Opinión

Póñense nomes galegos ou non?

Son citada, sen que se diga o meu nome, nun artigo publicado en Nós do 7/11/20 escrito por Francisco Rodríguez. Estraña que o autor, que se cualifica como historiador (amais de crítico literario) non acuda directamente ás fontes e cite opinións de segunda man. Agora os lectores da súa columna tiveron que ler as miñas de terceira man, a través da súa voz. Refírese a unha entrevista telefónica publicada no xornal de máis difusión en Galicia. Parece que eu non me fixen entender, que o xornalista non recolleu ben as miñas palabras ou que as deste non foron ben comprendidas, porque aí, nesa terceira man, repítense cousas que eu pretendía clarexar e aparecen novos malentendidos.
O que eu quería clarexar é unha afirmación que lemos nos xornais galegos escritos en español cada vez que xorde o tema, e que repite o autor do artigo de Nós: “ningún nome galego ou en galego ocupa un dos primeiros dez lugares entre os rexistrados para as crianzas nadas en 2019”. Pois ben, iso é falso. En realidade, é case ó revés. Nesa listaxe só hai un nome feminino en castelán (Martina), dous masculinos (Martín e Pablo), un hipocorístico italiano (Enzo, de Vincenzo) e un neoloxismo onomástico que posiblemente veña do inglés (Leo). Os demais son nomes galegos e en galego: Lucía, Sara, Valeria, Alba, Manuel, Daniel, Lucas…  Hai un vello prexuízo que consiste en considerar como galego só o que é diferencial do castelán. Dar a entender que estes nomes citados son casteláns ten como consecuencia falsear a realidade (e privar a nosa lingua dunha cantidade enorme de palabras). A nosa é unha lingua románica e, como tal, comparte léxico coas da nosa contorna. Ou é que en Portugal os nomes Daniel, Francisco, Rodrigo, Ana, Isabel, María, etc. son tamén casteláns?

Hai un vello prexuízo que consiste en considerar como galego só o que é diferencial do castelán

En segundo lugar, eu nunca dixen que a elección dos nomes se deba ó espírito conservador dos galegos. Comentáballe ao xornalista que me entrevistou que o conxunto dos nomes masculinos adoita ser máis conservador có feminino (non só en Galicia, senón nas linguas do noso ámbito cultural), o que se pon en relación coa vinculación tradicional dos nenos coa continuidade familiar. Iso tradúcese en Galicia en que hai máis nomes en castelán para os nenos ca para as nenas; o conxunto dos nomes femininos amosa máis variabilidade e creatividade (aínda que iso tamén está comezando a cambiar). O resto das observacións que me atribúe o articulista de Nós non teñen que ver comigo. Convídoo cordialmente que lea directamente os meus traballos sobre o asunto, dispoñibles en liña.

Tamén creo, e así o comentei, que a diferenza entre a proporción dos nomes distintivos das linguas propias en Galicia con respecto ao País Vasco e a Cataluña se debe á diferente asunción da conciencia nacional entre os respectivos territorios. E que a lingua está aquí menos prestixiada, e que non hai exemplos públicos que favorezan os nomes galegos (e a restauración dos nosos apelidos), etc. Malia todo isto, a proporción dos nomes diferenciais en galego non parou de medrar desde que rematou a ditadura e desapareceron as pexas legais que os impedían. Nos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística, correspondentes a 2019 na lista dos 50 nomes máis frecuentes dos neonatos figuraban os seguintes nomes galegos con forma distintiva:

•    Brais, Roi, Antón, Iago, Anxo, Xoel, André, Lois, Xián, Martiño             

•    Uxía, Sabela, Antía, Iria, Xiana, Erea 

É máis, hai nomes en que a forma galega está amplamente estendida fronte a unha presenza case testemuñal da correspondente forma española: así Brais fronte a Blas, Uxía/Uxío fronte a Eugenia/Eugenio ou Anxo fronte a Ángel.

É un feito incontestable a renovación antroponímica da sociedade galega e a súa maior galeguidade

Por tanto, é un feito incontestable a renovación antroponímica da sociedade galega e a súa maior galeguidade. Que se cadra non nos parece abonda? Pode ser, pero os feitos están aí e a tendencia segue a ser ascendente. Un xornal coma este debe expor os datos tal e como son, e non servir de caixa de resonancia dos medios de comunicación que non perseguen precisamente a normalización da lingua. É cara aí onde debemos avanzar.

Comentarios