Opinión

A celebración do día da Patria Galega é unha necesidade para o pobo galego

A celebración do Día da Patria Galega é unha necesidade para o pobo galego, para seguir sendo, pero tamén é de vital importancia para os pobos que conviven no Estado español para construír un modelo de Estado que poida chegar a ser a casa de todos.

Un tal Lenin deixou dito que "non se pode falar de liberdade se antes non se recoñece o dereito dos pobos a separarse da súa metrópole cando o crean conveniente".

O recoñecemento do dereito de autodeterminación é sen dúbida esencial para que os Estados non se convertan en cárceres de pobos.

Galiza é sen dúbida unha nación, non entendo como aínda se pode negar esa realidade, cumprimos con creces tódolos requisitos, temos unha lingua, unha cultura, e unha historia propias.

O mesmo pasa con Catalunya ou Euskadi, é tanxible o feito diferencial, algo que non debería ser visto como unha ameaza, tan só é unha realidade.

Negando realidades nunca se atoparon solucións.

Un tal Stalin definiu o que hoxe entendemos como nación, “unha comunidade humana estable, historicamente formada e xurdida sobre a base da comunidade de idioma, de territorio, de vida económica e de psicoloxía, manifestada está na comunidade de cultura”.

Galiza é unha nación e un pobo cunha identidade de seu, temos unha cultura, unha historia e un idioma propios, estas características fannos galegos.

Defendo a unión voluntaria de pobos libres, de nacións que deciden camiñar xuntas; fainos máis fortes, enriquécenos esa diversidade de culturas, tradicións, e historia diferenciada. Pero converter o Estado nunha prisión de pobos é sempre unha decisión dos explotadores.

Precisamos cambiar o actual modelo de Estado, herdado do nacional-catolicismo, e froito dunha falsa transición, ben sexa mediante un Estado Federal, ou un Estado plurinacional onde cada nación, entendendo que falamos de nacións de pobos libres, poida decidir que tipo de relación quere ter co resto do Estado. Recoñecendo o dereito a decidir, poderemos construír un futuro en común.

Defendo que o dereito á autodeterminación non é un problema para a clase obreira.

Non existe un problema catalán, nin galego, nin vasco, existe en todo caso unha “realidade” ou “singularidade” a que temos que dar resposta política.

A resposta a esta realidade ten que vir dende o recoñecemento da existencia dun feito diferencial, é preciso recoñecer que no Estado español conviven varias nacionalidades e que deben convivir en pé de igualdade, para que isto ocorra é necesario que o Estado español comece a actuar como un irmá e non como un padrasto.

O continuo ataque do Estado español a nación galega ten o seu máis claro expoñente no maltrato o noso idioma, no intento de rebaixar a súa categoría a un segundo idioma, e dende unha parte da dereita máis rancia pretender que o idioma galego é un dialecto.

O noso idioma forma parte fundamental da nosa identidade, o galego foi sempre o idioma da clase traballadora galega, foi lingua de resistencia, e continua resistindo en condicións moi difíciles.

O galego foi atacado e aldraxado durante séculos. E hoxe en día en moitos ámbitos da vida diaria da Galiza, o noso idioma segue a ser un estranxeiro na súa propia terra.

Non fai tanto tempo, practicamente nada no reloxo da historia, durante a ditadura franquista, nos xornais galegos podíase ler en perfecto castelán “no sea animal hable castellano”.

Miña nai contábame como a súa profesora na escola rural non falaba máis que castelán, e como os nenos que falaban en galego eran ridiculizados, e non falo dunha gran cidade, falo da parroquia de “Anca”, unha pequena aldea, entón labrega, onde en todas as casas se falaba en galego.

O galego foi sempre a lingua da clase traballadora galega, o idioma da resistencia dun pobo que quería seguir falando o seu idioma para non deixar de ser.

Hoxe en día falar galego na Galiza continúa sendo un acto de reivindicación e rebeldía fronte o nacionalismo casposo herdado do franquismo.

O galego continua precisando dunha discriminación positiva, ten que ser coidado, mimado, e reforzado para recuperarse das feridas de tantos anos de oprobio.

O galego é o noso tesouro, e Galiza é unha nación, un pobo cunha identidade de seu, temos unha cultura, unha historia e un idioma propios, estas características nos fan galegos.

Todas as linguas, todos os idiomas, son igual de importantes, naceron despois dun longo proceso e a súa perdida é sempre irreparable.

É importante ter sempre presente como ben dixo Castelao que “Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”.

Comentarios