Opinión

A Galiza escindida

Ía comezar este meu artigo afirmando categoricamente que vivimos en tempos de impostura

 

Ía comezar este meu artigo afirmando categoricamente que vivimos en tempos de impostura; mais só é unha verdade a medias, porque a impostura existiu sempre e, en pequenas doses, semella tornarse cuase imprescindíbel para vivir en sociedade; ou o que é o mesmo, para vivir sen máis e evitarmos caír así, os humanos “unha e outra vez/ ao inferno preparado/ para os tristes/ descoñecedores/ de malabarismos” como dicía a poeta Sabela Rodríguez Oxea nos seus “Versos do silencio roto”.

Ben, en calquera caso, concederanme a razón se sosteño que o finximento ou engano con aparencia de verdade (non outra cousa é a “impostura”) invadiu xa o sistema circulatorio do corpo social e político. Un exemplo disto que veño de dicir, ocorre coa palabra de moda: “transparencia”; a nova palabra-fetiche coa que velar, precisamente, un mundo marcado pola opacidade; un mundo cada vez máis escuro, confuso e difuso e onde nunca foi tan precisa a capacidade ou destreza para “ler entre liñas”…  En fin, nada estraño neste estadio do capitalismo no que todo (ou case todo) remata converténdose en mercadoría destinada á súa venda. Unha realidade asolagada por colectivos políticos alcumados de “actores” (ou axentes!) sociais; na que o contexto socio-económico e político sobre o que se actúa recibe o nome de “escenario”; onde o instrumento para vehiculizar toda mensaxe  é a través do marketing  e onde florecen, cal campo de flores en primavera, moreas de adestradores en competitividade furibunda e curtopracista (coaching), dedicados a manipularen, sobre todo, a través do engano …”emocional”. Todo un espectáculo!

Ben, nada que obxectar. Este e non outro é o panorama no que estamos mergullados. Ficar na diagnose hipercriticista para persistir no inmobilismo, non conduce a nada máis que á propia autosatisfacción; mais non remove nada. Non contribúe á unha máis que necesaria mudanza.

Ficar na diagnose hipercriticista para persistir no inmobilismo, non conduce a nada máis que á propia autosatisfacción

Agora ben; coido que cómpre ter en conta que, en paralelo, ao que levo descrito (e precisamente por esta causa: a da mercantilización da sociedade), a realidade é volátil; ferozmente cambiante ...; de aí que cumpra inoculármonos una certa dose de beberaxe preventiva sobre o significado que posúe a adhesión automática a última moda posta en escena na pasarela. 

Vexamos o que di Oscar Wilde respecto das modas: “Nada hai tan perigoso como ser demasiado moderno. De pronto, un pode estar pasado de moda”; ou aquela outra frase, máis propia do dandismo: “A moda é unha forma de fealdade tan intolerábel que ten que ser cambiada cada seis meses” … Unhmm …! Está claro. En materia comunicativa –como en todo- prefiro ficar cos clásicos e permanecer nos principios da retórica aristotélica: Logos (razón); pathos (empatía) e ethos (credibilidade ou confianza). Conclúo que estes si son valores seguros, inmutábeis e altamente recomendábeis, de se desexar gañar o campo da disputa ideolóxica (tan necesaria); así como elementais e imprescindíbeis ingredientes dos que partir para gañar o- para min, tamén necesario- mercado electoral.  

Chegados a este punto, quería falarlles de tres conceptos que non deixan de cismar no meu cerebro: medios, fins e función.

Respecto dos dous primeiros conceptos, só pregarlles que non caian na arañeira seudo-intelectual promovida, decote,  pola maioría de partidos políticos: o falso e interminábel debate entre medios e fins. Un repaso exhaustivo á realidade política deixará ver con clareza unha verdade moi simple: os medios son os fins.

 Podemos, valéndose dos referidos instrumentos marketinianos ao uso, declara como obxectivo acadar o poder; mais, a partir de aí, nada sabemos

Un exemplo ilustrativo do que veño de afirmar é o fenómeno Podemos, quen valéndose dos referidos instrumentos marketinianos ao uso, declara como obxectivo acadar o poder; mais, a partir de aí, nada sabemos. Descoñecemos as características do produto; con que finalidade se vai empregar; que logros vai acadar coa súa implantación no mercado …A impostura é grande porque o obxectivo final, para alén de acadar o poder, non se explicita máis alá da palabra “cambio” (que cambio?) O discurso bascula a través da publicidade enganosa: democracia e  participación; mais é unha impostura, porque non hai tal. Todo está atado e ben atado desde a cúpula do proxecto, tal como podemos constatar; mais, como todo produto ben presentado no mercado, produce un espellismo na persoa consumidora que induce á súa compra. É dicir, funciona, que é do que se trata. 

Porén, a onde quero chegar é que, máis unha vez, os medios son os fins; de aí que Podemos estea cautivo ou preso dos seus propios medios empregados. O seu propio hibridismo (concepto distinto da benéfica pluralidade) impedirá o cambio esperado por unha parte significativa (e incauta) do seu electorado. A súa calculada ambigüidade ideolóxica que lle permite sumar “xente” de toda pelaxe constitúe en si un freo para un cambio real do sistema. O que si facilitará é unha nova transacción-transición no marco político español. Se onte foi Felipe González quen acadou o poder coa palabra-fetiche “cambio”, agora será Pablo Iglesias quen, apoiándose en idéntica palabra máxica, pretenderá substituílo, nesta nova etapa que se abre. De facto, tal operación (xunto coa de Cidadáns) é a que os poderes fácticos teiman en filtrar, a través do ruído mediático correspondente e cuxa pretensión é xustamente alentar un novo-vello proxecto. Porque chegados a estes momentos do filme, cómpre asegurar que o sistema imperante (así como o bipartidismo do réxime) fiquen incólumes. Insisto, pois: os medios son os fins. Simplemente.

 Medios e fins ordenados a que Galiza continúe a desempeñar a secular función dentro do Estado; a saber, a de subordinación e supeditación a intereses foráneos

E Galiza? Que ocorre? Onde queda? Pois é precisamente aquí onde residenciar a terceira palabra á que me refería anteriormente: “Función”. Medios e fins ordenados a que Galiza continúe a desempeñar a secular función dentro do Estado; a saber, a de subordinación e supeditación a intereses foráneos. A función da Galiza dependente e sumisa. E, xustamente, en mudar esta función reside a chave do noso presente e, sobre todo, do noso futuro; mais recuperar o noso sistema de referencia – así titulei o artigo de hai quince días- constitúe a grande omisión das diversas parcelas en que ficou fragmentado o campo do novo progresismo socio-político galego. A este respecto, a eclosión de colectivos varios é ben pouco significativo para o País. Non cesan de emitir anuncios en Galiza, mais esta non se enuncia como suxeito político; falan de ilusión (como ensoño ou espellismo); mais renuncian á esperanza para esta vella nación, que precisa tomar as bridas do seu propio destino.

O contexto galego é certamente complexo e non queda máis remedio que retornarmos a Amio.

E é que as persoas escindidas de Amio foron transmutando, como o zelig de Woody Allen, nunha morea de círculos tanxentes –e nalgún caso secantes- ao propio BNG. Ao menos, esta é a miña ollada.

Outros e outras nacionalistas foron parar ás diversas “Mareas”, cuxa indefinición – a imitación de Podemos - é o trazo máis característico

Así, temos hoxe algúns nacionalistas (outros/as quizais claudicaron xa), que en aras dunha pregoada “aglutinación” de forzas, foron fagocitados por unha minoría estatalista. Defínense como “esquerdistas”, a través do tan manido discurso da Troika (agora “institucións”). Mais a repetitiva e machacona mensaxe tornouse cuase inofensiva, pois … fica hoxe algún organismo vivo que ignore a dictadura dos oligopolios financeiros?  Hai alguén, actualmente, que descoñeza o servilismo practicado polo bipartidismo ad maioren gloriam destes? Coido que non. De facto, os media convencionais non se cortan en denuncialo, a ver se a conta disto, a sociedade toda se resigna … O que deviría revolucionario, ao meu xuízo, sería cambiar o papel que a Galiza lle corresponde; en primeiro lugar, no concerto de Estado para, a partir de aí poder confluír con outras forzas nas mudanzas xerais, non si? Mais a converxencia previa ficou en “abrazo do oso” ou dilución do proxecto nacional galego para engrosar o “máis do mesmo”.

Outros e outras nacionalistas foron parar ás diversas “Mareas”, cuxa indefinición – a imitación de Podemos - é o trazo máis característico. Alúdese á ineficacia das “etiquetas” ideolóxicas, só pretexto da mesma citada “aglutinación” de forzas e ponse o acento nos contidos, como o fundamental. Non discreparía eu de tal táctica, se en tales contidos existise Galiza como centro do proxecto; mais tampouco é así. Mesmo ao seren preguntados pola lingua galega, refugan calquer contido que non for a remisión á lei formal (exemplo de politización onde as haxa e que consagra a imposición-deber das galegas e galegos ao coñecemento do castelán, mentras se subordina ao idioma propio a un mero dereito formal –que non deber- de uso). Retrucaráseme –ben sei- que se trata de proxectos “municipalistas” . Trátase de reactivar o pernicioso e funcional localismo, acaso?

converxencia previa ficou en “abrazo do oso” ou dilución do proxecto nacional galego para engrosar o “máis do mesmo”

En fin, a onde eu quero chegar é que as indefinicións ideolóxicas varias só derivan cara una lectura unívoca e inequívoca: a omisión do que verdadeiramente molesta: Galiza como nación. E é molesto, actualmente, nun duplo sentido: no de sempre, respecto dun Estado Español uniformador, centralista e, por ende, esmagador; e fronte á unha Unión Europea en vigor, que precisa de estados unitarios fortes para estes cedérenlle cotas e máis cotas de soberanía e onde unhas vigorosas nacións sen estado constituirían un forte e verdadeiro atranco, disfuncional a tales pretensións. De aí que, de querermos cambiar as cousas, haberá que camiñar en sentido contrario. Por iso –opino- nunca o nacionalismo resultou ser máis funcional ás tarefas de cambio social, político e económico. Mais continúo coa miña teima. O medio – a indefinición ideolóxica- é o fin para non tocar aquilo que é basilar. Mais unha vez.

Por outro lado, tamén hai quen, desde perspectivas chantadas na nosa nación, fuxen da definición en aras da recorrente e consabida “aglutinación”; porén o mercado electoral opera a través dos medios de comunicación; de aí que de pretenderen achar algún oco no concerto mediático, veranse abocados a unhas rebaixas tales que farán inocuo o seu proxecto, tal e como nos amosaron determinados proxectos políticos do pasado recente da nosa historia.

O BNG, malia non caír na indefinición conceptual, si foxe da declaración explícita dos seus obxectivos concretos e camiña lento, case paquidérmico

Fícanos o Bloque Nacionalista Galego, organización á que sigo adscrita; na que cotizo; voto -claro está- e cuxo ideario practico na miña vida cotiá. É obvio que leva no seu propio nome o adxectivo que o condena ao ostracismo mediático: “nacionalista”.  Agora ben, malia non caír na indefinición conceptual, si foxe da declaración explícita dos seus obxectivos concretos e camiña lento, case paquidérmico; con mudanzas parciais nun corpo social temeroso; en certos aspectos, conservadorista e no que aínda perviven tics alienantes contrarios á liberación social que se proclama. Percíbese, desde fóra, tristeiro e melancólico  … E ben que o sinto …

Que propoño? Unha reconfiguración do nacionalismo galego, con definicións conceptuais claras; obxectivos definidos a curto, medio e longo prazo e concorrencia dos anteriormente citados logos, pathos e ethos, adaptados á realidade actual. Un proxecto que permita –agora si- aglutinar a moitas persoas, hoxe orfas de organización á quen dirixir a súa ollada. Isto, xunto co artellamento conxunto de medios de comunicación propios, de certa entidade; situados alén da autorreferencialidade e permeábeis a unha maioría social que os precisa como auga de maio. E tamén, tamén … unha certa orixinalidade á hora de construírmos a nosa mensaxe – distinta e distante da dos partidos do mentado réxime- Nese sentido, repetir como ananos a expresión “políticas de austeridade” para referirse ao actual desbaldimento do diñeiro público é nefasto, cando precisamente os gobernos central e autonómico deberían ser incapacitados xudicialmente por prodigalidade.

Propoño unha reconfiguración do nacionalismo galego, con definicións conceptuais claras; obxectivos definidos a curto, medio e longo prazo 

Espero que o relatado neste último paráfrafo se viabilice. Do contrario, moito me temo que rexirá para Galiza a frase que estes días pronunciou a galega “á española” -actual secretaria de estado para orzamentos e gastos do Ministerio de Facenda-, Marta Currás : “Galicia es valor seguro. No nos preocupa nada”.

E entretanto? De momento, seguiremos a mollar “ … a dura pruma/ rompendo a vena hinchada” –como dicía a Poeta.

Comentarios