Opinión

Aquí e agora, BNG, un voto que vale dobre

1. Unha oportunidade para Galiza.

Desde o momento en que Pedro Sánchez anunciou a convocatoria electoral das xerais, no BNG dixemos que esta ía ser unha oportunidade para Galiza recuperar voz propia no Congreso da man dunha forza política galega que actuase sen ataduras, sen dependencias alleas, que dese sempre a cara polos galegos e polas galegas, defendendo con claridade os nosos dereitos sociais e nacionais.

A pasada lexislatura deixou claro, para moitos galegos e galegas, que para os partidos estatais Galiza sempre é a última carta da baralla. O cambio de inquilino na Moncloa non foi máis que unha mera alternancia na discriminación a este país. O último e máis elocuente exemplo: os orzamentos xerais do Estado. Viñamos de anos de duros recortes do PP e pasamos a unhas contas do PSOE, pactadas con Podemos e En Marea, co investimento máis baixo dos últimos 17 anos para Galiza. Cambiou o goberno español, si, mais o agravio a Galiza continuou.

O comezo do cambio pasa, ineludiblemente, por recuperarmos unha voz propia e potente en Madrid

O cambio mínimo que a Galiza precisa non depende da Moncloa: depende de erguermos a voz politicamente para acabarmos co agravio que padecemos como país, poñendo fin á discriminación do Estado e das forzas estatais, facéndomonos valer. E o comezo dese cambio pasa, ineludiblemente, por recuperarmos unha voz propia e potente en Madrid.

2. Galiza, con voz propia.

Vivimos un momento político especial, diferente. Sería un erro histórico que neste momento, en que o debate territorial vai ser central no Estado, Galiza non tivese representación propia nas Cortes españolas. O noso país precisa hoxe de todas e todos nós e da nosa capacidade para poñer por riba o que nos une. Galiza precisa que todas as persoas que amamos o noso país sumemos para romper coa irrelevancia e coa discriminación que a sociedade galega padece. Máis aínda, como vimos explicando desde hai semanas, nun contexto sen maiorías absolutas, en que un, dous, tres deputados e deputadas do BNG poden resultar decisivos para a gobernabilidade do Estado e poden facer valer con firmeza os intereses galegos.

O BNG en Madrid actuou sempre como unha forza propia do país, utilizando os nosos escanos para garantir que Galiza fose respectada

Xa o demostramos desde 1996 ao 2015. O BNG en Madrid actuou sempre como unha forza propia do país, utilizando os nosos escanos para garantir que Galiza fose respectada, para defender con firmeza os intereses dos galegos e das galegas, para negociar investimentos e melloras necesarias para Galiza. Nós no Congreso nin pedimos permiso a outros grupos políticos para facer o noso propio discurso nin nos supeditamos a outros grupos parlamentarios nin tivemos nunca máis guía de actuación que a defensa dos intereses de Galiza. A fidelidade ao país estivo sempre presente en todas as nosas decisións no Congreso. Estas son as nosas credenciais ao servizo do noso país.

3. Frear a dereita, aquí e agora.

As motivacións para ir votar son sempre variadas, diferentes. Eu sei que neste contexto, neste momento singular, hai milleiros de galegas e de galegos que, votasen noutros momentos o BNG ou votasen outras forzas, sexan nacionalistas ou non, teñan ou non o BNG como primeira opción, si consideran necesario e positivo garantir que Galiza teña representación propia en Madrid.  E ao tempo, sei tamén que hai moita xente progresista, ou simplemente demócrata, preocupada pola involución gravísima nos dereitos e nas liberdades que estamos a vivir, e que quere co seu voto axudar a parar o españolismo radical das dereitas.

Ás dereitas non hai que paralas só no Congreso: hai que facelo xa aquí e agora

É obvio que o BNG sumará en Madrid para evitar un goberno de dereitas, como fixo sempre en todas as circunstancias, mais nós dicimos: ás dereitas non hai que paralas só no Congreso: hai que facelo xa aquí e agora. E, segundo todas as enquisas, nestes momentos hai varios escanos galegos en xogo entre o BNG e VOX ou C’s.

Por iso eu dígolle a quen queira garantir que Galiza vai ter voz propia, que vote BNG. E a quen queira axudar a frear a dereita, aquí e agora, que vote tamén BNG. Porque o voto BNG é un voto que máis que nunca vale dobre e que pode resultar máis determinante que nunca.

4. Cabeza e corazón

Dixémolo tamén na campaña: para votar BNG non fai falta ser nacionalista, o único que fai falta é darse conta de que para mellorar as condicións materiais de vida das galegas e dos galegos, e para poñer fin á discriminación que Galiza padece, temos que facernos valer e ter voz propia. É unha cuestión de intelixencia política e de país. Tamén, se se quere ver así, de pragmatismo.

Este é o momento de sumar todo o voto de país, todo o voto galeguista, todo o voto nacionalista, todos os votos de todas as persoas que lle queren a Galiza para, neste momento, neste contexto, garantir que Galiza vaia ter voz propia en Madrid e parar os pés á dereita máis radical. E só hai unha maneira de facer ambas cousas: votando polo BNG o vindeiro 28 de abril.

Rematamos unha campaña en que o BNG viviu unha onda de simpatía

Rematamos unha campaña en que o BNG viviu unha onda de simpatía, apoio e enerxía ao seu arredor. Unha campaña que mobilizou esperanzas e ilusións ao redor de nós e que constatou a nosa remontada, a nosa alza, o medre en todos os planos do BNG e as posibilidades abertas que temos para seguir sumando pobo á causa xusta do nacionalismo galego.

Somos un pobo digno, un pobo que se mira ao espello coa cabeza alta porque sabe estar á altura nos momentos importantes. Este é un deles, e toca de novo  poñer o país por diante. Está nas nosas mans conseguilo. Fagámolo, xuntos e xuntas, da man do BNG. Agora, Galiza. Agora, BNG.

 

Comentarios