Opinión

Alborada das Mulleres Galegas para Luisa Viqueira Landa

Hoxe estamos aquí para traerlle a unha muller digna a benvida dun Pobo, para honrala con agarimo e emoción cunha Alborada á liberdade. 

Hoxe Luisa Viqueira Landa volta á Terra, ao lar de onde foi desterrada, ao lugar no que derramaron as esperanzas da rebeldía. 

Ouces, 18 de abril de 2015

Hoxe estamos aquí para traerlle a unha muller digna a benvida dun Pobo, para honrala con agarimo e emoción cunha Alborada á liberdade. 

Hoxe Luisa Viqueira Landa volta á Terra, ao lar de onde foi desterrada, ao lugar no que derramaron as esperanzas da rebeldía. 

"Luisa Viqueira Landa volta á Terra, ao lar de onde foi desterrada, ao lugar no que derramaron as esperanzas da rebeldía". 

A Terra-Nai abre seu ventre en silencio e caen os valados. Porque non hai valados eternos que resistan o peso da memoria que quixeron borrar os represores da impunidade. 

Para ela, traemos a flor dos montes galegos, o mar rebelde e o nordés, as augas mansas dos mil ríos, as “brétemas vaporosas” das que falaba súa amada Rosalia, as silveiras, as devesas e as pedras mudas.

Para ela traemos as pombas da liberdade das que falaba Lorenzo Varela. 

Porque como Pobo temos que alzar un berro contra a memoria borrada que quixeron, e queren cementar autores e cómplices, pasados e presentes. Deciao Luis Seoane no poema “Desterrados”:

     “Nesta mesma Terra onde nace o que amamos,tamén naceron os verdugos e todos seguen                 asexándonos en silencio, implacabeis”

"Quixeron esquencer ás mulleres comprometidas que foron perseguidas, torturadas, fusiladas, violadas, inhabilitadas e encarceradas"

Quixeron que non esquenceramos os corpos nas cunetas e as bandeiras asulagadas de sangue. Quixeron esquencer ás mulleres comprometidas que foron perseguidas, torturadas, fusiladas, violadas, inhabilitadas e encarceradas, a todas as mulleres que fuxiron ao exilio, moitas sen retorno. Luisa Viqueira Landa foi unha delas, como outras das valentes mulleres da súa familia, obrigadas a coller os vieiros da fuxida da morte á vida. 

A nosa Alborada tamén é para elas, para non esquencer a historia roubada e agochada da resistencia femenina das mulleres republicanas. 

Luisa era producto desa semente de resistencia e ao longo dunha durísima vida de periplos forzados e finalmente en México, sempre estivo ergueita, coherente co seu compromiso na defensa das liberdades e dereitos humanos. Sempre en pé no seu activismo antifeixista, democrático e cultural, gardando a Galiza nun exilio de 77 anos. 

Xoan Vicente Viqueira, seu pai, co que hoxe se xunta neste lugar de Ouces, e de quen herdeu esa semente de amor pola Terra e pola língua, decia que “ser galegos tamén implica un compromiso coa humanidade”. O que ela tivo en tantos lugares, axudando, curando, ensinando, e tamén co compromiso político con Galiza. No Consello de Galiza, na revista Vieiros de México, na radio en “Galiza en pé”, na revista Terra e Tempo, e tantos outros compromisos ideolóxicos e culturais. 

<"E a Nosa Terra ceíbase para ela, para recoller neste día de primavera a herdanza do legado de dignidade que hoxe nos xunta como Pobo neste eido". 

As exiliadas e exiliados contrúen e reviven lugares vividos e outros imaxinados. Resúmeo a poeta Luz Pozo Garza no poema “Na banda do desterro”:

        “Tirei do noso herdo un fío e contruin na concordia das Patrias o pazo de granito e verbas consagradas”. 

Luisa volta a Galiza, á Matria

E a Nosa Terra ceíbase para ela, para recoller neste día de primavera a herdanza do legado de dignidade que hoxe nos xunta como Pobo neste eido. 

E Nós, as Mulleres, cantamos a Alborada da Nazón galega para a súa filla querida, para a nosa irmá, Luisa Viqueira Landa. 

Xa é tempo de voltar á Terra. Para sempre, na túa Galiza amada. 

Discurso pronunciado na homenaxe a Luísa Viqueira en Ouces, no acto no que as súas cinzas foron soterradas ao pé das de seu pai, Xohán Vicente Viqueira. 

Comentarios