Opinión

Vinte e cinco anos de Lorena Bobbit e outros mitos e fantasías feministas

Hai xa vinte e cinco anos, unha moza ecuatoriana, de 22 anos, casada desde os 19 cun marine USA que a dobraba en tamaño, cansa de recibir maos tratos, levantouse a beber un vaso de auga. Dous días antes pedira unha orde de alonxamento e agora acababa de ser violada polo seu esposo, de nome, non é un chiste, John Wayne, que durmía cunha profunda borracheira. No camiño do vaso, Lorena atopou un coitelo de 20 cm e sen pensalo colleuno, dirixiuse á cama e cortou o pene de John. A borracheira do marine era tan profunda que non espertaría até bastante despois, cando Lorena xa non estaba.

Lorena debeu conducir medio zombi co membro do seu marido na man, tirouno nun xardín e despois entregouse á policía e axudoulles a buscar o famoso membro que máis tarde sería reimplantado. Lorena resultou absolta. O Xurado entendeu que estaba nun estado de shock traumático. Continuou coa súa vida de esteticista, casou, moi ocasionalmente concede entrevistas e preside unha organización dedicada a axudar a mulleres maltratadas. John Wayne dedicouse ao porno unha temporada, despois foi condenado por maos tratos á súa nova parella e tamén por roubo nunha tenda, tivo varios episodios violentos.

No camiño do vaso, Lorena atopou un coitelo de 20 cm e sen pensalo colleuno, dirixiuse á cama e cortou o pene de John

 

Non podo dicir que Lorena Bobbit sexa un símbolo feminista, porque ademais de ser politicamente incorrecto, non me vou a poñer a repasar todas as leis que me poderían intentar aplicar.

Pero si podo dicir que no imaxinario feminista existen varios mitos. Fantasías que case todas as mulleres temos en momentos de impotencia. O outro día lembraba a escena na que Thelma e Louise se vingan dun camioneiro obsceno que se pasa unha parte da película amolándoas. Moitas mulleres nos sentimos vingadas metaforicamente nesa escena.

Outra das miñas fantasías feministas aparece na película Unha loura moi dubidosa: Un home incapaz de ver as mulleres como algo distinto dun anaco de carne fresca, amañece un día no corpo dunha muller maciza e comeza a ser tratado como unha muller obxecto. Ten que sentar para facer pis, o que lle resulta molesto, aguantar a regra, aprende a peitearse e maquillarse todas as mañás, a andar con tacóns para poder sobrevivir no mundo do traballo, onde descobre que non a escoitan tanto como cando era un home. Esa película nunca foi ben considerada pola crítica. Unha vez, no facebook, recomendeilla a uns homes bastante coñecidos, nun fío no que comezaron a súa resposta cun desafortunado: “Pero mulleriña…”. Parecíalles a peor película do mundo.

Outra das miñas fantasías feministas aparece na película Unha loura moi dubidosa

 

Todas estas fantasías quedaron en espectáculo. Lorena Bobbit cruzou a raia e fíxoa realidade como se se tratase dunha performance, unha auténtica fantasía do feminismo. Cortar aquilo que simboliza por excelencia o patriarcado: un pene. E non corta para nós, o público, soamente o pene do seu home. Corta un pene no sentido que describía tan ben aquela vella canción de La Trinca, grupo cómico musical formado por homes: “si por un simple colgajo, alguien se cree superior que lo exhiba en una urna con bolitas de alcanfor”.

Cortou o colgallo. E por moito que existan vítimas e delitos, por moito que, se me tocase exercer de avogada, habería de seguro moitas cousas que discutir, Lorena Bobbit é un mito, os mitos non son perfectos. Nin sequera hai que imitalos. Só están para recordarnos que en 1993, cun coitelo de cociña, unha fráxil muller de 22 anos atreveuse a cortar o patriarcado e as conciencias comezaron a cambiar. Uns anos antes Thelma e Louise fixéranos ser conscientes dos pequenos machismos molestos de cada día, da posibilidade de liberación e do prezo a pagar.

O asunto Lorena ocorreu cando aquí se estaba instalando a conciencia sobre os maos tratos, as primeiras casas de acollida. En Estados Unidos aínda estaban abertas as feridas do caso O.J. Simpson, declarado non culpábel da morte da súa esposa, nun complicado asunto (recomendábel a serie de Netflix). Visto con perspectiva, pode considerarse un punto de inflexión, de non retorno.

Comentarios