Opinión

Ninguén fale por min

Disque a democracia é un invento grego. Debe de ser por iso, que nun regreso ao pasado, Syriza exclúe ás mulleres dos primeiros postos ministeriais. Unha homenaxe á orixe da democracia grega que non outorgaba á condición de cidadáns ás mulleres e escravos. Non pretendo dinamitar o cambio grego, nin a esperanza.

Disque a democracia é un invento grego. Debe de ser por iso, que nun regreso ao pasado, Syriza exclúe ás mulleres dos primeiros postos ministeriais. Unha homenaxe á orixe da democracia grega que non outorgaba á condición de cidadáns ás mulleres e escravos. Non pretendo dinamitar o cambio grego, nin a esperanza. Só expresar cansazo e desacordo ante a petición eterna de renuncia á igualdade. Lembren, sen mulleres non hai democracia.

"En xaneiro Feijóo prometeu máis democracia, porén en febreiro recortouna. Concretamente dous grupos, AGE e BNG, teremos menos posibilidade de denunciar problemas e realizar propostas no Parlamento de Galiza". 

Na Galiza tamén encetamos o ano con cambios. Feijóo empezou o 2015 prometendo loitar contra a corrupción e rexenerar a democracia. A verdade, é precisa moita fe para crer nesta mentira. Sentada no meu escano penso que sería preciso un control antidopaxe no goberno, ou no seu defecto, instalar un detector de mentiras. Perdón se é politicamente incorrecto, máis é o que penso cando escoito a un Feijóo, encantado de coñecerse, prometer xusto o contrario do que fai. En fin, máis palabras ocas que só serven para alimentar titulares en medios amigos e subvencionados.

O movemento demóstrase andando. E andamos. A rexeneración de Feijóo consiste en facer proxectos de lei que logo incumprirá. Fixádevos: incumpre a lei de transparencia, oculta información ao Parlamento, incumpre as resolucións do Consello de Contas, ten a CRTVG convertida no gabinete de prensa do PP, mantén cargos imputados por corrupción no seu goberno e no seu partido, impediu que investigaramos o desfalco das caixas ou o accidente de Angrois.... a lista sería longa de máis para este artigo. Iso si, fará novas leis que tamén incumprirá. A loita contra a corrupción precisa de convicción, ética e principios. E estas non se garanten por lei, nin se compran nos mercados. Tampouco a dan os votos.

"O BNG coas mesmas deputadas/os vai ter menos iniciativas en 2015. Seica é un problema de proporcionalidade! Non importa que as normas digan o contrario. É a democracia á moda de Feijóo".

Sobre a democracia tamén temos novidades. En xaneiro Feijóo prometeu máis democracia, porén en febreiro recortouna. Concretamente dous grupos, AGE e BNG, teremos menos posibilidade de denunciar problemas e realizar propostas no Parlamento de Galiza. O BNG coas mesmas deputadas/os vai ter menos iniciativas en 2015. Seica é un problema de proporcionalidade! Non importa que as normas digan o contrario. É a democracia á moda de Feijóo. Na neolingua do poder isto é rexenerar a democracia. Pode parecer anécdota, pero non é. Estamos ante unha pinga máis no recorte de dereitos e democracia e un novo capítulo no descrédito do Parlamento Galego. Cada vez máis mudas. Cada vez con menor capacidade de iniciativa, cada vez máis invisíbeis. Cada vez menos Galiza.

Non pretendo entender as razóns do PSOE. Poder ser o efecto rebote dun pacto de estado que dinamita principios básicos da democracia. A cadea perpetúa é unha barbaridade. Confeso, eu nacionalista, non alcanzo as fondas razóns deses grandes pactos que só serven para retroceder en dereitos e liberdade. Hoxe non me sinto máis segura, todo o contrario. Mais volvendo ao tema, rectificar é de sabios. O PSOE pode facelo, ora ben, non negando a realidade do dito e feito. Pode ser que algúns que miren de esguello a polémica e pensen, outra lea máis!. Só agardo que non rematen como na coñecida cita de Niemöller: ”Despois viñeron a por min, e nese momento xa non quedaba ninguén que puidera falar por min”.

Comentarios