Opinión

Isabel Fuentes Fernandez, as mulleres e a violencia incesante

Venres, 8 de Maio. Abro o Sermos Galiza dixital. Titular: Asasinada pola violencia machista unha muller no hospital público de Ourense.

Venres, 8 de Maio. Abro o Sermos Galiza dixital. Titular: Asasinada pola violencia machista unha muller no hospital público de Ourense. Velaí a “Noticia” do día (ía escribir “nova”, mais non o é. Ese é o problema. Que sexa, simplemente “do-día”  … outro problema). Tras reler o titular, vou ao contido e penso na vida e anseios de Isabel Fuentes Fernández, segados ambos … A coiteladas. Veloces e inmediatas, acoden á miña mente as imaxes dun corpo de muller inerte e ensanguentado. E con elas podo enxergar as marcas trazadas por un coitelo que abre pel e carne. De Isabel. De inmediato, fuxo de calquer atisbo de noxento morbo con que puder aumentar a dor dunha Isabel que foi e que xa non é (pois, só faltaba iso ..!).

E substitúo esas marcas do coitelo por esas outras, cravadas a ferro e lume por una sociedade que, en plena era do binarismo tecnolóxico, continúa a converter –e perverter- unha simple e casual anécdota biolóxica nunha complexa e causal fonte de desigualdade; de discriminación de xénero. De vidas desgraciadas e de morte.

E pregúntome como é posíbel que aínda sigamos a consentir e/ou perpetuar estruturas sociais substentadas por monstros que levan, agochados na man, coitelos que seccionan, día tras día, a global humanidade en capas superpostas e artificiosas divisións de roles capaces de criar estúpidos estereotipos que marcan, mancan, estigmatizan e, finalmente, matan.
 
Non sei se nos decatamos da gravidade de todo isto. Só sei que con esta discriminación de xénero na que vivimos -e coa que convivimos- e que ten un evidente carácter estrutural, xogamos á ruleta rusa coa metade da poboación todos os días do ano. Por iso, debemos promover debates públicos amplos que nos fagan reflexionar, en primeiro lugar, sobre esa sociedade binaria, partida e dividida, que segrega en función do xénero; por mor da cor da pel; a causa do país de procedencia; da etnia ou cultura de pertenza; da clase social... E pensemos nesas pegadas discriminatorias remexidas entre elas, a provocar un cóctel molotov (explosivo e destrutivo), ao modo das bonecas, tamén rusas … as chamadas “matrioskas”, a albergar no seu oco interior, agora unha muller; logo outra muller negra; despois outra muller negra e que fala galego …, por exemplo (e abofé que non esaxero. Coñecín, hai anos, unha muller con estes tres atributos. Ignoro o que foi dela); e así sucesivamente … até chegar ao colmo: esa mesma muller dupla ou triplemente marcada á que se lle engade o perigoso adxectivo-límite: o de “pobre”. Buff!!

Pilar Estévez, desde o seu recuncho inexpugnábel, denuncia o que é obvio e os patriarcais poderes establecidos non queren ver e se empeñan en non afrontar

Ben, podería continuar o meu artigo por aí; mais non quero. A Isabel que naceu para existir e ser, xa nunca será; e isto obríganos a falar do seu “caso” (do seu non suceso) e con el, de tantas e tantas mulleres “matadas” por mor do machismo, esa patoloxía social que asolaga as nosas vidas. Esa patoloxía social que perverte a moitos homes, conducíndoos a unha insá e depredadora dependencia, impedíndoos de ser por si mesmos (ser en si) para só sentírense capaces de se considerar alguén na medida en que exercen a dominación e a cousificación desas outras, que son as mulleres. Menuda merda de sociedade continuamos a expandir!

Volvo ás noticias e ese mesmo día 8 de maio; arredor do lusco-fusco, abro o xornal Praza dixital e chama a miña atención outro titular: “Se nese cuarto estivese un cidadán ameazado pola xihab tería seguridade as 24 horas”. Quen fala é Pilar Estévez, quen desde o seu recuncho inexpugnábel, denuncia o que é obvio e os patriarcais poderes establecidos non queren ver e se empeñan en non afrontar. E teremos que nos interrogar a fondo, sobre o por que; sobre os escuros intereses espurios que agochan … Todos eles e en toda parte.
 
Érgome do sofá da miña casa e acudo á concentración convocada polas miñas conxéneres, no Obelisco. Aquí na Coruña. 

Berran. E eu con elas. 

Comprendo, comparto e sinto a furia que conduce ao berro, mais non pronuncio íntegras todas as frases, porque entendo que aínda me faltan datos sobre o “caso” concreto de Isabel; porque busco o rigor e non desexaría ferir inxustamente outras persoas que rodean ás entreteas deste horrendo caso de violencia machista e porque –reitéroo máis una vez-, comprendendo e compartindo o berro- penso que, en demasiadas ocasións, este só conduce a un ruído que vela, confunde e mestura categorías e aspectos distintos dunha realidade complexa. E estou convencida de que, para un mellor contributo á causa da igualdade entre homes e mulleres, cómpre enfiar fino; cómpre abordar, coa maior exactitude e amplitude de miras, as diversas faces concorrentes ou concomitantes da mentada patoloxía social. E coido que é importantísimo saber pór o foco de luz na cerna das cuestións; nas súas verdadeiras causas; nas consecuencias que permitan espallar una mensaxe social clara, diáfana e rigorosa capaz de combater con eficacia o sexismo. Por iso, receo, a miúdo, de reducionistas consignas… como á da “transparencia” ligada ao aumento da burocracia e a procesos inquisitoriais; a da lexislación penal sen freo e desnortada capaz de tronzar o principio de intervención mínima propia dunha política criminal democrática… e, en definitiva, desconfío de remedios produto dunha non adecuada reflexión e análise e que se tornan piores que a máis grave das enfermidades…

Hoxe, día 10 de maio (as “novas” van ás presas e hai que precisar o tempo puntual desde o que se escribe), leo nos xornais convencionais máis datos sobre o crime perpetrado sobre Isabel Fuentes Fernández… E confeso que, a medida que vou coñecendo as aludidas “entreteas” do “caso”, conclúo cunha verdade que devén indiscutíbel: o escasísimo (por non dicir nulo) valor que este sistema dá a vida humana, pensada en feminino.

Desconfío de remedios produto dunha non adecuada reflexión e análise e que se tornan piores que a máis grave das enfermidades…

A miña formación académica e profesional como avogada en exercicio durante máis de trece anos, leváronme a ser escrupulosamente garantista e respeitosa cos dereitos de calquera persoa ou grupo humano; conducíronme a non adiantar xuízos previos (pre-xuízos) sobre calquera realidade e, por conseguinte, á adopción dunha actitude cautelosa e prudente sobre todo tipo de acontecementos, só pena de incorrer en comportamentos temerarios e incrementar confusións e inxustizas.

…Mais non podo comprender como perante determinados bens xurídicos tutelados en suposto conflicto, como son a liberdade persoal do homicida de Isabel e a súa presunción de inocencia, por un lado;  e o dereito á vida (ou á integridade física e moral) desta última, prevalecen uns escrupulosísimos criterios garantistas para o primeiro aos que subordinaren, máis unha vez (agora institucionalmente, desde o poder xudicial e a fiscalía) o máis elemental e primario dereito á vida. Á vida de Isabel.

E pregúntome: Vale algo de algo a vida das mulleres? Hai neglixencia ou concorre un posíbel dolo eventual na decisión de non dictar medida cautelar ningunha sobre un perigoso individuo, cuxa conduta agresiva, seica fora posta de manifesto – mesmo por escrito- pola garda civil ao xulgado correspondente? 
 
Está claro que esta sociedade cheira que fede … a podre! E que a patoloxía social de xénero, da que estamos a falar, non distingue ninguén. Corre libre por entre as veas da nosa sociedade e a miúdo nos tingue a tod@s dunha cor vermella, que non é tinta. É sangue.

 Hai neglixencia ou concorre un posíbel dolo eventual na decisión de non dictar medida cautelar ningunha sobre un perigoso individuo?

A estas alturas da tarde e a piques de rematar este escrito, redactado ás présas, lembro a frase da miña cuñada María, profesora nun instituto do País. Ela, hai uns meses, falándomos da discriminación feminina, dicíame que de pouco valen os discursos sometidos a exame “asignaturístico” -ou para a concorrencia de varios e variados “concursos de méritos”,engado eu-, porque o alumnado “é capaz de repetir como un loro un correctísimo discurso de xénero. Iso, nas aulas, mais no patio de recreo, as condutas sexistas brincan contraditoriamente libres e sen freo”. Iso dicía a miña cuñada, María. E, de seguido, sinalaba certeiramente a hipocrisía e o cinismo dun sistema que, día tras día, e a través de todos os medios de socialización de masas (publicidade, televisión, prensa, libros infantís de tirada masiva, como os de Federico Moccia …. Mercado, …) enchían de sexismo todo un universo de socialización que ningunha asignatura podía mitigar, sufocar, nin moito menos, eliminar.

Son as 19,00 h. Teño que lle enviar o artigo a Xosé Mexuto, director do Sermos Galiza e non dou rematado … Poderei pór o punto final destas letras con algún sinal positivo ? Con algunha esperanza?. Creo que si. A AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) vén de outorgar ao escritor Carlos Negro o premio á mellor obra de literatura infanto-xuvenil polo seu libro Penúltimas Tendencias (Edicións Xerais). Léano. Visto o panorama, é apto e útil para todas as idades. A literatura galega, máis una vez, nos carga de futuro a tod@s. Tamén ás mulleres. Lean os seus poemas e saberán por que.

Volveremos sobre o tema e sobre as Penúltimas Tendencias.

Comentarios