Opinión

O urbanismo zombi

Galiza é un territorio altamente humanizado. Durante séculos, cohabitamos co noso medio natural


Galiza é un territorio altamente humanizado. Durante séculos, cohabitamos co noso medio natural, alterando as súas condicións, mais creando paisaxes e contornos de grande diversidade e valor ambiental, social e emocional. Os Ancares, Caurel, Monte Pindo ou as Fragas do Eume son espazos que non existirían tal e como as coñecemos, sen a intervención humana. Porén, eses non son os tempos de agora. A forma de habitar e o valor do territorio mudaron de xeito radical. A terra, vital noutros tempos para producir alimentos, devalouse, ao tempo que nos impoñen restricións e atrancos para producir alimentos. A casa, noutrora, valor público para vivir, foi transformada nun mercado onde uns poucos fixeron cuantiosos beneficios a costa de hipotecar a moitos. A presión sobre o medio ambiente multiplicouse, ao tempo que se construían máis e máis infraestruturas ou mudaban as actividades produtivas e industriais.

A fisionomía galega mudou moito nas últimas décadas. Seguimos sendo unha terra de grandes valores, mais moitos deles devaluados, entre outras cousas, por un urbanismo salvaxe, e unha lexislación inadaptada á realidade galega. Se a isto sumamos a política desvalorizadora do propio e o uso caciquil do urbanismo, teremos algunhas das claves que deitan luz e permiten entender as causas da desfeita urbanística que observamos en boa parte do país.

Fíxense! En doce anos, dez modificacións da lei do solo!

Durante anos e anos falouse de que este urbanismo zombi, que nos desfigura como nación, mudaría coa existencia de Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de Ordenación do Litoral. Mais estes instrumentos de ordenación só serviron para gastar papel e unha sobredose de titulares que caeron en saco roto. Na realidade do país, nada mudaron.

Ante o fracaso, o goberno galego quere disimular o desastre coa expectativa dunha nova lei. Un proxecto cuxo debate encetamos no Parlamento de Galiza. Unha nova lei que nace morta, sen análises serias sobre os problemas e retos dun urbanismo social e que se suma ao vaivén lexislativo que caracterizou a nosa historia recente. Fíxense! En doce anos, dez modificacións da lei do solo!

Desde o BNG rexeitamos esta nova norma por razóns diversas. A primeira porque a “nova lei” en realidade non é nova, é a unha versión reducida da lei actual. Mais non só reducida, senón empeorada en ámbitos substanciais e que vai provocar unha desprotección do solo, sobre todo no ámbito rural. Lamentabelmente, nin tan sequera vai servir para dotar de seguridade xurídica ao urbanismo ou maior axilidade. Pola contra, elimina instrumentos de xestión importantes nos concellos e introduce máis inseguridade e maior indeterminación e arbitrariedade.

As consecuencias serán graves e acentuarán os nosos problemas permitindo que se consoliden os modelos de Barreiros, Sanxenxo ou Miño

É moi grave que o PP, con este Proxecto de Lei do solo de Galiza, resucite e alimente a liberalización do solo que tan nefastas consecuencias tivo na desfeita do territorio e a nivel social. Fronte a este modelo sería necesario repensar o modelo, protexendo o territorio e evitando a proliferación de urbanizacións dispersas, campos de golf ou crecementos lineais que nada teñen a ver coa nosa tradición.  Fronte a desfeita sería lóxico apostar pola cidade compacta e empregar criterios de menor ocupación territorial.

Mais lonxe de transitar nesta dirección, o PP pretende empurrar no urbanismo galego na dirección errada. De feito, a lei que estamos debatendo está claramente desconectada da realidade galega. Son mostras ilustrativas que desapareza practicamente a parroquia ou que se clasifiquen os montes veciñais en man común como forestais, obviando a súa multifuncionalidade e limitando os usos e actividades neste ámbito.

En definitiva, esta nova lei é un novo dislate que demostra até que punto este goberno carece de proxecto de país. As consecuencias serán graves e acentuarán os nosos problemas permitindo que se consoliden os modelos de Barreiros, Sanxenxo ou Miño. Un urbanismo zombi, que nos asola e recorda a necesidade urxente de mudar o modelo e o xeito de ocupar e habitar o territorio.

Comentarios