Opinión

Sionismo e nazismo, dúas caras da mesma moeda: Palestina, un xenocidio silenciado

I srael ten un dos exércitos máis potentes do mundo, conta con case 4.000 tanques, Palestina non ten ningún, cuns 400 avións militares, Palestina ningún, co mellor escudo antimísiles que existe, Palestina está desprotexida.

O poderío militar de Israel e os medios de que dispón son infinitamente superiores aos que pode ter ao seu alcance o pobo palestino. Por iso cando falamos de guerra, ou de enfrontamento, mentimos, é como se un loitador profesional de máis de 100 kg de peso dese unha tunda a un neno de 4 anos e dixésemos que foi unha pelexa xusta. O sionismo é unha ideoloxía totalitaria e racista que considera a Israel o pobo elixido por Deus e entende que iso os fai superiores ao resto. Baixo a crenza sionista da superioridade, de ser os escollidos por Deus, Israel leva a cabo en Palestina unha política xenocida, coa que tentan por tódolos medios ao seu alcance de expulsar da súa terra o pobo palestino ou de exterminalos se se resisten ao ser condenados ao exilio obrigatorio. O sionismo non ten moita diferenza na práctica co nazismo, consideran os palestinos un pobo inferior e néganlles a súa humanidade tratándoos peor que a animais. Como a Alemaña nazi fixo co pobo xudeu, Israel aproveita a súa infinita superioridade militar para reprimir, castigar e asasinar o pobo palestino, sen diferenciar entre homes, mulleres ou nenos. Israel bombardea hospitais, escolas e edificios coa mesma brutalidade que os supostos obxectivos militares, non diferencian entre obxectivos civís e militares porque para Israel o obxectivo é barrer do mapa o pobo Palestino.

Israel desoe tódalas resolucións internacionais e continúa o xenocidio dun pobo co silencio cómplice das organizacións internacionais e sen que ninguén faga nada para deter a barbarie. O xenocidio nazi, o holocausto, é unha vergoña hoxe para a humanidade, como o vai ser mañá ter permitido o xenocidio e a limpeza étnica feita por Israel contra o pobo palestino. Palestina un xenocidio, unha pandemia e un pobo abandonado pola comunidade internacional. Hoxe en Palestina sobrevivir segue sendo resistir. Continúa o silencio cómplice ante a barbarie, os gobernos calan e outorgan, o pobo palestino necesita o resto dos pobos do mundo para denunciar o xenocidio. A agresión contra o pobo palestino é constante e cada agresión constitúe unha nova traizón, outro abuso por parte do imperio ianqui o seu can de presa o sionismo. Israel continúa facendo ouvidos xordos a tódalas resolucións internacionais. Donald Trump xa se encargou, antes de abandonar arrastras a Casa Branca, de recoñecer unilateralmente Xerusalén como capital e territorio de Israel. Vemos claramente ata que punto o sionismo controla as decisións políticas de Washington en canto as súas políticas en Palestina e Oriente Medio. Unha vez mais réganse as rúas de Palestina con sangue inocente e novas humillacións ao pobo torturado de Palestina.

Onde están os organismos internacionais encargados de defender os dereitos humanos? Como sempre, só están canto aos que mandan lles interesa. Xa nin pensan facer o paripé de respectar certos límites ou disimular o abandono das súas funcións. Quen responderá por toda a sangue derramada? Ninguén resposta pola sangue dos ninguén, dos esquecidos. Ninguén dirá nada das nenas e nenos que van ser asasinados, po tódolos detidos e torturados, polas familias desfeitas, polas casas demolidas, polas detencións arbitrarias. A comunidade internacional volverá dar as costas ao horror? Outra vez a comunidade internacional permitirá o xenocidio dun pobo? Pois si, unha vez máis mirarán cara a outro lado, se cadra nesta ocasión a desculpa sexa a pandemia. Non podemos gardar silencio ante a barbarie. S

e os gobernos calan e outorgan, os pobos debemos berrar e apoiar a resistencia do pobo palestino. Hoxe en Palestina sobrevivir segue sendo resistir.

Comentarios