Opinión

Pedras

Gústanme as imaxes que pintan frases que non te deixan indiferente, e adóptoas, gárdoas nun caixón do meu cerebro como pequenos tesouros. Ás veces, declárome fan daquelas persoas que as din, outras non. Pero cando máis me enganchan é cando xorde o desexo de subirme a ese tren de palabras pintadas, cando me identifico con elas e cando se converten nun estilo de vida.

Poñer unha pedra. Esta imaxe regalouma Anxo Carracedo, como moitas outras. Del son fan. El comenta nunha das súas marabillosas conferencias, “Diversidade humana e educación”, (e escribo de memoria), unha pequena anécdota: cando lle conta as súas ideas sobre a educación a un empresario galego, este di, “non tes nada que facer, a corrente lévanos”, el responde, “eu síntome responsable de pór a miña pedra para parar esa corrente”.

En Galicia sabemos moito de correntes. E de pedras. Eu quero convidarvos neste artigo a pór unha pedra, e entre todas construír un muro para parar a corrente pola que nos levan, cal barquiños de papel, os que nos gobernan: Os que nos fan pensar que non podemos aspirar a vivir do noso patrimonio natural herdado, e utilizan esa desculpa para afogalo; os que nos condenan a unha sanidade pública enferma e propoñen unha comercial (evidentemente, non pensada para todas) tentando lexitimala; os que abandonan unha educación pública imprescindible; os que maltratan a nosa cultura conscientemente para transformarnos en ninguén; os que consenten a inexistencia dun horizonte digno para as persoas maiores, que nos agasallaron o noso futuro e que deberan ser a preocupación principal dunha sociedade solidaria, agradecida, e respectuosa...

Construír un muro para axudar as nosas novas xeracións a delinear o seu mapa nunha Galicia moderna, na que a xustiza social sexa unha realidade, o traballo un feito, e o respecto un estilo de vida.

Fálannos de xestión, de boa xestión, para convencernos de que esta inercia que nos adormece é boa. De verdade, imos seguir deixando que os que xestionan os nosos cartos, os que deberan mirar por nós, aumenten o seu patrimonio a costa de deixarnos sen servizos imprescindibles? A través dos nosos impostos construímos comunidade, pero só se o facemos a través dos servizos públicos, eses que deberan chegar a todas as persoas sen ningunha diferenza, eses que xeran unha convivencia pacífica, eses que nos deixan respirar tranquilidade e seguridade. Convídovos a chantar a vosa pedra, cal áncora firme, para que os servizos sociais, a sanidade e a educación non se convertan nun negocio. Os únicos actores sociais que non deben sacar un rédito económico das actuacións sociais son os poderes públicos, porque son os nosos poderes. Os nosos muros protectores. Construídos coas nosas pedras.

Mañá temos a oportunidade de pór a nosa pedra, de construír o noso muro, de mirar con esperanza o noso futuro, de parar a corrente. Mañá debemos deixar de ser cómplices. Mañá debemos apostar por nós, polo público no social, nos coidados. Quizais cunha muller como presidenta.

Comentarios