Opinión

A longa precarización do profesorado galego

A crise sanitaria fixo abrollar os males sistémicos dos servizos públicos, mutilados polo mantemento de intereses máis rendibles para os nosos gobernos. Partimos de que toda sociedade avanzada entende o traballo docente coma algo que require unhas condicións laborais axeitadas para o seu desempeño, pero non é así.

A penosa situación laboral de gran parte do profesorado vencéllase xa á crise de 2008. Naquela altura descoidáronse os servizos públicos básicos no económico e no humano e anulouse toda oferta de emprego público por anos. Non foi ata o ano 2020 cando a sociedade galega percibe de xeito evidente o problema: a falta de recursos nos centros educativos fai imposible afrontar a crise sanitaria actual.

Facendo balance, contamos cun ensino público onde 1 de cada 3 ensinantes con praza anual nun centro educativo non é permanente. Danzan de centro en centro e ocupan prazas non cubertas de forma debida dende hai 14 anos, moitos deles con procesos xudiciais iniciados contra a Xunta de Galicia.

Inmersos na pandemia a causa da Covid-19, e con tremenda inestabilidade laboral, a Consellería esixe que as traballadoras que atenden as nosas crianzas estean formadas en tecnoloxía punteira; que conten cun proxecto sólido de traballo na materias que imparten; que sexan eficientes e completamente flexibles na súa metodoloxía; que abandonen a súa privacidade persoal e económica achegando medios telemáticos e de protección propios; que traballen máis horas para contratar menos.

Entón chega a realidade: un alumno que se atopa mal, fai a proba con resultado positivo e comeza a rodar a maquinaria protocolaria, a todas luces insuficiente. Os equipos Covid dos centros fan a súa parte, sometidos ao protocolo maior, sen outro coñecemento que a vontade [ou obriga] de cumprir a normativa. O alumno X queda na casa e son avisados os seus compañeiros máis próximos de aula, confinados e realizada a preceptiva proba nos 10 días de illamento preventivo. O resto de compañeiros da aula dáse por feito que estiveron en todo momento á distancia axeitada e coa aula ventilada convenientemente.

Porén, o profesorado do alumno X non é convocado pola Consellería para realizar ningún tipo de proba e nin sequera é confinado de xeito preventivo, a pesar de interactuar con grupos diferentes de alumnado. É dicir, os nosos gobernantes deixan que vaia dunha aula a outra, tras convivir horas na mesma aula cun alumado infectado. O único material EPI destes traballadores é unha máscara hixiénica na que se suman todas as ironías imaxinables desta situación no seu logo: “Sentidiño”. Sentidiño do que carece a Administración educativa que permite esta situación de risco para alumnado e profesorado.

En resumidas contas, a Xunta dispón do profesorado galego como peóns necesarios do sistema económico que ten que manter, asumindo que é necesario poñer o seu persoal en risco permanente en favor de ter un lugar de coidados onde depositar ao alumnado mentres os seus proxenitores producen riqueza para o sistema nos seus postos de traballo. Que ninguén se engane, ese é o único motivo polo que o profesorado é persoal esencial non confinable, porque a nosa vida pouco ou nada lles importa aos tecnócratas da Xunta de Galicia.

En definitiva, a crise da Covid-19 e a situación de vulnerabilidade sanitaria non fai máis que agravar a situación de inseguridade laboral de gran parte dos nosos ensinantes que volven asumir costos persoais e sociais nos seus corpos: alto risco de contaxio no centro de traballo, inestabilidade laboral permanente, falta de privacidade, falta de regulación do teletraballo no ensino, aumento de horas de traballo de forma unilateral, etc.

Por todo o exposto, é de xustiza que canto antes, as traballadoras dos servizos públicos galegos consideradas como esenciais sexan valoradas e dotadas de estabilidade nos seus empregos como medida de recuperación social para toda a sociedade galega mediante procesos de consolidación do emprego público na Galiza.

Comentarios