Opinión

Sistemas de referencia

Xusto antes de porme frente ao computador para escribir este artigo de opinión, viña de comentar cun amigo unha anécdota acontecida hai anos

Xusto antes de porme frente ao computador para escribir este artigo de opinión, viña de comentar cun amigo unha anécdota acontecida hai anos, no transcurso dunha voda familiar, situada nunha cidade castelá moi próxima a Madrid. Un soriano preguntoume se baixaba moito ao “centro”. E eu, de “guasa”, naquela altura do ceremonial, contesteille: A que “centro”? Tal e como imaxinaba, ficou mudo e a súa faciana amosou a perplexidade do que non comprende (xa estaba a incomprensíbel galega contestando unha pregunta con outra …). “É unha pregunta retórica – susurreille para os meus adentros- Suxíroche a miña resposta, mais non cha impoño…Trátase de que penses por ti –continuei”. Á vista da expresión dubitativa que permanecía na súa faciana, decidín despexar a incógnita causada pola alteridade existente entre ambos comunicantes e engadín: “Si, xa sei que o teu sistema de referencia é Madrid; mais para min, como galega, o centro residénciase en Galiza e cando me falas de baixar ao centro, inmediatamente, penso no meu centro xeográfico”(Chantada, Lalín; A Golada; Antas de Ulla; é dicir, o centro xeográfico do País; ou Santiago de Compostela, en virtude da súa capitalidade). Enrubiou. E eu, que tampouco pretendía ofendelo, senón abrilo a outro sistema de referencia (a outro mundo distinto do seu) cambiei de tema; intuín a súa cerrazón e dediqueime a compensalo do “colapso” padecido, a través da escoita “entregada” das súas afeccións cabalares de hipódromo madrileño. Mais, custou relaxalo, porque na mente dun español/a, seica só hai lugar para un único sistema de referencia que converte en periférico todo o que vaia alén do conxunto de coordenadas determinantes da posición e movemento do seu corpo (aproximada definición de “sistema de referencia”). Alá eles …Non serei eu quen os “des-obnubile” (se me permiten tal invento verbal).

Conteille o referido suceso a este meu amigo para esconxurar a indixestión estomacal que me estaba a provocar co seu aceso e paixonal relato dos avatares ou visicitudes varias respecto dos por min alcumados “monicreques do guiñol español”. Engado, ademais, que o relato amical tiña lugar á hora do café posterior ao xantar (tradicional rito para o relax persoal que non aturo que ninguén estrague); e confesarei tamén, en fin, que ao contar a miña anécdota pretendía paralizar a ofuscación que viña provocando no meu mentado amigo o novo-vello método imperante de asimilismo galego. Si, len ben: “asimilismo”, “colonización mental”; centralismo; … chámenlle como quixeren; mais opino que poñerlle nome ás cousas evita a incrustación na nosa cabeciña de prexuízos, enganos; autoenganos e demais detritus perxudiciais para unha correcta saúde mental, individual e colectiva.

Eu, que tampouco pretendía ofendelo, senón abrilo a outro sistema de referencia (a outro mundo distinto do seu) cambiei de tema

E é que estou cansa. Cansa de sofrir pacientemente e día tras día o continúo vómito da nada; da astracanada ou da chabacanaría convertida en “noticia”- vía prensa, radio, televisión, … para visualizarmos a última parvada do último “pelagatos” madrileño; manchego; andaluz; … español, en definitiva. Toda a realidade reconvertida nun vacuo e vociferante patio de veciños protagonizada por un transmutado Paco Martínez Soria; un revival dos filmes dun Berlanga ou do máis recente Almodóvar … A invariábel superficialidade e ordinariez “chamberileira” elevada aos altares e programada con saña. Ese é o novo relato intensivo con que nos serven e do que se serve (valla a redundancia) a sempiterna política centralista para maior gloria do noso proverbial deslumbramento.

E, menos mal, que o meu benquerido amigo intuíu axiña a intención do meu conto, porque dá pena contemplar como o narcótico que nos subministran en altas doses diarias os programadores do alleamento, vai surtindo os seus efectos en boa parte do corpo social. Normal, para un pobo coa autoestima ferida; lóxico para ese corpo social que sofre os perniciosos efectos dun devalar económico –que non “crise”- planificado polos oligopolios financeiros e respaldado polos partidos do sistema. Unha droga altamente apta para a súa recepción por un tecido social indefenso.

Toda a realidade reconvertida nun vacuo e vociferante patio de veciños protagonizada por un transmutado Paco Martínez Soria; un revival dos filmes dun Berlanga ou do máis recente Almodóvar …

Chegados a este punto, opino –cara lectora, caro lector- que conviría incidir no positivo e poderoso que resultaría para as galegas e galegos un desprazamento no sistema de coordenadas e de posición do corpo colectivo cara á recuperación dun sistema de referencia propio; capaz de nos converter en centro e abandonarmos a subordinada posición de periferia, tan danosa para os nosos intereses, sempre preteridos; sempre supeditados aos intereses foráneos. Pasarmos de sermos obxecto de políticas inanes e/ou agresivas para comportármonos como verdadeiros suxeitos políticos; gañar a autoconfianza precisa para comezarmos a traballar polo noso desenvolvemento socio-económico.
 
Sería, sen dúbida, saudábel, desde o punto de vista sico-social, vérmonos libres de pasmar coa última parvada dunha tal Esperanza Aguirre; cos trazos prepotentes e chulescos dun tal Pablo Iglesias; coa vacuidade dun tal Pedro Sánchez; coa omnipresencia de seudointelectuais mesetarios e pretenciosos que pontifican sobre o que ignoran; … Sería saudábel, en fin, vérmonos libres da penúltima anécdota frívola do espazo-tempo madrileño, programada e masivamente difundida para ofuscarnos, mentres ao noso redor todo merma e esmorece e a nosa intelixencia emigra. Buff! Que alivio!, non si?

Comentarios