Opinión

Mover os marcos á dereita

O PP da Coruña presentou a semana pasada unha moción no Pleno Municipal co obxectivo de paralizar extradición do cidadán venezolano Rolando Figueroa, un home que afirma ser membro destacado da oposición e polo tanto falsamente denunciado e perseguido polo “Réxime de Maduro”.

En realidade a este cidadán denegóuselle o asilo político solicitado porque o delito imputado é unha estafa a unha a muller que lle encargou a Figueroa medicamentos para curar o cancro da súa nai, previo pago nunha conta estranxeira de 230.000 dólares, nunha época na que en Venezuela había escaseza froito do bloqueo. Eses medicamentos nunca foron entregados e ademais a destinataria  do mesmos faleceu dunha metástase.

Saber se este home é un político relevante non é difícil. Hoxe pode comprobalo  calquera persoa con acceso a internet. Figueroa non ten unha soa mención na rede ligada á oposición venezolana antes da solicitude de extradición.  Pero pola contra si aparece o seu nome nunha sentenza na que figura como Director Xeral de Xustiza e Culto do Goberno Bolivariano. Por outra parte non parece ser unha persoa minimamente coñecida nin aquí nin en Venezuela. O día no que se celebrou o pleno non chegaba aos 250 seguidores en twitter.

Parece obvio que estamos ante unha manobra política.

Esta manobra ten varios obxectivos, desde facer ver que a única alternativa de goberno son as “democracias” occidentais e mostrar a Venezuela como un fracaso, até atacar as organizacións políticas progresistas obrigándoas a posicionarse publicamente con teses “indiscutibles” que non comparten, moitas veces enfrontándoas coas súas bases.

Vimos no Pleno aos dirixentes locais de BNG, Podemos e Marea afirmar que o asunto Figueroa era unha cuestión xudicial, sobre a que nin eles poden decidir nin teñen toda a información da que dispuxo a Audiencia Nacional. Tratándose dunha cuestión puramente de técnica xudicial non sería máis coherente cos seus discursos votar non á proposta do PP que quedar na abstención? Ou o que se estaba pedindo no fondo era unha condena política, outra, a Venezuela?

A forza que empuxa á esquerda europea cara atrás parece non ter fin. Pode que estas abstencións consigan evitar unha crítica por parte de certos sectores nun tema difícil de explicar neste contexto, pero a extrema dereita moveunos os marcos outra vez e volveu gañar terreo e conségueno en parte porque eles teñen as iniciativas.

Desde hai tempo BNG tratou de ser prudente, de evitar os asuntos controvertidos, de ser unha forza “homologable”. Pero, cando chegou ao poder, primeiro en alcaldías como a de Vigo, e despois ao Goberno da Xunta, os ataques resultaron igual de furibundos. Non importou nada que o BNG se comportase como unha forza “homologable”.

Temos que aprender todos. Eu mesma defendín esa postura “prudente”  porque entendía que urxía actuar tanto no que respecta a lingua, como no baleiro de poboación que se está creando no interior. Pero debo lembrar que non se permitiu ningunha política que diferise das liñas oficiais.

Daquela,  a dereita mentiu de forma descarada sobre o idioma ou sobre o Banco de Terras. Descualificou o vicepresidente Quintana até de forma persoal e a maior parte do traballo feito polo bipartito perdeuse.

Hai días, alguén dicía na radio que o feito de que gañase Le Pen non cambiaría nada porque Europa ten mecanismos suficientes para evitar cambios importantes. Esa é a cuestión, porque unha cousa é defender unha certa estabilidade e outra que forzas que non se presentan ás eleccións, tales como grupos investidores, impidan gobernar de verdade.

Estamos ante un retroceso que avanza a saltos. Un dos máis destacados deuse cando se produciu o secuestro de Miguel Ángel Blanco. O ambiente era abafante e agresivo. Non se intentaba razoar, só condenar, insultar, odiar.

A partir dese intre, acabouse calquera tipo de debate intelixente sobre ETA, até o punto de que, antes de mencionar as siglas, era preciso dar un responso de insultos contra a organización.

ETA non era o noso tema, pode argumentar calquera. E é certo en parte. Digo en parte, porque ningún nacionalista galego se librou de ser relacionado con ETA nalgún momento. Eu lembro especialmente un. Acababan de estoupar as bombas de Atocha, eu estaba na práctica xurídica. No Xulgado gardouse un minuto de silencio poucas horas despois. Un xuíz co que xa tivera un tropezo nas prácticas polo uso do galego, dirixiunos a un compañeiro da CIG e a min e unha mirada fulminante de odio. De pouco servía desmarcarse, mais ese esforzo por desmarcarse leva sempre a renuncias de carácter práctico.

Pero cando as renuncias resultaron mais visibles foi a partir do xurdimento da COVID. Nin un só cuestionamento. Censuráronse páxinas e contas de persoas que simplemente se facían preguntas, moitas desde un punto de vista científico ou xurídico. Insultouse ás persoas que non confiaban nas vacinas porque consideraban que non estaban o suficientemente testadas. Proliferaron buscadores de fake news. Algúns, como “maldita ciencia”, chegaron a denunciar a científicos discrepantes, coa particularidade de que estas empresas de checking están formadas por xornalistas. Afixémonos a que, cando escribiamos a palabra COVID, aparecese nas nosas redes sociais un anuncio lembrando os mantras consabidos. Asumimos o confinamento, a imposibilidade de ver e tocar a amigos, a imposibilidade de desprazarnos, a obriga de usar tapabocas en exteriores en contra do recomendado polos propios científicos oficiais. Estivemos dous anos practicamente sen actividade política de base, sen reunións, sen convivencia.

A COVID mudou a nosa forma de vida e de relacionarnos. Creouse un estado de ánimo e unha costume que permitiu que a censurar Sputnik e RT non resultase un escándalo maiúsculo.

Si, a guerra en Ucraína é outro punto no que non debemos retroceder. A guerra, que comezou en 2014 cando Estados Unidos apoiou e promoveu o golpe de estado no país,   non é unha cuestión tan simple como para zanxar cun bonito “non á guerra”. Ten que haber un debate porque se xogan moitas cousas. A Unión Europa como unha especie de Estado Asociado dos EEUU, disparando contra os seus propios intereses económicos merece unha reflexión. Pola contra, temos que comportarnos como se se tratase dunha cuestión de fe. É incrible que os colexios públicos luzan unha bandeira de Ucraína, cuxo Goberno ten dado mostras de comportamentos nazis e que está sendo instrumentalizado para atacar a Rusia desde occidente. Ou é a China a quen se busca mermar?

A asunción por parte da esquerda europea das denominadas “razóns de estado” leva a unha perda do debate e a un desprazamento a cada máis da dereita. É esa extrema dereita quen se acaba por beneficiar. Así o fixo coas cuestións relativas a pandemia e con outros temas dos que nunca fala e que deixaremos para outra ocasión.

Comentarios