Opinión

Nunca quixemos a túa comodidade

O feminismo que incomoda é multado podíase ler na faixa que se despregaba ás portas do xulgado de Compostela o pasado 21 de xaneiro. No interior do edificio, escoltado pola Policía Nacional, tres sindicalistas recorrían as sancións que lles impuxo a delegación do goberno do PSOE por teren realizado os piquetes do pasado 8 de marzo. A socialdemocracia énchese a boca co discurso feminista para logo engulir o movemento social e esmagar as activistas con sancións agardando o seu silencio. Iluso o reformismo que cre que temos algo que perder!

Verás o feminismo burgués tras unha faixa oportuna nunha manifestación adecuada, ou ben censurando dende os despachos xornadas sobre prostitución organizadas polas propias traballadoras sexuais, pero non na rúa defendendo as incómodas. O feminismo burgués -o oportuno e adecuado- traballa polos seus propios beneficios na ruptura do teito de cristal: igualarse como mulleres burguesas aos homes burgueses. Xamais despatriarcalizarán e combatirán este sistema. O feminismo de clase, o da maioría, pasa pola inclusión da consciencia do racismo, do capitalismo, do colonialismo e da igualdade de todos os xéneros, orientacións e identidades sexuais que xamais pensariamos que poderiamos nomear, como lembra sempre Angela Davis. Neste feminismo non está permitido soltar a man de ningunha compañeira. Se non pides a abolición da lei de estranxeiría, nada tes que ver con nós.

As mulleres que camiñan con máis violencias cargadas ás súas costas non traballan de luns a venres en horario de mañá. Por iso, a decisión de non convocar folga xusto o ano no que o 8 de marzo cadra a domingo é un acto que racha directamente coa solidariedade entre as traballadoras. Non é concebible. Cómpre aproveitar que o 8 de marzo cadra a domingo para colocar no centro as máis precarizadas e vulnerabilizadas por este sistema heteropatriarcal capitalista e escoitar a voz das eternamente invisibilizadas nas loitas. É o día dos dereitos das compañeiras que sempre quedan para o día de mañá nas actas das asembleas sabendo que ese mañá nunca chega. Tamén é hora de que falen as traballadoras que tiran as cañas despois de cada manifestación que sae un domingo ás 12 horas dende o parque da Alameda. Non ir á folga este 8M é un acto de violencia clasista.

Non nos parimos a nós mesmas para resultarvos cómodas. Rompemos o molde e cuspímosllo á cara de quen nos quixo meter dentro, tanto por nós como polas nosas compañeiras. Aínda que apenas se fale disto, as feministas sindicalistas levamos, canto menos, dous anos situándonos nunha gran fronte de loita e continuamos camiñando decididas cara ao derrubamento do capitalismo colonialista e a transformación da nosa comunidade, incluídas as nosas propias organizacións. 

Após dúas folgas do 8M no que as sindicalistas tivemos este papel, sería unha decepción e hipocresía colectiva non traballar as condutas, roles e discursos patriarcais que se lanzan dende os nosos sindicatos. Falamos, por colocar un exemplo, da falsa crenza de que os argumentos son bos e contundentes se os defendes con agresividade ante as compañeiras. Non é isto característica dunha cultura sindical baseada no maltrato? Canta xenealoxía de mulleres sindicalistas temos? A escasa participación das mulleres sindicalistas nas decisións estratéxico políticas do sindicalismo deste país é puro Patriarcado.

Non estamos aquí para calar nin consentir nin sermos aprobadas senón para tecer unha comunidade certa, baseada no compañeirismo real: sen relacións de opresión entre nós. Ningunha persoa poderá ser boa sindicalista se non renuncia aos seus privilexios.   Neste camiño cara ao sindicalismo feminista, teremos que deixar atrás moitas capas de pel: a de escoitar para rebater en vez de para entender, a do ego, a de militar ata arrasar coa propia vida,  a dos prexuízos ou a de crer que podemos facelo todo e perfecto. As persoas cando estamos núas parecémonos moito. No poder do incómodo reside a construción colectiva. Incomodarémosvos ata que todas teñamos todos os dereitos e non quede ningunha, absolutamente ningunha, con medo.

Comentarios