Opinión

“Me too”. Que tal se nos centramos no importante?

Cando tiña dezaoito anos, máis ou menos, un día subín no ascensor para ir á casa dunha amiga que vivía nun noveno. No ascensor, subiu comigo un homiño miúdo, vestido cun mono de traballo, que afortunadamente baixou varios pisos antes. No curto traxecto, magreoume unha teta, ou intentouno, non recordo moi ben.

Cheguei á casa da miña amiga alporizada, que era como se supuña que debería reaccionar, pensando que os seus país se escandalizarían. Buscaba o meu momento de protagonismo.

O pai da miña amiga, que sabía que aquel home non era ben e que mantiña varios fillos, comezou a bromear e a dicir: “hahaha, pobre… Que aspiracións ese orelludo! Se lle falta un fervor...”

Despois, sen abandonar o ton de broma, recomendounos que o evitásemos e incluso é probábel que falase con el. Agora penso que o mellor que fixo foi quitarlle importancia ao incidente. Así aprendín que non pasara nada, conseguiu que o incidente resultase gracioso, no lugar de traumático, e que vise que aquel pobre especimen era ridículo. Como di Catherine Millet, non te quedas traumatizada porque un home che toque unha perna. Eu engado, a menos que te convenzan de que te tes que quedar traumatizada.

Na miña mocidade houbo algúns outros tocamentos indesexados, que muller da miña xeración e de todas as xeracións non pasou por iso? A maior parte ridículos, iso que en casa chamamos optimismo masculino. É dicir, homes que manteñen as súas aspiracións a pesar de que ti non mostras ningún tipo de atracción por eles. A moitos non os volvín ver, pero a maioría aínda forman parte da miña vida dalgunha forma, xa que eran persoas máis ou menos próximas, coas que hoxe manteño boa relación e aos que procuro ter apartados da miña filla.

Na miña mocidade houbo algúns outros tocamentos indesexados, que muller da miña xeración e de todas as xeracións non pasou por iso?

 

Para min, o máis grave non son este tipo de incidentes, senón a opresión mental diaria. Lembro un obreiro da construción que, durante 18 meses, tres veces ao día, sentía a obriga de me dicir algo. Probei de todo, non mirar, pasar de longo, insultar, pararme con el e preguntarlle por que o facía (así conseguín que estivese quince días calado), pero nunca cambiei o meu camiño. Non, iso non é un piropo! Nunca me tocou, pero o que facía era algo peor, era darme unha mostra constante do seu poder. Daquela, gustaríame terme parado e darlle cun martelo.

Tamén hai un tipo de machismo que se dá, cada día, coas persoas coas que te ves obrigada a convivir, e que oprime aínda máis que o outro. Ese tipo de machismo fíxome pagar moitas peaxes, resulta máis profundo e nunca o perdoarei, porque en certa forma marcoume, pechoume camiños. Asistín case cada día, durante unha época da miña vida, a reunións onde a min nunca se me escoitaba porque era a única muller e, cando o reprochaba, respondíanme con gargalladas. Vivino tamén nun traballo onde eramos a maioría mulleres, con carreiras e experiencia. Trouxéronnos de fóra un encargado que non sabía onde tiña a man esquerda, pero alardeaba de ter estado nunha reunión (por certo de ínfima importancia) o día e á hora na que naceran as súas fillas. Cando unha compañeira, con máis anos de confianza e experiencia que aquel recén chegado, quixo avisar do desastre administrativo que se aveciñaba, non só non foi escoitada polos superiores, senón que nin sequera foi recibida.

Nunca me tocou, pero o que facía era algo peor, era darme unha mostra constante do seu poder. Daquela, gustaríame terme parado e darlle cun martelo

 

Vivín tamén ese machismo que me oprimía aquela vez que, de noviña, levei a un noivo e aos seus amigos no meu coche a Cambados. Estiven a punto de deixalos quedar en terra porque foron todo o camiño gastándome bromas humillantes, até facerme chorar. Non soportaban que a que conducise fose unha muller. A ese mesmo noivo contáballe as miñas propostas para a asociación na que ambos participabamos e despois chegabamos ás reunións e el expuña como propias, con gran éxito, ideas que eran miñas. Nesas mesmas reunións, descartábanse esas propostas ou outras parecidas cando era eu a que as expoñía.

Vin mulleres, sen méritos especiais, ascender rapidamente só porque ían con escotes, nunha época na que case ningunha levaba escotes. Cando elas falaban daba a sensación de que as escoitaban, ou quizais era que os homes simplemente calaban. Agora penso que esas mulleres igual tiñan razón. Con ese truco conseguían quitar do medio a aquela piara de atranca camiños.

Tamén hai un tipo de machismo que se dá, cada día, coas persoas coas que te ves obrigada a convivir, e que oprime aínda máis que o outro

 

As cotas nos partidos políticos e en certos organismos axudaron moitísimo. Había que buscar mulleres con talento, e non lles quedou outra que comezar a escoitar. As cotas fixeron falta porque eran homes os que elaboraban as listas. No ano 1999, con moito traballo, trasladeime a facer unha lista municipal ao meu concello, na provincia de Ourense, e como a “promotora” era eu, unha muller, sen buscalo conseguín unha lista case de cremalleira, a pesar dos enormes atrancos caciquís que tivemos para completala.

Agora vexo que moitas mulleres visten escotadas, aprenderon a lección das miñas amigas. Mellor telos distraídos? Encontreime con prostitutas, na quenda de oficio, con máis metros de roupa que outras clientas de clase acomodada, que aínda así tampouco chamaban a atención cos parámetros de hoxe. Xa non sabemos con que armas loitar para que non nos humillen? Usamos as súas propias debilidades para abrir o camiño que se nos pecha constantemente? E iso lícito?

As cotas fixeron falta porque eran homes os que elaboraban as listas

A percepción do “me too” ten ao meu entender máis que ver coa percepción do corpo como un investimento. É unha idea saída das actrices norteamericanas que sempre locen máis sexualizadas, operadas e escotadas. Teñen unha vision puritana. Son máis vulnerábeis aos tocamentos físicos que á opresión das palabras. Quizais sexa debido a un hándicap cultural, no mundo anglosaxón non se tocan entre si tanto como nos tocamos nós, os latinos.

As súas acusacións parécenme perigosas e non creo que nos beneficien como mulleres nin como feministas. Penso que ese tipo de denuncia acaba creando situacións inxustas, ao acusar indiscriminadamente a persoas que quedarán marcadas por feitos dos que non se poden defender. E acabará marcando tamén o feminismo como unha sorte de movemento non liberador senón acusador, que produce situacións inxustas.

A percepción do “me too” ten ao meu entender máis que ver coa percepción do corpo como un investimento

 

As defensoras do “me too” están actuando cun chisco de frivolidade, sen unha escala de importancia entre o que pode ser molesto, o ridículo ou o humillante. Non se pode tratar un roce no xeonllo coma se se tratase dunha violación.

Poderíamos comparar isto con algúns efectos non desexados da Lei de Violencia sobre a Muller, que todas as avogadas coñecemos e comentamos, só en privado, por medo a ser lapidadas, como lle pasou a Catherine Deneuve. O feminismo non pode ser simplificado en catro dogmas. Deberiamos facer novas reflexións, preguntar e debater serenamente, sen que ninguén se apodere das palabras. Certo que resulta máis doado contar unha película de bos e malos, pero a vida real é moito máis complexa.

Comentarios