Opinión

Covid-19: oportunismo político e manipulación na CRTVG

A pandemia do coronavirus puxo as nosas vidas patas arriba e o seu impacto no económico, no social e no persoal xa se compara co que provocan os acontecementos capaces de marcar un antes e un despois. Non vou botar man do manido símil bélico, por respecto aos millóns de vítimas da  violencia dos conflitos armados ao longo do planeta, pero é indiscutible que case nada volverá ser igual tras esta crise.

Neste contexto no que todo muda, con grandes sacrificios do conxunto da sociedade, provoca estupor ver a Feixóo manter inalterable a súa práctica de usar a televisión pública como canle particular de propaganda, transformando á TVG nunha especie de Aló presidente! que causa vergoña allea e indignación a partes iguais. Desde a declaración do estado de alarma o 14 de marzo, o presidente da Xunta compareceu 16 veces en directo na TVG, acaparando 800 minutos en horario de máxima audiencia nunha televisión pública convertida máis ca nunca en Telefeixóo, unha caricatura informativa pola que pagamos 100 millóns de euros cada ano.

Por contra, nese mesmo período de tempo, o xefe do Executivo compareceu só unha vez no Parlamento, a casa da soberanía do pobo galego: Telefeixóo 16, Parlamento 1, este é o resultado dun partido amañado e ben amañado por un PP para impoñer o discurso oficial e partidista de Montepio. Xa o dixo Pablo Casado: “en los regímenes bananeros se estila la propaganda pública en televisión para culto del líder, pero en las democracias parlamentarias los mensajes a la nación se dirigen desde los Congresos”. Penso que é unha descrición moi acaída para o presidente da Xunta por parte do seu xefe de filas.

Pero Feixóo vai máis aló e non só converte aos medios públicos no seu gabinete de comunicación senón que usa a súa maioría como patente de corso para, na práctica, amordazar o Parlamento para silenciar aos partidos políticos impedindo de facto que podamos exercer a nosa obriga de control do Goberno e de presentación de medidas de impulso. Só un oportunista actúa deste xeito no medio dunha pandemia en lugar de facelo desde a lealdade, desde a colaboración e desde a vocación de sumar vontades, propostas e ideas a favor do país como, desde o primeiro día, lle ofreceu o BNG.

Non se pode responder á man tendida para sumar por Galiza con prepotencia e deslealdade, non se pode responder ás propostas para saír da crise poñendo atrancos ao traballo parlamentario  e impoñendo de facto a supresión do poder lexislativo, creando unha anomalía democrática sen precedentes. E, desde logo, o PP non pode utilizar os medios públicos para silenciar a pluralidade política e social deste país e impoñer un discurso propagandístico e partidista dun presidente que está perdendo, que perdeu de feito, a oportunidade de estar á altura do pobo galego, exemplar no medio desta crise sen precedentes.

Son xa cen venres negros na CRTVG, cen venres de loita dos traballadores e traballadoras en defensa dunha radio e dunha televisión públicas ao servizo de Galiza, sen inxerencias partidarias, nas que primen o criterio profesional sobre a imposición dunha dirección ás ordes do poder político. O BNG comparte e apoio esa loita dos venres negros porque queremos unha sociedade libre e crítica e para iso é imprescindible medios públicos que informen desde o rigor, desde a solvencia, desde a pluralidade e desde a realidade deste país.

Comentarios