Opinión

A Covid-19 e os perigos do pensamento único

Hai varios días, ao entrar nun restaurante, a posición do xel hidroalcólico trasladoume de repente á aldea, á pía da auga bendita da nosa igrexa barroca. Cando era nena mollaba alí as mans antes de entrar en misa. Era o meu ritual favorito.

Desde a chegada da Covid-19 fomos acumulando rituais novos. Algúns por fortuna non prosperaron, como o de deixar os zapatos no descanso das escaleiras ou aquelas luvas de plástico. Na época máis dura do confinamento, un dedo desas luvas procedente dunha caixeira do súper  chegou na bolsa da compra á miña casa.

Pero o peor foi descubrir como reacciona a xente co medo. O mundo das ideas faise máis pequeno, hai persoas que precisan dun relato e cando discuten, e mesmo insultan, en realidade pelexan cos seus medos, sen ser en absoluto conscientes.

Un día, despois de discutir cun amigo, véuseme á cabeza a Inquisición e comprendín a aceptación que no seu momento tivo por parte da maioría da xente. Non se trataba só de impoñerlle a fe aos demais. Tratábase sobre todo de preservar a propia para evitar as angustias que provoca a incerteza, os medos dunha sociedade na cal as colleitas non estaban garantidas, porque chegara unha época de frío glaciar que non podían comprender e con el novas enfermidades.

Nos tempos da Inquisición e incluso antes, ás e aos que tiñan ideas desviadas chamábaselle “herexes”. Centos de persoas foron queimadas na fogueira por manter rituais, en ocasións simplemente precristiáns. Galileo tiña a todas e todos os científicos na súa contra. Non se permitía dubidar dunha concepción do espazo diferente do heliocentrismo. Servet, un científico que ousou descubrir a circulación sanguínea, foi á fogueira en Xenebra polas súas reflexións sobre a Trindade e por defender o bautismo na idade adulta. A propia medicina actual tivo que enfrontarse a moitas supersticións.

Hoxe temos unha nova forma de herexes aos que chamamos negacionistas. Sen distinción de rango, van desde Luc Montagnier, premio Nobel de medicina, virólogo que descubriu o virus da SIDA, pasando polos que simplemente dubidan, utilizando o sentido común, dalgunha norma relativa á Covid-19, até os errantes membros de Vox e un Miguel Bosé con aspecto de cromo. Dise que poñen en perigo a comunidade. Nalgúns foros chámaselle “terraplanistas”. Volvemos á condena a Galileo por insinuar o contrario.

Naceu unha nova relixión, a dos seguidores do Telediario que contabilizan os contaxios case cada día, que teñen unha fe cega nuns cantos conceptos científicos, aprendidos como un catecismo e que se negan a atender máis matices, a facer preguntas. Esquecen que a ciencia non é unha cuestión de fe e que a propia ciencia invita a cuestionalo todo e a explorar as diferentes posibilidades. Esquecese que a finalidade das normas de prevención  non é propio cumprimento en si mesmo senón non evitar o contaxio.

Todo vale para autoconvencerse de que, seguindo os protocolos indicados, van resultar invulnerábeis. O medo á dubida saca a agresividade dalgunhas persoas contra quen intenta facelas razoar.

Hai pouco ía paseando por unha estrada local sen tapabocas, porque non había ninguén en cen metros. De repente apareceron case seguidas dúas persoas. Iámonos cruzar a máis de seis ou sete metros de distancia, cando vexo que unha case se tira dun valado e a outra estivo a piques de trepar por un coche que había arrimado á cuneta. Ao día seguinte volvín pola mesma estrada tamén sen tapabocas, pero en bicicleta. A lei permite a práctica de deporte sen cubrir a cara. As persoas coas que me atopei non só non escapaban senón que me saudaban, pese a que ía na bicicleta polo medio da estrada e pasaba preto delas. Seguramente pensaban que era a lei a que os protexía do virus.

O exemplo máis paradoxal está nos bares. Imos co tapabocas posto pola rúa e sentamos a comer, entón quitamos o tapabocas mentres comemos ou falamos, precisamente cando estamos máis preto uns de outros e ademais nun local interior. Ao rematar saímos ao aire libre e poñémolos novamente.

Tamén é importante a hixiene dos propios tapabocas. Vense moitos de longa vida. Unha anciá do meu barrio anda sempre cunha máscara cirúrxica de cor xa tirando a negro. Ademais, ao ter que levalas postas tanto tempo, tendemos a quitalas ou baixalas a cada pouco para respirar, contaminándoas coas mans, coas mesas, nos bolsos. Algunha vez teño sido testemuña de intercambios de forma accidental  de máscaras entre dúas persoas. As de tea poden diferenciarse e lavarse pero súan moi rápido e xeran bacterias.

Desde a chegada da Covid-19 temos escoitado moitas veces a expresión “inmunidade de rabaño”. É moi atinada porque un dos aspectos máis interesantes e máis duros, desde o punto de vista da convivencia nestes meses, foi descubrir o comportamento de rabaño.

Non fomos capaces de ter uns criterios claros para evitar o contaxio. En cambio seguimos as normas cegamente cando non teñen ningún sentido pero temos comportamentos de risco, senón están expresamente prohibidos.

Despois están os efectos psíquicos do confinamento, só apunto dous casos que me tocaron de preto: un día nunha garda de asistencia ao detido encontreime cos policías desbordados polas chamadas de veciños de enfermos psíquicos; outro caso foi o dunha morte próxima e prematura non causada pola infección, senón precisamente pola angustia provocada polas medidas preventivas.

Os políticos e científicos téñense esforzado en darnos recomendacións, o propio Fernando Simón ten dito que o mellor é aplicar o sentido común, Feijóo, utilizou o slogan “sentidiño”. Pero neste país non se educa a xente para pensar. Seguimos co catecismo.

Temos que aprender a convivir e sobrevivir, sen que nos digan que facer. Temos que aprender cando hai que poñer as máscaras e cando non. É fácil. En Portugal non son obrigatorias en exteriores, pero se vas a Valença, á Fortaleza, o máis seguro é que a leven posta porque hai aglomeración. Nas praias de Áncora desde logo non. En cambio, na farmacia ou na tenda ninguén intenta entrar sen ela.

Hai que afrontar que non sabemos moitas cousas, que hoxe o virus se trata mellor que ao principio da pandemia. Que, como din os chamados negacionistas, o concepto de pandemia é un concepto administrativo.

Hai que aprender a convivir con isto, porque a alternativa pode ser moito peor e non podemos soster esta forma de vida durante moito tempo por diversos motivos. Para empezar económicos. Haberá que seguir pagando as pensións, producir alimentos e medicamentos.

Temos que asumir o principal risco da vida, a morte. Pode ser que durante un tempo non sexa posible vivir nun mundo libre da Covid-19 e que teñamos que convivir co virus, como conviven no terceiro mundo coa malaria, co dengue, co chagas ou co cólera, con prudencia, profilaxe, cambiando algúns hábitos pero sen sobre actuacións. Como convivimos sabendo que nos temos que facer vellos ou que podemos morrer nun accidente de coche.

Pero hai tres cousas que non deberiamos consentir: que se nos entolde a razón ou que perdamos a liberdade para debater razoamentos ou hipóteses diferentes, simplemente porque estamos presas do pánico como os seguidores da Inquisición que tiñan medo a dubidar das súas crenzas. E sobre todo non esquecer que non son as leis as que nos protexen da COVID ou de calquera enfermidade contaxiosa senon os criterios de limpeza.

Debemos vivir e non limitarnos a vexetar, pensando exclusivamente en non morrer, porque ese é tamén un xeito de estar medio mortos.

Comentarios