Opinión

Encrucillada

Comparto a idea de que vivimos en sociedades “líquidas”- segundo a caracterización do filósofo e sociólogo, Zygmunt Bauman


Comparto a idea de que vivimos en sociedades “líquidas”- segundo a caracterización do filósofo e sociólogo, Zygmunt Bauman-. A sociedade dos mercaderes configurou unha ídem rexida pola necesidade de satisfacción inmediata duns desexos imposíbeis, ao converternos apenas,  en consumidores rexidos pola lei da obsolescencia programada. A afirmación de Marx (Karl), referente ao feito de a produción capitalista, xerar, “non só un obxecto para o suxeito, senón tamén, un suxeito para o obxecto” está máis que comprobada, en moitos ámbitos grupais da nosa vida. Tamén no ámbito das organizacións políticas. Non teñen máis que substituíren a palabra “produción” por “organización” (política) e aplicalo á anterior frase, redixida entre aspas. Estou convencida de que a percibirán perfectamente válida para toda entidade política, for “emerxente” ou “sobrevivente”.

Porén, os seres humanos, en todo tempo e lugar, sempre andamos á procura dun aquel sólido que dea acobillo a inseguranza e fraxilidade provocadas pola certeza da morte. De facto, nesta sociedade ansiosa na que moramos, os inquéritos amostran, unha e outra vez, a alza ou renovado predicamento de institucións outrora discutidas pola “progresía”, como a institución familiar - aquel lugar sólido, poboado de amor incondicional, frente á volatilidade e inconsistencia de todo canto nos rodea-. É dicir, camiñamos impacientes e angustiadas-os, voando de flor en flor, na procura dunha difícil solidez. Semellante actitude acaece na órbita ideolóxico política, onde na búsqueda de piares capaces de substentaren o edificio programático, só semella existir unha insatisfactoria disxuntiva: ou afacerse á mobilidade programada e inconsistente – abeirada por uns obxectivos calculadamente ambiguos para o cómodo autoengano- ou aferrarse a aquel piar outrora sólido e que tornou en pesado e opresivo, para logo ser sentido como un locus para a represión que comprime e, finalmente, “deprime”. Hai algunha alternativa? Deixémolo aquí, de momento…

Pois ben, inmersas-os no maremagnum da chamada sociedade líquida, os “media” vomitan novas que veñen e van como as ondas do mar, deixando apenas uns refugallos en terra firme e millenta declaracións válidas para un só día -ou quizais para unha semana-,  en tanto non foren impugnadas por uns feitos contradictorios  con aquelas. Mais entre tanta faramalla verbal, hai frases e actuacións que requiren atención.

Que se candidaturas eleitas desde as bases; que se primarias; que se programa democraticamente elaborado. Todo falso. O pior, o resultado: menos Galiza; máis España

Unha destas frases foi a pronunciada polo actual alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, cando foi preguntado, nun programa televisivo respecto da súa ideoloxía nacionalista.  O correxidor, declarouse como tal, mais negou que a súa política fose ter tal carácter. É dicir, que a célebre “confluencia”,  para ter lugar, esixía este seu sacrificio ideolóxico. Púñase así en claro que a mentada e gloriosa “confluencia” (concorrencia ou fusión de dous ou máis elementos) non era tal e, máis unha vez, as palabras  servían de parapeto para velar una absorción en toda regra ou –utilizando a expresión empresarial máis acaída á realidade-, a realización efectiva dunha simple e recorrente OPA hostil. A partir de aí, a constante celebración de encontros –sob pretexto de “traballar en rede” (¿?)- coa consabida triangulación A Coruña – Barcelona- Madrid para apuntalar a España das provincias e facer naufragar, mais una vez, Galiza (ai!, esa vella nación …) , parece non ter fin. Por que non “traballar en rede” coa FEGAMP? ou incluír na rede, cidades alén das fronteiras estatais? – cabe preguntarse-. Mais semella que no actual contexto da “emerxencia”, Galiza non pode (non debe) aflorar. E Galiza volveu ficar preterida nun foro de Madrid (outravolta, o “centro”), cando nun olvido –quero pensar “inconsciente”-  do noso alcalde coruñés, este puxo como exemplo a seguir, ao tratarse o tema da mobilidade urbana, a cidade de … Copenhague!, porque, seica, Pontevedra (internacionalmente, multipremiada) non servía. En fin!

Chegados a este punto, quizais teña que aclarar a miña consideración e respecto por Xulio Ferreiro, a quen xulgo persoa intelixente, capaz e agradábel e a quen desexo unha xestión exitosa (pola conta que me/nos ten ás viciñas-os desta cidade) e porque non me adscribo a ningún inoperante ou improdutivo lema-tipo “canto pior, mellor”. Ca!, nada máis lonxe do meu pensar e sentir. Simplesmente, estou constatando a realidade á que nos conducen certas “confluencias”,  do punto de vista nacional galego, por moito que sexa, o Sr. Xulio Ferreiro, cen veces preferido aos Vázquez (Francisco) ou os Negreira (Carlos)…

É tempo para centrármonos as/os nacionalistas, na remoción e posta a punto da casa (ou crearmos unha nova). É o momento para repensarmos case todo e facérmonos responsábeis da parte alícuota da desfeita

Cómpre rebobinar. Desde 2012 (ano no que comezaron as “aglutinacións”, “confluencias” e “liñas vermellas” en estado permanentemente difuso e confuso), forzas estatais extra-parlamentarias e con escasa ou nula implantación en Galiza, accederon ao Parlamento Galego. Para que servíu? Á vista está a súa certeira actuación política á hora de devaluar -aínda máis-, o noso cativo poder lexislativo. Un espectáculo lamentábel, publicitado até a extenuación, coa inclusión premeditada e extensiva na “fariña”, de todas as forzas da oposición (agás o bipartidismo, claro está). Desde esas datas até o penoso e  fraudulento filme da promesa electoral, difundido coa expresión “grupo parlamentario galego” –para a Cámara baixa das Cortes do Estado-, pasando pola mensaxe en clave española da recén eleita deputada “independentista”, así como a correlativa dilución dos votos galegos para alimentaren o mesianismo microcupular da Complutense madrileña…  Polo medio, que se candidaturas eleitas desde as bases; que se primarias; que se programa democraticamente elaborado. Todo falso. O pior, o resultado: menos Galiza; máis España. Porque é evidente, para quen non desexe transitar pola vida cunha venda nos ollos, que se ben os significantes “autodeterminación” e/ou “plurinacionalidade”, semellan circular cun aquel de naturalidade polos mass media (contributo parcial do ámbito “En Marea-Podemos”) axiña veremos a súa total vacuidade ou nulo significado. Porque aquí, como en todo, o significativo é a actuación para a súa conquista e non a simple proclamación baleira. E iso, como estamos a ver, depende en exclusiva da laboriosidade do nacionalismo galego

Pola miña parte, así como por parte dalgunhas persoas que votaron pola formación “En Marea-Podemos” (non é o meu caso, obviamente), podemos dicir , con Marx (Groucho) que “desfrutamos moito con esta obra de teatro … especialmente no descanso”.

Sempre me sorprendeu a tendencia á grandilocuencia ou verbosidade altisonante do BNG (que nunca compartín) e a paralela capacidade de enrugarse en determinados momentos, digamos, cruciais

Pois ben … Achámonos nun intermezzo. É tempo para centrármonos as/os nacionalistas, na remoción e posta a punto da casa (ou crearmos unha nova). É o momento para repensarmos case todo e facérmonos responsábeis da parte alícuota da desfeita (proveniente de varios lustros atrás, todo hai que dicilo). Porén, tirando –novamente-  do fío de Groucho Marx, tamén espero que non fagamos efectiva aquela súa famosa frase: “Partindo da nada temos acadado as máis altas cotas da miseria”. Con efecto, porque de diluírmonos coas chamadas forzas emerxentes, quizais  academos un éxito electoral momentáneo, mais non o dubidemos: Todo será a custa de Galiza. Obviamente, os poderes fácticos refregaríanse as mans e celebrarían a súa estratexia. Faríase evidente que o programado alento mediático a marcas núas desprovistas de organización, foi quen de se levar por diante un proxecto político  (BNG), produto do esforzo e o traballo xeneroso –e durante décadas- de millenta galegas e galegos con conciencia da súa nación. A partir dese momento, os mesmos poderes, levantarán o pé do acelerador. Porque unha vez rematada coa súa posíbel e temida “España rota”, para que alentaren unha suposta “España roja”?

Sempre me sorprendeu a tendencia á grandilocuencia ou verbosidade altisonante do BNG (que nunca compartín) e a paralela capacidade de enrugarse en determinados momentos, digamos, cruciais. O pasado 25 de Xullo, ao celebrarmos o Día da Patria Galega de 2015, levabamos unha faixa ben simple, baixo o lema “A nación galega”. Con tres palabras sinxelas describiamos unha realidade que ten consecuencias políticas e xurídicas. Con elas amostrabamos o noso compromiso político. A elas me aferro.

Para a realización destes fins, o BNG deberá –ao meu xuízo-  refundarse e converterse nun partido forte e unitario, en evitación de loitas de poder partidario

Mais, vaiamos ao cerne da cuestión. Está próxima unha Asemblea Nacional.  É obvio que teremos que revisar e promover cambios en moitos aspectos, desde organizativos, até actitudinais e procedimentais. A comezar, opino que o BNG debería definir os seus obxectivos  a curto, medio e  longo prazo; abandonar o burocratismo; o control polo poder partidario e as correlativas disfuncións nos diferentes repartos e escollas-; así como conxugar no discurso o aspecto social co nacional –a maiores de adecualo a una linguaxe entendíbel para a maioría da poboación e actualizado aos novos tempos-; asegurar a igualdade real de toda a súa militancia, lonxe de igualitarismos distorsionadores e fetichismos organizativos. Para a realización destes fins deberá –ao meu xuízo-  refundarse e converterse nun partido forte e unitario, en evitación de loitas de poder partidario que puderen interferir na axilidade e na toma de decisións da organización, así como solapar ou distorsionar a vontade dunha militancia maioritariamente independente –que non neutra-;  así mesmo, e con independencia das necesarias e desexábeis colaboracións co sindicalismo nacionalista, deberá terse en conta a distinta natureza entre obxectivos e metodoloxías propias dunha organización estrictamente política e os referidos parámetros para unha organización sindical, coa finalidade de non mesturar especificidades dun e doutro ámbito organizativo; … Estes e outros aspectos deberan, ao meu xuízo, ser obxecto da vindeira asemblea, na que, de sermos capaces de nos afastar de oportunismos, agravios, rancores, complexos e prexuízos varios e variados, así como calquera asomo de soberba moral e/ou intelectual, estou certa de que sairemos airosas-os e, sen dúbida, fortalecidas-os. E, sobre todo, deberemos prescindir do medo, porque este atenaza (a nós propios e aos demais).

Nos últimos días, é recorrente entre a afiliación do BNG, a consideración de que a organización está nunha “encrucillada”,  no sentido de atopármonos nun lugar onde se cruzan dous camiños – seguindo a primeira acepción desta palabra no dicionario-; mais coido que era ben ter presente unha outra acepción que entende por “encrucillada” a “trampa ou celada que se prepara con intención de facer dano”. Falemos de todo o que nos ocupa e preocupa, mais teñámolo en conta.

De conducírmonos así, Galiza volverá posuír un instrumento político acaído, imprescindíbel para o seu desenvolvemento social e económico, á altura do que esta nación precisa e merece. Voltaremos a ter - en condominio- un edificio ideolóxico-político sólido. Acollerémonos nel -nós e todas aquelas persoas que compartan o común proxecto- e abandonaremos ansiosas procuras líquidas.
 

Comentarios