Opinión

Na defensa dos dereitos laborais: ILP de consolidación do emprego público

“O sector público galego caracterizouse nas últimas décadas pola falta de consideración cara aos dereitos do persoal ao seu servizo ao tempo que se iniciaba un proceso de privatización dos seus postos de traballo. Tanto é así, que na Administración xeral galega, e resto de entidades do sector público, os indicadores de temporalidade e, por tanto, de traballo precario sometido a trato discriminatorio disparáronse nas últimas décadas, acadando nalgúns casos cotas do 80%”. Con estas liñas comeza a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) presentada pola Central Unitaria de Traballadoras e admitida a trámite polo Parlamento de Galicia o pasado mes de marzo.

Os tribunais europeos veñen advertindo a España de forma continuada sobre a irregularidade na situación dos empregados públicos temporais. Estes traballadores deberían estar en situación de fixeza en atención ás necesidades estruturais existentes que cobren dende hai máis dunha década, máis esta oportunidade foilles sistematicamente negada por cuestións orzamentarias ligadas ás sucesivas crises económicas. Este problema é un mal endémico sen resolver na administración española e que deu lugar a procesos de regularización de temporais cada certo tempo, mais parece que desta volta os dereitos non son os mesmos para os novos afectados por un vello problema.  

A lexislación española non recolle mecanismos automáticos para resolver unha situación irregular sen pasar de novo por algún tipo de proceso de selección que finalice coa adxudicación da praza en propiedade. Coa xa tradicional política de pactismo das grandes organizacións sindicais cos gobernos centrais e autonómico, asináronse falsos acordos de estabilización de costas aos afectados e sen garantirlles o posto de traballo. Na Galiza, dende a acción sindical alternativa e independente, vimos necesario artellar unha vía para lexislar solucións axustadas a dereito e que ao tempo dean paso a consolidación dos compañeiros afectados polo desleixo deses actores de pactos e acordos vacuos.

Na ILP presentada dende o espírito do recoñecemento de dereitos laborais negados, no que as traballadoras públicas son o puntal da defensa na xestión do que é de todos, solicitamos tres medidas como solución a este novo abuso cometido sobre a clase traballadora:

A paralización dos sistemas selectivos que se están a producir en todas as administracións de ámbito galego ata dar unha solución ás compañeiras abusadas en consonancia coa lexislación estatal e atendendo ás directivas europeas.

A realización de forma única e extraordinaria dun proceso real de consolidación mediante un concurso de méritos no que prime a experiencia no posto, como mecanismo xa existente e en aplicación actualmente como mecanismo interno, no que se recoñezan todas as prazas estruturais ocultas e  non ofertadas na última década.

A determinación de responsabilidades sobre o acontecido e o establecemento de medidas disuasorias reais aos artífices desta precarización masiva de empregados públicos.

Para que estes procesos saian adiante precísase o apoio de toda a clase obreira galega plasmando a súa sinatura de apoio a esta ILP na campaña a tal efecto que se iniciará no mes de abril en todo o país, trala toma de conciencia das nosas sanitarias, docentes, coidadoras, informadoras da CRTVG, traballadoras sociais, etc. como persoal intencionadamente precarizado, minorizado e abusado dende a nefasta xestión dos recursos públicos por parte dos gobernos centrais e galego, mentres se nos vendían residencias Ballesol, concertos millonarios no ensino, rescates bancarios, seguros de vida e saúde ou subcontratas e privatizacións de servizos públicos de toda índole.

Porque é de xustiza recoñecer o labor de todos dos que sosteñen a nosa vida dende os espazo público dende hai máis de dez anos. Porque é de xustiza que as administracións cumpran cos seus deberes coas súas traballadoras e con toda a sociedade. Por todo isto, contamos con todas vós.

Comentarios