Opinión

Con orgullo de ser do BNG

O momento da militancia. Este domingo 28 de febreiro as mulleres e homes que conformamos o BNG temos una cita transcendente. Xuntámonos para escoitarnos, debater e decidir colectivamente cara a onde queremos camiñar. Debemos espelirnos e andar. Andemos con humildade, mais coa cabeza alta. O país precisa de nós. O nacionalismo nace para dar resposta ás necesidades de Galiza, as razón que xustificaron o seu nacemento seguen hoxe vixentes. As dificultades –evidentes- non deben desanimarnos na tarefa.
 
Acreditar no nacionalismo e no proxecto. Coido que esta será unha das chaves da recuperación social e electoral do proxecto nacionalista. Unha tarefa posíbel se acertamos nos cambios que a organización debe dar. Hai canteira e sentimento nacionalista en moitos corazóns. Abordamos retos relevantes nesta asemblea, sen dúbida a proposta de refundación é o sinal máis claro de que tomamos nota dos erros e actualizamos o nacionalismo. Deseñamos o marco conceptual sobre o que construír a refundación. Un proceso de mudanzas profundas que debe decidir a militancia. Unha refundación que significa recoñecer os erros e acertos e modelar colectivamente o novo proxecto do nacionalismo.  Propoñemos un debate aberto e dinámico, onde escoitemos a opinión da nosa base social e electoral, analicemos a percepción social sobre nós e definamos colectivamente as liñas mestras que permitan abrir unha nova etapa. Falaremos de todo, tanto da definición da liña política e dos elementos discursivos, como da forma de organización e das liñas de reactivación da participación e dos novos modelos de militancia e comunicación. Mais os cambios para ser reais precisan tempo se non queremos pechar os debates en falso ou facelos de xeito superficial.

Acredito na necesidade de manter unha opción nacionalista no terreo electoral

O electoral. A táctica electoral tomou un papel relevante nesta asemblea e a militancia ten nas súas mans a decisión. Acredito na necesidade de manter unha opción nacionalista no terreo electoral. Deféndoo porque as eleccións son un dos momentos onde temos máis espazo para defender as nosas ideas,  e estas deben estar presentes e ofrecer unha alternativa propia ao pobo galego. Teñamos en conta que un dos alicerces do nacionalismo contemporáneo, asentado nos tempos do Partido Galeguista, con Bóveda e Castelao como impulsores, foi o principio de auto-organización. Se o noso programa e alternativas son as mesmas que as de forzas estatais, estariamos realizando unha emenda á totalidade aos principios do proxecto nacionalista. Se o nacionalismo non ten unha oferta propia e diferenciada, cal é a nosa razón de ser? 

Autoorganización. Defender a autorganización é crear espazos de decisión non subordinados ás directrices de Madrid. É exercer a autodeterminación naqueles ámbitos que dependen de nós. É asumir que como pobo temos que tomar as rendas do noso futuro. En definitiva, é ver o mundo desde a nosa realidade e abandonar a subordinación e irrelevancia política como destino para Galiza. Podemos ou IU son organizacións coas que temos coincidencias en aspectos da política social, mais son proxectos moi diferentes na concepción dos dereitos nacionais  e o estatus de Galiza. Como mellor exemplo, a actuación de En Marea neste breves meses: a redución de Galiza a un anexo, a desaparición da axenda das necesidades e alternativas propias e mesmo a xustificación desta exclusión en base a  que “Tampoco hay ningunha propuesta de Extremadura o Castilla la Mancha”. Non vexo o BNG nestas coordenadas. 

O futuro. O BNG ten problemas e retos que enfrontar no ámbito social e electoral. Mais sen sementar ideas nacionalistas, dificilmente poderemos avanzar. Debemos afinar a mensaxe, estar máis no día a día e nos problemas da xente. Temos que situar no debate público as nosas propostas e alternativas. Falar con clareza e actuar conforme ao que somos, unha organización nacionalista e de esquerdas. Nesta tarefa todas e todos somos necesarios, hai que sumar a moitas e moitos máis. Asumamos os retos, sen falsos atallos, con voz propia. Con orgullo de ser parte do pobo que non se resigna e quere conquistar o seu futuro.

No BNG non sobra ninguén, falta moita xente

Escoitar. Opino como unha militante máis, coa convicción de que o importante é decidilo democraticamente entre todos e todas reunidas en asemblea. Tendendo pontes, escoitando e debatendo. A nosa organización debe reflexionar sobre o seu modelo interno e favorecer marcos que sexan flexíbeis, asentar unha cultura política da fraternidade e o respecto. Profundizar máis na democracia interna e no asemblearismo. No BNG non sobra ninguén, falta moita xente. Son moitas as persoas que teñen depositadas en nós as súas esperanzas. Miremos cara o futuro, cheguemos o corazón da nosa xente, demos alento en tempos de desesperanza. Sen medos e con confianza. Co orgullo de sermos nacionalistas.

Comentarios