Opinión

Sobre a expulsión de Carme Adán

“A miña palabra é o Regulamento desta Cámara”. Así sentenciaba Pilar Rojo o debate sobre a expulsión de Carme Adán no pleno do Parlamento Galego.Non deixo de pensar en que é unha nova versión daquela coñecida “La calle es mía” do ministro de Franco, Manuel Fraga.

“A miña palabra é o Regulamento desta Cámara”. Así sentenciaba Pilar Rojo o debate sobre a expulsión de Carme Adán no pleno do Parlamento Galego.Non deixo de pensar en que é unha nova versión daquela coñecida “La calle es mía” do ministro de Franco, Manuel Fraga.  Porén, chegados a este punto, asáltanme as dúbidas! Será certo que a Presidenta está por riba do que Regulamento? Que é o Regulamento? Existe realmente? Será o Regulamento un papel que usarmos no WC? Á vista do comentario presidencial semella que esta é a opinión de Pilar Rojo. Mais a Presidenta equivócase. A súa palabra non está por riba das normas que regulan os dereitos e deberes de deputados e as regras de xogo establecidas no Parlamento. De feito, a súa actuación está claramente fóra da legalidade e vulnera dereitos fundamentais. 

"Esta vulneración de dereitos será denunciada polo BNG ante o Tribunal Constitucional, que en casos similares censurou este tipo de abusos e atropelos democráticos". 

O Regulamento do Parlamento- que por certo, ten rango de lei- establece o dereito de deputadas e deputados a intervir durante dez minutos  no debate da interpelacións. Pilar Rojo, non pode arbitrariamente, borrar un dereito recoñecido. O pasado mércores 11 actuou con abuso de poder e cunha parcialidade que a desacreditan como Presidenta. En todo caso, esta vulneración de dereitos será denunciada polo BNG ante o Tribunal Constitucional, que en casos similares censurou este tipo de abusos e atropelos democráticos. Non esquezamos, Carme Adán foi expulsada por querer exercer un dereito que o Regulamento da Cámara lle recoñece.

Mais existe un debate máis fondo e profundo que explica este conflito. Ten a ver co funcionamento democrático do Parlamento. Nesta lexislatura PP e PSOE forzaron unha alteración das normas de funcionamento e acordos que daban igualdade aos grupos para falar, propoñer e debater. A súa obsesión é establecer a proporcionalidade. A proporcionalidade dos votos pode levar a que o PP teñan máis capacidade para facer preguntas que o resto da oposición. Ninguén  acredita que a fiscalización e control a vai facer que apoia un goberno. Esa é labor da oposición. Tampouco é democrático que o cronómetro impida o debate a exposición das ideas cun mínimo tempo e rigor. A democracia non se cronometra.
Nesta deriva a aparición do Grupo Mixto -após as escisións de AGE- levaron a que encetaramos 2015 con democracia de cronómetro e novos retallos. Así PP e PSOE,  impuxeron un recorte de iniciativas do BNG e AGE. A xustificación oficial amparábase na proporcionalidade. Xa sabedes a democracia é cousa de matemáticas. Mais cal será a ecuación que determina que o BNG co mesmo número de deputadas e deputados ten menos capacidade de iniciativa?

"Defendemos a dignidade de quen decidiron con seu voto que o nacionalismo representara unha alternativa diferente".

No BNG optamos por non calar e por defender as normas de funcionamento democráticas. Defendemos a dignidade dun Parlamento que non pode ser un apéndice morto dun goberno. Defendemos a dignidade de quen decidiron con seu voto que o nacionalismo representara unha alternativa diferente. Facémolo porque acreditamos que ter voz, denunciar os problemas e  propor alternativas é importante. Nós queremos que a voz dos afectados pola hepatite C se escoite. Queremos que os mariñeiros do cerco, os estafados pola banca, preferentistas, mulleres despedidas ou mocidade que emigra teñan voz e alguén que os defenda. No PP quérennos mudas. Quérennos submisas. Queren que baixemos a cabeza. Mais non o faremos. Por dignidade e respecto a toda a esperanza e ilusión que navega nesta boa nación galega.

Comentarios