Opinión

Unha aproximación ao tema do consentimento nos delitos sexuais

A decisión de promover a formación dun grupo de traballo dirixido a elaborar un protocolo de actuación en materia de delitos sexuais baseouse en tres motivos fundamentais, que foron os que me levaron a iniciar dito proxecto e a defender unha vez culminada esa fase, a necesidade da súa implementación. O primeiro, a comprobación no meu ámbito profesional,como maxistrada nun xulgado de instrución,da existencia de deficiencias graves na fase de investigación dos delitos de dita natureza, circunstancia que puña en risco o éxito do proceso penal, entendendo por éxito lograr o acerbo probatorio que permitise, tras a celebración do xuízo correspondente e con respeito a todas as garantías procesuais, a condena da persoa ou persoas autoras dun delito tan extremadamente grave.
 
O segundo obxectivo era lograr reducir a intensa vitimización secundaria que o proceso penal provoca ás vítimas destes delitos, isto é, o sofremento psicolóxico derivado do propio procedemento policial e xudicial, que se ben en principio tería como finalidade auxiliar e protexer á vítima, paradoxalmente, se acaba convertendo nun elemento vitimizador, no que non se concede á vítima o papel central do proceso senón que é utilizada, e así se sente por aquela, como un instrumento da investigación. De aí as reticencias existentes por parte das vítimas á hora de denunciar este tipo de delitos, de xeito tal que moitos deles non son perseguidos, tanto porque dito temor ao proceso disuade ás vítimas de acudir ás dependencias policiais ou xudiciais para denuncialos, ou incluso, e a pesar de ter iniciado o contacto con ditas institucións acudindo ás mesmas para asesoramento, declinando finalmente denunciar.
 
A terceira finalidade que alentou a iniciativa foi visibilizar a morea de prexuízos de xénero que rodean este tipo de investigacións e que inciden nas mesmas, conducíndoas incluso ao fracaso, e por tanto, á impunidade dos culpabeis. É a miña intención neste artigo centrarme neste último aspecto convencida de que se trata dunha cuestión que enlaza directamente coa concepción aínda existente nunha parte da povoación, e por tanto nas institucións , sobre a sexualidade feminina, e que por tanto condiciona a compresión deste tipo de delitos dando lugar en moitas ocasións a resultados nefastos,tanto no que atinxe á investigación dos mesmos como no trato outorgado ás vítimas.
 
Como non é posíbel examinar todos os supostos nos que eses prexuízos afloran nos investigadores(policiais e xudiciais), voume centrar nos supostos de delitos sexuais cometidos no contexto da existencia de contactos previos entre autor e vítima a través dalgunha das numerosas redes sociais ou aplicacións de contactos existentes na actualidade. É un feito constatado que ditas vías de comunicación constitúen actualmente unha fonte primordial de coñecemento e contacto para o sector de povoación de menos idade, pero cobra pulo tamén noutros sectores de maior idade que están tamén adentrándose con forza no mundo tecnolóxico,de xeito tal que o primeiro coñecemento presencial se substitúe cada vez máis por un inicial contacto telemático.
 
Neste contexto, moi especialmente no sector de povoación de entre aproximadamente os 15 e os 30 anos, teñen lugar múltiples encontros sexuais entre persoas que até ese intre eran totalmente descoñecidas, polo que esa primeira experiencia sexual vai precedida moi a miúdo dun intercambio de chamadas, de mensaxes de texto ou voz ou do envío de vídeos ou fotografías de carácter íntimo. Nestas comunicacións abórdase de xeito máis ou menos explícito a vontade de manter relacións sexuais nese primeiro encontro presencial , concretando incluso en ocasións as práticas concretas que se queren compartir.
 
Desgraciadamente, esa nova fórmula de contacto e coñecemento que propician as novas redes sociais desemboca, con certa frecuencia, en delitos sexuais nos que precisamente a existencia dese intercambio previo de manifestacións recíprocas sobre o desexo de manter un encontro sexual se converte nun obstáculo na investigación derivado dos prexuízos antes aludidos.
A constatación profesional lévame a afirmar que os operadores policiais e xudiciais centran a investigación nesas manifestacións previas sobre a vontade de manter relacións sexuais para desbotar a existencia de delito, amparándose na concorrencia de probas claras do outorgamento, por parte da presunta vítima, do seu consentimento ao acto sexual  denunciado.
 
Con esta interpretación do consentimento, o resultado é que calquera manifestación de apetencia ou desexo sexual previa ao acto en si mesmo se converte nunha proba de aceptación do mesmo, a pesar da declaración contraria da vítima que afirma non telo consentido. Esta interpretación resulta especial grave cando o dobregamento do consentimento non foi acompañada de actos de violencia, cuxo resultado lesivo poda ser utilizado como proba do non consentimento. Se esas probas de violencia física existen, os investigadores non necesitan interpretar eses actos previos porque o uso da forza si que resulta comunmente aceptado como proba do delito.
 
Porén, existen múltiples delitos sexuais nos que a forza utilizada non deixa rastro(pensemos simplemente nunha inmobilización causada por un corpo masculino de maior envergadura física situado enriba do da vítima), ou nos que a violencia non resulta precisa para intimidar á vítima(lugar solitario no que a vítima ten ante si a unha persoa verbalmente ou xestualmente agresiva). E o anterior sen referirnos, por falta de tempo, aos supostos nos que a vítima se atopa afectada pola inxesta dalgunha substancia química(de forma voluntaria ou non), situación no que o agresor pode atentar contra a liberdade sexual da vítima sen atopar nengún tipo de resistencia.
 
Á afirmación que efectuamos no inicio deste artigo de que o prexuízo nestes casos parte da falta de coñecemento e entendemento dos investigadores da sexualidade feminina, engadiremos tamén a súa ignorancia a cerca do verdadeiro conceito de consentimento no terreo sexual. Ese consentimento non pode interpretarse como potencial, a futuro e incondicionado, de xeito tal, que unha simple manifestación de apetencia se converta nun contrato cuxa obrigación sexa esixíbel e de obrigado cumprimento.
 
Nunha interpretación baseada nos estereotipos da sexualidade depredadora(no sentido de permanentemente desexosa e incondicionada, como unha especie de instinto incontrolábel),  que ordinariamente se asocia coa sexualidade masculina, non pode aceptarse como críbel a versión da vítima que recoñece con naturalidade que expresou desexos de índole sexual que sen embargo non concorreron no intre do acto sexual en si, que por tanto foi inconsentido.
 
Para poder apreciarse esa falta de consentimento debe admitirse que a sexualidade feminina ten as súas características propias, afastadas da idea depredadora antes aludida, cos seus ritmos e preferencias, e en todo caso,  que ese desexo potencial só se perfecciona no momento mesmo do acto e atendendo a múltiples circunstancias. Algo tan simple como que non inspire desexo sexual a persoa descoñecida unha vez saída do anonimato da rede social.
 
Non quero que o anterior leva baixo nengún conceito a interpretar que estamos a minusvalorar, degradar ou minimizar o desexo sexual feminino, todo o contrario, estamos a reivindicar o dereito das mulleres a viver en plenitude a súa sexualidade sen seguir o modelo patriarcal masculino.
 
En todo caso, e sen entrar en disquisicións desa índole, resulta obvio que para unha cuestión como a que nos ocupa, unha manifestación de desexo previa, potencial e descontextualizada, non pode ser suficiente para excluír a necesidade dun consentimento actual e pleno no propio intre do acto sexual.
O anterior parece unha cuestión obvia pero non o é tal se observamos que no debate público se ridiculizan as pretensións do movemento feminista de considerar como delito todos aqueles actos sexuais nos que non concorra o consentimento de todos os participantes no mesmo. Mófanse algúns argumentando que se pretende esixir o outorgamento dunha escritura pública que recolla o consentimento para participar no acto sexual, desprovendo así de toda espontaneidade ao mesmo.
 
Nada máis lonxe da nosa intención. O que estamos a postular é que a manifestación de vontade que equivale ao consentimento é a que concorre no intre do acto en si. E, por certo, pode ser explícita ou implícita, ao igual que o pode ser a falta do mesmo, que se pode concretar na manifestación dunha negativa rotunda, nun afastamento dunha man, nun pranto, nun aceno de dor ou de manifesta incomodidade. Estes son os supostos que nos estamos a atopar nos xulgados de instrución. Manifestacións de desexos previas e negativas claras no acto mesmo, expresadas dos xeitos antes descritos e que para un interlocutor respetuoso non deberían ofrecer dúbida interpretativa.
 
Sucede que con certa frecuencia o estudo desas mensaxes e comunicacións previas, invocadas polo presunto agresor como proba do consentimento, poñen fin á investigación, ou debilitan a valoración da credibilidade da vítima até o ponto de condenar a instrución ao seu arquivo.
 
Os interrogatorios destas vítimas xiran intensamente sobre a apetencia sexual manifestada nesas comunicacións, moito máis aínda se ousou engadir a estas o envío de vídeos ou fotografías íntimas, o que se interpreta como unha vontade incondicionada de ter sexo co receptor ou interlocutor.
 
Obviamente, ante ese interrogatorio a vítima síntese cuestionada, e ao sofremento inherente ao delito sexual do que ven de ser obxecto únese a sensación de incomprensión e desamparo, e tamén de cuestionamento a esa actitude procaz que parece querer negar coa súa denuncia.
 
Resulta por tanto indispensábel que todos, operadores policiais e xudiciais, pero tamén a sociedade no seu conxunto, reflexionemos sobre os múltiples prexuízos existentes que en realidade responden a un profundo descoñecemento sobre a sexualidade feminina, de xeito tal que interpretamos todos os actos sexuais desde a perspectiva da visión sexual predominante, a masculina depredadora(aclarar que utilizo visión como construto ideolóxico non como a forma de vivir a sexualidade todo o sexo masculino, conformado por millóns de individualidades distintas.)
 
Debemos apelar tamén á responsabilidade das persoas con proxección pública, con capacidade para crear opinión e debate, para que non banalicen a cuestión relativa á interpretación da concorrencia de consentimento nun acto sexual, por ser esta unha cuestión nuclear na delimitación entre o disfrute dunha liberdade sexual plena e pracentera e un ignominioso ataque sexual. Así de simple, e así de grave e transcendente.

Comentarios