Opinión

O Pacto das 50

O Debate do Estado da Nación non é un debate máis. É dos que podemos dicir que son “importantes”; conseguen centrar interese, retransmítese en directo nos medios públicos, permitindo que as ideas e propostas non sexan filtradas, recortadas ou manipuladas. É o momento de facer balanzo, mais tamén de propoñer ideas e alternativas. 

O Debate do Estado da Nación non é un debate máis. É dos que podemos dicir que son “importantes”; conseguen centrar interese, retransmítese en directo nos medios públicos, permitindo que as ideas e propostas non sexan filtradas, recortadas ou manipuladas. É o momento de facer balanzo, mais tamén de propoñer ideas e alternativas. 

"O modelo económico da UE e de España é letal, mais tamén o é a irrelevancia política de Galiza".

Enfrontamos no BNG este debate con seriedade e rigor. Somos conscientes das dificultades que enfrontan no seu día a día milleiros de galegos e galegas, da necesidade de estar á altura dun momento duro e difícil; e tamén, do preciso que é sementar esperanza nun pobo que merece un futuro mellor. Como nacionalistas sabemos ben que a loita contra esta crise require de capacidade real para poder decidir sobre os nosos sectores produtivos, sobre a nosa economía, sobre os cartos que se recadan cos nosos impostos ou sobre os servizos públicos que garantan igualdade e benestar. Acreditamos na capacidade do noso pobo e non nos resignamos.

"Dous grupos da Cámara (PP e AGE) pactan limitar a cincuenta as propostas de Resolución. Segundo eles, para facilitar o debate! Na realidade, isto só beneficia ao PP"

Afirmar que todos os males que nos asolan dependen en exclusiva da troika e do PP é tan simplista como falso. O modelo económico da UE e de España é letal, mais tamén o é a irrelevancia política de Galiza. Non comulgamos con este sistema, mais que o naval non produza é consecuencia de decisións políticas que nos negan ese dereito. Outros países fan barcos mentres pechan os nosos estaleiros e despiden traballadores. A desaparición do sector lácteo ten causa nun modelo que se nos impón. Porén hai outros países na UE, pensemos na Franza, Alemaña, Bélxica... que manteñen o sector primario. Que desapareza o noso sistema financeiro, ten moito a ver coa falta de peso político de Galiza. Cataluña e Euskadi salvaron o seu, non creo que sexa casualidade. Os recortes en sanidade, educación, dependencia, pensións... debuxan un panorama social dramático. Mais a pregunta é: podemos enfrontar os recortes sen cuestionar o modelo de financiamento de Galiza ou a ausencia de competencias reais nestas materias? Acho que non. Son só algúns exemplos que ilustran a necesidade de soberanía e a urxencia de analizar os problemas desde nós propios, sen asumir acriticamente as análises e posicións que veñen de fóra. 

Estas e outras cuestións formarán parte do temario dos que falaremos no debate do Estado da Nación que se iniciará o día 15 de Outubro.  Porén, nesta ocasión, cun formato amordazado en cando a capacidade para formular propostas e alternativas. Dous grupos da Cámara (PP e AGE) pactan limitar a cincuenta as propostas de Resolución. Segundo eles, para facilitar o debate! Na realidade, isto só beneficia ao PP que ten como estratexia difundir a idea que “a oposición non ten alternativas”. Xa o dixo Feijóo: “somos o único goberno democrático posíbel”. É evidente que este novo límite ao papel da oposición venlle como anel ao dedo ao PP. 

"Se hai quen prefire presentar poucas propostas é respectábel, mais por que impor ese criterio aos demais?"

Ora ben, non hai que perder de vista que o papel de deputadas e deputados, das forzas políticas representadas, é trasladar e dar solucións aos  problemas  do pobo galego. Segundo AGE e o PP, no debate de política xeral, só podemos propoñer alternativas sobre cincuenta temas! Só hai cincuenta asuntos que requiran do noso interese e atención? No pasado sempre se superou esta cifra con moito, mesmo no pouco tempo en que o PP estivo na oposición. De certo, estou convencida que calquera que estea acabando de ler este artigo é capaz de facer unha lista maior de problemas e alternativas. Entendo as motivacións do PP, mais non son capaz de comprender as de quen o acompañan na redución do papel do Parlamento Galego. Se hai quen prefire presentar poucas propostas é respectábel, mais por que impor ese criterio aos demais?

Comentarios