Opinión

Sobre a reforma eleitoral: a espada de Damocles dos Pobos de Europa

O Parlamento Europeo vén de dar luz verde a un informe favorable á reforma da Lei Eleitoral Europea. Con este proxecto, cada Estado Membro poderá impor un plafón, un umbral ou porcentaxe mínima de voto que poderá oscilar entre o 2% e o 5%. De levarse a cabo, será a espada de Damocles pendurada sobre os Pobos de Europa.

O Consello da Unión Europea, movido por Frau Merkel, coa escusa do medo á extrema dereita que agroma e bota brazos, resucita unha lei electoral de 1979. Máis non é ese o único motivo. Non nos enganemos. O obxectivo é tamén deixar fóra da Eurocámara as forzas nacionalistas e de esquerda. E esta proposta, que afecta especialmente ás circunscricións únicas con máis 35 escanos como o Estado español e Alemaña, ten sido respaldada maioritariamente onte [reférese á cuarta feira] no Parlamento Europeo maioritariamente por eurodeputad@s dos grupos dos populares e socialistas europeos, a gran coalición. 397 votos favorables, 207 en contra e 62 abstencións.

Así as cousas, só fica unha lectura posible do acontecido: Os dous grandes grupos políticos da Eurocámara manobran ao seu antollo para garantir non só a súa presenza no Parlamento Europeo, senón eliminar a formas como o BNG, Esquerra, Bildu, Compromis, PNV, ou PdCat, entre outras.

E o que é máis grave: Que estas forzas políticas queden fóra da Eurocámara suporia eliminar a diversidade cultural, plurinacional e política e deixar a millóns de cidadáns e cidadás sen representación. A reforma está plantexada para as eleccións de 2024, máis nada garante que non se poña en marcha para as vindeiras eleccións de maio do 2019.

A reforma está plantexada para as eleccións de 2024, máis nada garante que non se poña en marcha para as vindeiras eleccións de maio do 2019

 

Non podemos de deixar de preguntarnos como pode afectar Galiza. Desde o BNG temos claro que quedar fóra da Eurocámara suporia unha discriminación para Galiza. Nosa traxectoria e defensa en Bruxelas e Estrasburgo aválanos, suporia deixar sen voz os nosos sectores produtivos, as persoas afectadas pola precariedade laboral, polos abusos das hipotecas, as vítimas do Alvia, a nosa loita pola liberdade de expresión, a loita pola igualdade, o medio ambiente, as persoas refuxiadas. Sabemos como defender a un País e queremos seguir defendéndoo onde se decida. Non no noso nome. Por nós mesmas e mesmos. Chorar porque o BNG estea cando non estea, é tarde, como xa vimos noutros lares parlamentares, o que cómpre é ter garantia desa participación sen cancelas para que diversidade política do Pobo galego continúe no Parlamento Europeo, igual que a doutros Pobos irmáns de Europa.

Desde o BNG temos claro que quedar fóra da Eurocámara suporia unha discriminación para Galiza

 

Por iso seguiremos traballando, falando e reuníndonos co resto de eurodeputados e eurodeputadas, como viñemos facendo até agora, para convencelos de que non se pode cercenar a diversidade, non se pode limitar a pluralidade se queremos ter un Parlamento verdadeiramente democrático e que serva para representar as voces plurais. E reclamándolle ao Goberno estatal que non apoie esta reforma diacrimininatoria.

 

Comentarios