Opinión

Descubrir a Elisa e Jimena Fernández de la Vega

Remata 2021. Seica final de ano é a época de repasar o máis salientable, bo ou malo, dos días que se van. Un deses acontecementos foi nomear a Jimena Fernández de la Vega, Científica Galega do Ano. 

O día que saíu do prelo Desmontando o corpo. Construíndo a ciencia. As xemelgas Fernández de la Vega, xente moi diversa en canto idade, procedencia, formación e área de traballo preguntou quen eran esas irmás. Sendo sincera, non direi que me sorprendeu, xa que eu tamén descoñecía o seu labor.

Isto serviume parar reflexionar sobre dúas cousas. A primeira, ser Científica do Ano pasara desapercibido; a segunda, a capacidade para borrar e esquecer ás persoas que contribuíron a que a ciencia avanzara. Sobre todo ás mulleres. Agardo que este libro sexa unha pequena peza para coñecer a dúas investigadoras fascinantes.

“Pero non foi homenaxeada só Jimena?”, preguntarédesvos. Si, mais Elisa Fernández de la Vega escolleu un camiño que non ten nada que envexar ao da súa irmá. Simplemente a morte chegoulle antes.

A miña admiración cara Elisa e Jimena aumentou segundo profundaba na súa historia. As dúas acadaron a excelencia en todos os niveis formativos. Eran políglotas. Foron as primeiras mulleres en licenciarse en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Ámbalas dúas doutoráronse e compaxinaron o exercicio da profesión coa investigación. Jimena foi a primeira muller (e persoa) en dirixir un centro de xenética en España e abriu as portas a que se aplicara a xenética á medicina; tamén foi a primeira directora dun balneario. Pola súa banda, Elisa, baixo un pseudónimo, escribiu artigos antibelicistas; especializouse en pediatría e deu aulas na universidade; ademais, era mai. No seu día a día compaxinaba todas estas facetas. Jimena percorreu Europa para profundar os seus coñecementos; Elisa quedou en España, por elección, desenvolvendo a súa carreira… Este podería ser o seu currículo hiper-resumido.

Avanzouse pero queda moito por facer pois as mulleres seguen a reclamaren dereitos que equiparen o seu traballo co dos seus compañeiros

No entanto, destacaría a súa capacidade de superación. É certo que as irmás tiveron un contexto familiar no que se fomentou o estudo, mais na universidade superaron as expectativas de profesores e iguais e lograron a súa meta cando tiñan moito en contra. Como adultas, foron resolutivas ante cada dificultade: o xénero, a guerra, a morte… Deron un paso tras outro abrindo portas e xanelas. Hoxe en día vemos con normalidade ás alumnas nas aulas de medicina; ás doutorandas e doutoras nos centros de investigación. Non sempre foi así.

Porén, aínda que se avanzou, queda moito por facer pois as mulleres seguen a reclamaren dereitos que equiparen o seu traballo co dos seus compañeiros.

Tamén resaltaría de Elisa e Jimena a súa constancia, a súa curiosidade, que nunca deixaran de aprender. Desmontando o corpo. Construíndo a ciencia é un libro para crianzas. Inspirada polas xemelgas Fernández de la Vega, quixen ir alén da biografía e empurrar ás lectoras a experimentar, a probar, a abrirse ao coñecemento, pois isto é parte do seu legado. Intentei que esa curiosidade se transmitira a través de diversas actividades que leven á cativada —e ás persoas adultas que se atrevan a facelas con elas— a traballar a partir da observación. Por iso, remato este artigo convidándovos a realizar a da páxina 25:

“Xunta todas as fotografías familiares que poidas. Canto máis antigas, mellor. Constrúe con elas unha árbore xenealóxica: na base, pegada á raíz, ti e, de ter, irmás e irmáns; no tronco nai e/ou pai, xunto a tías e tíos de telos; formando as pólas, avoas e avós. Bisavoas, bisavós, tataravoas, tataravós… poden formar parte da copa. Canto máis lonxe no tempo sexas quen de chegar, máis alta e frondosa será a túa árbore.

Telas ordenadas? Agora observa. Tes que prestar moita atención. Logo escribe nunha folla en que vos parecedes, en que vos diferenciades. Que riscos, que características, veñen dun lado e de outro, cales saltan xeracións. Elisa e Jimena eran xemelgas. Este trazo atravesou toda a súa aprendizaxe e investigacións”.

E grazas a esas investigacións avanzouse na medicina, na ciencia, no coñecemento do noso corpo. Que non se nos esqueza.

Comentarios