Opinión

Sáhara un conflito esquecido, o sufrimento dun pobo silenciado.

A actual estratexia de Marrocos no Sáhara ocupado é unha copia da estratexia que sigue Israel en Palestina, ocupación militar do territorio saharauí, construción do muro da vergoña que comezou a construír Marrocos en 1987 para pechar a saída o mar do Fronte Polisario coa complicidade da Unión Europea que naquel momento negociaba con Marrocos un acordo de pesca nos caladoiros saharauís.

Este muro da vergoña tamén  separa ao Sáhara ocupado do territorio liberado controlado polo Fronte Polisario, Marrocos amosa un total desprezo  as resolucións internacionais que obrigan a celebración dun referéndum de autodeterminación, desobediencia que como no caso de Israel non ten ningún tipo de consecuencias para Marrocos.

Marrocos continua impunemente coas políticas de castigo ao pobo saharauí coa intención de votalos da súa terra, que unido aos incentivos económicos e o agasallo de terras aos colonos marroquís que se instalen no Sáhara, intentando que no caso de chegar a ter que facer un referéndum a poboación do Sáhara Occidental sexa maioritariamente de procedencia marroquí.

A estratexia marroquí inclúe a negación da historia do Sáhara, a prohibición aos saharauís de usar a súa lingua na súa terra, lembrar que no territorio do Sáhara non existe ningunha universidade e aqueles poucos saharauís que poidan permitirse seguir estudando vense na obriga a facelo en Marrocos. 

Dende 1991, ano no que se asina o alto ao fogo e establecese o Plan de Paz, o pobo saharauí vive secuestrado na súa propia terra, ou exiliado no  inhóspito deserto de Alxeria agardando que Marrocos cumpra có seu deber de permitir un referéndum onde o pobo saharauí decida sobre o seu futuro, sobre  a súa autodeterminación, sobre a súa independencia. 

A situación do pobo saharauí é a dun pobo sen estado e separado, unha parte sobreviven secuestrados, torturados e reprimidos polas forzas de ocupación marroquís no Sáhara Occidental, a outra parte sobrevive nunha situación de precariedade permanente nos campamentos de Alxeria.

De calquera xeito o pobo saharauí no se rendeu xamais e continua a loita por recuperar a súa terra e a súa soberanía, o pobo saharauí masacrado e abandonado por case todos nunca se axeonllou nin desfaleceu, foi quen de organizar un goberno no exilio, un exército, unhas institucións, mentres tamén foi capaz de manter a súa presenza nos territorios liberados, o Fronte Polisario foi capaz de manter o control sobre 60.000 quilómetros cadrados, un 25% do territorio, cunha poboación civil de uns 30.000 habitantes. 

A ocupación e represión no Sáhara é un conflito que se trata de ocultar a opinión pública, falamos de máis de 500 persoas desaparecidas, de fosas comúns, de asasinatos, de torturas, de violacións, pero o mundo cala e mira cara outro lado.

No 2005 o pobo saharauí no territorio ocupado comezou unha “Intifada” pacifica para reclamar a súa “independencia”, 16 `persoas foron asasinadas polas forzas de ocupación marroquís, moitos máis foron detidos e condenados en xuízos sen garantías. 

Nestes día debemos manifestar a necesidade de esixir a Marrocos a liberdade para os presos políticos saharauís de Gdemizik e para todos os presos políticos saharauís que se atopan inxustamente privados de liberdade nas cárceres marroquís.

Os observadores internacionais veñen denunciando a arbitrariedade e as irregularidades neste Xuízo aos presos políticos de Gdeim Izik. 

É preciso lembrar que a liberdade do Sáhara Occidental é unha responsabilidade histórica do Estado Español e dos seus gobernantes. Unha débeda cun pobo ao que traizoou e entregou a Marrocos, unha débeda que non ten a menor intención de pagar. 

Comentarios