 1 de abril.

A necesidade de datos locais faise tamén patente no ámbito científico. CRUJEIRAS CASAIS, profesora na Facultade de Matemáticas da USC, sinalaba nunha entrevista en La Opinión A Coruña que “a desagregación dos datos en España só nos permite facer predicións a nivel estatal ou en comunidades autónomas” e que “non se proporcionan datos por áreas sanitarias ou municipios, como si fai Portugal”.

Nesta liña, defendeuse que publicar información a nivel municipal contribúe a infoxicar a cidadanía. Con relación a isto, subscribimos a opinión de SIMÓN CARRASCO cando asegura que “como individuos temos todo o dereito do mundo a non querer ver”, pero que “como sociedade non nos podemos permitir non querer ver, nin saber nin comprender”. A xornalista tamén entende que “ha de ser a cidadanía a que se autorregule no consumo de información e non os medios [no noso caso, as Administracións] os que se autocensuren”.

En terceiro lugar, tense afirmado que os centros de saúde non están autorizados para dar esa clase de datos. Se ben non temos un coñecemento exhaustivo da normativa correspondente, debemos sinalar que non hai nada que obste en materia de protección de datos. O considerando 26 do Regulamento xeral de protección de datos establece que:

“os principios de protección de datos non deben aplicarse á información anónima, é dicir información que non garda relación cunha persoa física identificada ou identificable [...]. En consecuencia, o presente Regulamento non afecta o tratamento da devandita información anónima, inclusive con fins estatísticos”.

Isto non significa, como é lóxico, que defendamos compartir a identidade das persoas afectadas, porque suporía un atentado intolerable contra o dereito ao honor, á intimidade persoal e á propia imaxe recoñecido no art. 18.1 CE. Cabe destacar ademais o “dereito a que se respecte o carácter confidencial dos datos referentes á súa saúde” do que son titulares de acordo co artigo 7.1 da Lei 41/2002, do 14 de novembro, básica reguladora da autonomía do paciente e de dereitos e obrigas en materia de información e documentación clínica.

Nesta orde das cousas, acusouse a formación política antedita de ter accedido aos historiais clínicos dos pacientes ou de recibir filtracións. Trátase dunha afirmación que non sustenta en ningún tipo de probas. Ao noso xuízo, é intolerable que se lles impute aos profesionais sanitarios un delito de revelación de segredos (art. 199.2 CP) e unha infracción moi grave en materia de protección de datos (art. 72 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais).

No que respecta ao plano xurídico, non hai ningunha dúbida ao noso modo de ver: “os cidadáns, directamente ou a través das organizacións en que se agrupen ou que os representen, teñen dereito a ser informados [...] en materia de saúde pública polas administracións competentes”, de acordo co artigo 4 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública. Este dereito comprende o de “recibir información sobre os condicionantes de saúde”, que se “facilitará desagregada, para a súa comprensión en función do colectivo afectado”, tal e como apunta o catedrático Presno Linera.

En conclusión, gustaríanos subliñar que o dereito a unha información veraz, en todos os niveis, é consubstancial á práctica democrática. Non se debería atacar a todos aqueles concellos e entidades políticas que están publicando datos a nivel local. Polo contrario, estaríase poñendo en cuestión o labor dos persoal sanitario, pois dubídase da súa profesionalidade ao ofrecerlle uns datos estatísticos á cidadanía. Non obstante, non é isto tamén o extraordinario da democracia e da liberdade de expresión despois de todo?

Comentarios