Opinión

Bilingüismo cordial e exterminio

Confésome entusiasta da palabra de Eduardo Galeano. A súas letras agasállannos textos fermosos e cargados de crítica, reivindicación e sensibilidade social. Gosto especialmente da súa denuncia sobre a perversión da linguaxe, a apropiación e deturpación do poder de conceptos: “O capitalismo loce o nome artístico de economía de mercado, o imperialismo chamase globalización. 

Confésome entusiasta da palabra de Eduardo Galeano. A súas letras agasállannos textos fermosos e cargados de crítica, reivindicación e sensibilidade social. Gosto especialmente da súa denuncia sobre a perversión da linguaxe, a apropiación e deturpación do poder de conceptos: “O capitalismo loce o nome artístico de economía de mercado, o imperialismo chamase globalización. Chámase Convivir algunha das bandas que asasinan xente en Colombia, á sombra da protección militar. Dignidade era o nome dun dos campos de concentración da ditadura chilena e Liberdade a maior cárcere da ditadura uruguaia.” Na Galiza tamén vivimos a nosa particular manipulación da realidade e a linguaxe: “Chámanlle Bilingüismo Cordial á política de exterminio e asfixia da lingua galega”. 

"O galego converteuse en lingua imposta na Galiza. O castelán presentouse como lingua discriminada e marxinada. O mundo ao revés" 

O debate sobre o idioma foi singular campo de batalla e deformador da realidade. Así o galego converteuse en lingua imposta na Galiza. O castelán presentouse como lingua discriminada e marxinada. O mundo ao revés e a constatación de moitas debilidades sobre a propia conciencia nacional e o valor que nos damos como pobo. 

O galego esmorece, é a única lingua do estado que perde falantes. Mais a cordialidade bilingüe do PP só serviu para debilitalo máis e dinamitar calquera proceso de normalidade. Non houbo nin unha soa medida real a prol do galego. Lexislouse contra a lingua e reducíronse ás políticas lingüísticas á metade dunha décima do orzamento galego. A mentira oficial acude á austeridade para xustificar o recorte. Porén, o PP neste ano 2014 incrementa os recursos para o fomento e promoción do español. O Instituto Cervantes conta con 110 millóns de euros fronte aos míseros 5,4 millóns que recebe  a lingua galega. Cal é a lingua subvencionada?

"O 17 de Maio non faremos liturxia lingüística. Sairemos á rúa convocados por Queremos Galego a dicir alto e claro que o galego é a nosa lingua". 

Non esmoreceremos na defensa do galego. Non nos cansamos de denunciar a discriminación e violación de dereitos humanos fundamentais. Non renunciamos a ser galegas e por dignidade, reclamamos un “alto o fogo”. Mais é evidente que o proxecto de España unitaria e centralista que defenden require da aniquilación cultural da diversidade existente. 

Somos moitas e moitos os que exhibimos con orgullo a nosa identidade, non somos os “traidores da alma” dos que falan os indios guaraníes. O 17 de Maio non faremos liturxia lingüística. Sairemos á rúa convocados por Queremos Galego a dicir alto e claro que o galego é a nosa lingua. Nin mellor nin peor que as demais. Útil como todas as linguas do mundo, un tesouro que debemos preservar. A restitución do galego é urxente nunha Galiza que esmorece e un acto netamente  democrático. Mais que lonxe está a democracia de nós...e mentres esmorecemos, extermínannos paseñinamente... iso si, con cordialidade!

Comentarios